FESTIVAL MÚSICA NO CLAUSTRO 23 #concéntricas \\

Festival de música, patrimonio e creación. 
Do 1 ao 7 de agosto. XVII edición.
Catedral de Tui 

Música no Claustro celebra a súa XVII edición do 1 ao 7 de agosto. Un programa de música, patrimonio e creación dirixido polo concertista e investigador tudense Samuel Diz no que conflúen diversas narrativas #concéntricas que teñen como punto de encontro o legado artístico da Catedral de Tui, sede oficial do festival dende o ano 2005.



SETE CONCERTOS

Sete concertos de entrada libre que brotan do silencio pétreo dun dos claustros máis antigos das catedrais atlánticas. Linguaxes renovadas que beben do legado oral da música tradicional galega con Davide Salvado, do flamenco con Niño Ruven, ou dos ritmos e melodías da coste oeste de África da que provén o malinense Ballaké Sissoko, referente mundial da kora. Música no Claustro, co respaldo de AIE, achega as inquedanzas da nova escena musical co percusionista Diego Casado e co trío de jazz liderado pola saxofonista Irene Reig.

A Catedral de Tui, motor artístico e cultural ao longo dos séculos, acolle dúas residencias artísticas que abren e pechan o círculo desta edición: a da organista Silvia Márquez Chulilla, directora do ensemble La Tempestad, co obxectivo de afondar na investigación e interpretación do arquivo musical catedralicio; e da oboísta galega Iria Folgado, solista da Konzerthaus Orchester Berlin, quen regresa ao festival para gravar o seu primeiro traballo discográfico ao carón das irmás tudenses Raquel e Sara Areal.

Un programa de concertos de entrada libre grazas ao compromiso do Cabido Catedralicio, da Concellaría de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universiades da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cultura, xunto aos apoios privados de Cabreiroá, Gadis e o mecenado de Javier Vales.

TOQUE MANUAL DE CAMPÁS E RESONANCIAS, FORO PROFESIONAL DE CONSTRUCIÓN DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Música no Claustro e a Asociación Campaneiros de Galicia celebran a recente declaración do toque manual de campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO cunha intervención sonora previa aos concertos que fai vibrar o bronce dos sinos catedralicios. En paralelo, o Ministerio de Cultura e Deporte participa no foro profesional Resonancias® 23 analizando os pasos dados e retos desta protección patrimonial, xunto á visita a Campás Ocampo, obradoiro artesanal con máis de 400 anos de historia.

O 2 e 3 de agosto, profesionais da construción de instrumentos musicais e o deseño reúnense en Tui ao carón de perfís técnicos como a enxeñaría ou a xestión de coleccións museísticas. A terceira edición do foro profesional Resonancias impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, ao que se suma a colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal, promove o emprego de madeiras de proximidade na artesanía. Un programa de conferencias, mesas redondas e visitas profesionais que ten por apertura a conversa maxistral co mestre organeiro Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui, xunto á conferencia aberta a todos os públicos de Lucy Durán sobre a kora.

SALVAGARDA DO PATRIMONIO: FOTOGRAFÍAS ANÓNIMAS E PROCESO ABERTO DE PARTICIPACIÓN SOCIAL PARA A MEMORIA COLECTIVA DE CAMPÁS E ÓRGANO

O compromiso de Música no Claustro pola salvagarda do patrimonio cultural impulsa un proceso aberto de participación social na recollida das lembranzas sobre a restauración do órgano e do toque manual de campás, testemuñas orais que documentan a identidade local ao igual que as imaxes que inspiran á gráfica desta edición, un conxunto de fotografías anónimas inéditas realizadas no Baixo Miño na década de 1920’.

Esta acción de documentación, investigación e posta en valor patrimonial forma parte do Arquivo verde do Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026 impulsado polos Fondos Next Generation da Unión Europea a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui.



© Fotografía Gus Abreu, Música no Claustro 22

Martes 1.AGO. 21h \\ DAVIDE SALVADO con CIBRÁN SEIXO, tradicional galega

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45



Martes, 1 de agosto, 21h
Permita Deus
Música tradicional galega
Voz, violín e percusións

 DAVIDE SALVADO 
 con CIBRÁN SEIXO 

O novo proxecto Permita Deus de Davide Salvado con Cibrán Seixo abre Música no Claustro 23. Un encontro íntimo, espiritual e envolvente feito para escoitar, ou en palabras dos artistas, «un acto de fe no patrimonio».

Un percorrido por cantos e ritmos populares da península Ibérica salvagardados na telúrica voz de Davide Salvado ao carón dunha renovada linguaxe do violinista Cibrán Seixo. Tradición e innovación labran este novo proxecto que tivo a súa estrea nos Ancares, templo natural da paisaxe galega, na casa do cineasta Oliver Laxe.

A traxectoria discográfica de Davide Salvado en solitario comezou en 2011 co seu traballo Árnica pura producido por Eliseo Parra, ao que seguiu Lobos en 2015, un disco producido por Pedro Pascual e inspirado pola cultura tradicional e a imaxe dunha Galicia pura e salvaxe. A estes discos en solitario súmanse os proxectos discográficos ou sobre o escenario compartidos con artistas como Ugia Pedreira, Cristina Pato, Santi Cribeiro, Kepa Junquera ou Yo-Yo Ma.


Mércores 2.AGO. 21h \\ SILVIA MÁRQUEZ CHULILLA, Bach e partituras para órgano do arquivo da Catedral de Tui

Concerto na Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45

© Fotografías de Joaquín Clares e Pilar Morales

Mércores, 2 de agosto, 21h
Splendors et Virtus
Bach e partituras para órgano do arquivo da Catedral de Tui

 SILVIA MÁRQUEZ CHULILLA 
 Homenaxe a G. Grenzing 

A concertista aragonesa Silvia Mázquez Chulilla é a organista en residencia de Música no Claustro 23. Chega a Tui con partituras de Johann Sebastian Bach na maleta para descubrir o pedaleiro enxertado polo mestre organeiro Gerhard Grenzing no órgano da Catedral de Tui e, ao mesmo tempo, interpretar as partituras que soaron neste mesmo templo ao longo dos séculos. Unha residencia artística de investigación no arquivo en paralelo á exploración dos rexistros do principal instrumento da sede tudense.

Catedrática do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Silvia Márquez Chulilla é especialista en teclas históricas, directora do ensemble La Tempestad e promotora do proxecto audiovisual Iberian Organ Drops. Foi beneficiaria da Beca Leonardo BBVA na modalidade de interpretación para a gravación dos discos Herbania e Harpsichord Concertos publicados pola editora IBS Classical.

Silvia Márquez Chulilla, Andrés Cea, Roberto Fresco, Fernando Buide del Real, Davide Bucci e Montserrat Torrent conforman unha nómina de artistas que descubriron a través de Música no Claustro o órgano construído por Grenzing, maestro organeiro que hoxe nos acompaña neste concerto tras protagonizar a conversa maxistral de apertura do foro profesional Resonancias 23.


PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Tocata y fuga en re menor "Dórica", BWV 538

Anónimo (s. XVIII)
Pastorela en sol
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Largo
II. Allegro

Anónimo (s. XVIII)
Sonata de lengüetería
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Allegro moderato
II. Adagio Allegro

Luis Pedro Bráviz
El ángel dormido, para órgano barroco español (2005)

Anónimo (s. XVIII)
Sonata en sol
(Libro de órgano de la Catedral de Tui)
I. Allegro
II. Menuet-Trio

Silvia Márquez Chulilla
Splendor et virtus
Apuntes sobre el himno "Te splendor et virtus"
(Cantoral de polifonía IV del Archivo de Música de la Catedral de Tui)

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Preludio y fuga en mi menor, BWV 548



Xoves 3.AGO. 21h \\ BALLAKÉ SISSOKO, kora. Músicas de Mali, África

Concerto no claustro medieval Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45

© Fotografías de Benoit Peverelli

Xoves, 3 de agosto, 21h
Músicas de Mali, África
Kora

 BALLAKÉ SISSOKO 

«A kora é o símbolo dos griots mandingas, músicos e narradores ancestrais. Para eles, a kora é máis que un instrumento musical, é un mito, unha testemuña da historia rodeada de misterios e fábulas». Así comeza a película documental Ballaké Sissoko, une histoire de Kora.

Música no Claustro recibe ao malinense Ballaké Sissoko, un dos principais referentes mundiais da música do continente africano. O seu disco New Ancient Strings, ao carón de Toumani Diabaté, marcou un fito no recoñecento internacional do seu instrumento, a kora. Foi o primeiro título dunha longa lista discográfica asinada por Ballaké Sissoko na que destacan as colaboracións con Vincent Segal, Ludovico Einaudi, Piers Faccini ou Salif Keita.

Música no Claustro ofrece a oportunidade de descubrir o cativador e elegante son da kora, nun diálogo solitario no que os dedos de Ballaké Sissoko voan sobre imaxinarias paisaxes descoñecidas. Este excepcional concerto intégrase no foro profesional Resonancias 23 e está precedido dunha conferencia aberta ao público o mércores 2 (18h45) de Lucy Durán, profesora de música na SOAS-Universidade de Londres e produtora musical do disco New Ancient Strings e co-directora da película documental Ballaké Sissoko, une histoire de Kora.


Venres 4.AGO. 21h \\ DIEGO CASADO, Bach e obras contemporáneas para marimba

Concerto no claustro medieval Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Venres, 4 de agosto, 21h
Bach e obras contemporáneas para marimba


 DIEGO CASADO 

O percusionista Diego Casado presenta en Música no Claustro unha proposta tan arriscada coma persoal, un diálogo directo coa marimba. Este concerto narra a evolución musical dun cativo hiperactivo que canalizou a través da música a súa creatividade e ilusións para converterse en adulto.

A monumental Chacona de Johann Sebastian Bach convive neste programa con obras contemporáneas como as Variacións sobre cancións infantís niponas de Keiko Abe ou a Soleá flamenca para marimba de Florian Magnus Maier.

Despois de comezar os seus estudos musicais en Collado Villalba e en San Lorenzo de El Escorial, Diego Casado continuou a súa formación na Escola de Artes Codarts de Rotterdam e na Escola Superior de Música de Stuttgart, cidade na que ten sido premiado no prestixioso World Marimba Competition. Grazas a AIE, Diego Casado ofrece na actualidade unha xira polo estado español na que se integra este concerto no claustro medieval da Catedral de Tui.
PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Fuga, da Sonata I en Sol menor, BWV 1001*

Keiko Abe (n. 1937)
Variations on Japanese Children Songs

Alejandro Viñao (n. 1951)
Khan Variations

Daniel Casado (n.1962)
Fantasía Hispánica

Johann Sebastian Bach
Chacona, da Partita II en Re menor, BWV 1004 *

Florian Magnus Maier (n.1973)
Soleá para marimba

* Arranxos de Diego Casado


Toque manual de campás \\

Instalación sonora por Campaneiros de Galicia.
Recollida do coñecemento e experiencias das persoas que tocan as campás.
Conferencia e visita profesional á fundición de campás Ocampo.

A finais de 2022 a UNESCO declarou o toque manual de campás como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Esta linguaxe sonora mantívose ao longo dos séculos como un medio de comunicación comunitario. Cun amplo repertorio de formas e técnicas, tanto no ámbito relixioso coma no civil, os toques de sinos regularon multitude de aspectos da vida eclesiástica, laboral, cotiá e festiva do estado español.


1, 2, 3 e 7 de agosto, 20h30
Dende o campanario da Catedral de Tui

 Instalación sonora por Campaneiros de Galicia 

Integrantes da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia toman o campanario da Catedral de Tui, os días 1, 2, 3 e 7 de agosto, cunha intervención sonora de toque manual de campás previa aos concertos. Unha vibración colectiva do sinos catedralicios que expande o festival Música no Claustro ás rúas e prazas da raia miñota.

5 de agosto, 11h
Praza da Catedral de Tui

 Os coñecementos e experiencias de cada persoa 

O sábado 5 de agosto, entre as 11h e 14h, un equipo de investigación recolle na praza da Catedral de Tui os recordos, saberes ou experiencias daquelas persoas que teñan tocado as campás da súa parroquia, que lembren os toques do seu lugar ou que conserven calquera gravación, fotografía ou outro documento sobre o toque manual das campás.

Con esta acción de participación social, Música no Claustro confirma a súa aposta e compromiso na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

2 e 3 de agosto
Para persoas inscritas no foro profesional Resonancias

 Conferencia e visita profesional a Campás Ocampo 

En paralelo ás instalacións sonoras no campanario da Catedral de Tui e a convocatoria para a recollida da memoria individual e colectiva sobre o toque manual de campás, Música no Claustro coordina o mércores, 3 de agosto, unha conferencia e o xoves, 4 de agosto, unha visita profesional para as persoas inscritas no foro Resonancias.

A conferencia trata sobre os pasos dados e os retos na salvagarda do toque manual de campás por Cristina Lafuente, integrante do equipo da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte que incoou este expediente á UNESCO. A visita profesional achéganos á fundición de Campás Ocampo da man de José Enrique López Ocampo, mestre fundidor herdeiro dunha tradición artesanal familiar que se remonta 400 anos atrás.


© Fotografías de Gore Vázquez e Miguel Estima

Sábado 5.AGO. 21h \\ IRENE REIG TRÍO, jazz

Concerto no claustro medieval Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Sábado, 5 de agosto, 21h
Jazz
Voz, saxo, batería e contrabaixo

 IRENE REIG 
 JOAN CASARES 
 PAU SALA 

A Sant Andreu Jazz Band dirixida por Joan Chamorro é o berce da xeración musical catalana con referentes como Andrea Motis ou Eva Fernández, quen actuou anteriormente en Música no Claustro da man de AIE. Entre estas representantes, un dos novos nomes propios é o da saxofonista Irene Reig.

Enerxía, paixón e espontaneidade caracterizan este concerto no que Irene Reig presenta o seu debut discográfico Mira formado por un repertorio de composicións orixinais e arranxos persoais que van dende os estándares de jazz ata o swing.

Xunto a Joan Casares á batería e Pau Sala ao contrabaixo, Irene Reig convida a vivir no claustro medieval da Catedral de Tui as sensacións dun clube de jazz repleto de improvisacións, aplausos e melodías facilmente cantables.

Domingo 6.AGO. 21h \\ NIÑO RUVEN, fagot flamenco

Concerto no claustro medieval Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Domingo, 6 de agosto, 21h
Flamenco
Fagot, viola e guitarra

 NIÑO RUVEN 
 RAQUEL ROMERO TORO 
 JOSÉ MACARENO 

«Podería o fagot convertirse nun dos instrumentos protagonistas no flamenco?». Con esta cuestión Niño Ruven comezaba a carreira artística, un camiño inédito que foi labrando con traballo e paixón ata subir a escenarios como o Festival Internacional del Cante de las Minas de La Unión, referente histórico dos festivais de flamenco.

Niño Ruven chega a Música no Claustro dende Doña Mencía, Córdoba, da man de AIE para ofrecer o seu debut en Galicia ao carón de Raquel Romero Toro na viola e José Macareno na guitarra. Un concerto no que os palos do flamenco dialogan con outras músicas tradicionais e composicións propias como as bulerías Homenaxe a Paco de Lucía.

A crítica destaca a presenza escénica de Niño Ruven, a súa desafiante forza técnica e a inconfundible sonoridade do seu fagot, así como do fagotiño, un instrumento creado por el mesmo que revaloriza un tipo de fagotes pequenos caídos en desuso co paso do tempo e co que se achega as resonancias árabes que coexisten no flamenco.

Luns 7.AGO. 21h \\ IRIA FOLGADO, óboe e cuarteto de corda, música de cámara

Concerto no claustro medieval Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Hoxe luns, ante as elevadas temperaturas, abrimos as portas e acceso ao concerto ás 20h

© Fotografías de Oleksandra Kryvsha

Luns, 7 de agosto, 21h
Música de cámara
Óboe e cuarteto de corda

 IRIA FOLGADO 

No ano 2021 a oboísta galega Iria Folgado (San Sadurniño, 1996) viña de ingresar como solista na Konzerthaus Orchester Berlin e dende Música no Claustro convidámoslle a realizar unha residencia artística na Catedral de Tui. Un proxecto no que Folgado explorou o repertorio de cámara con óboe e no cal descubrimos a súa calidade artística, musical e humana. E tras ese concerto, poucas horas despois, naceu o novo soño de materializar esa investigación no seu debut discográfico como solista.

Dous anos despois, con esa ilusión e obxectivo, Iria Folgado regresa a Música no Claustro ao carón das violinistas tudenses Raquel Areal e Sara Areal, a viola do madrileño Héctor Cámara e o violonchelo do compostelán Iago Domínguez, para tocar partituras de Benjamin Britten, Arnold Bax, Ralph Vaughan Williams e Elizabeth Maconchy que poñen en diálogo a creación británica coa obra do galego Fernando Buide del Real.

Este concerto é un punto bisagra na excelente traxectoria profesional de Iria Folgado, xa que ao día seguinte comeza a gravación deste traballo discográfico co apoio das axudas Injuve para a nova creación. Un disco que ao mesmo tempo promociona e pon en valor o patrimonio monumental tudense. Tras estes días de traballo, a axenda da oboísta galega continúa sen descanso tomando rumbo cara o océano Índico para tocar coa Orquestra Sinfónica da India baixo a batuta de Zubin Mehta.

 RAQUEL AREAL 

A violinista Raquel Areal (Tui, 1999) foi alumna de Zakhar Bron na Escola Superior de Música Reina Sofía. En 2021, con tan só 22 anos, ingresou como violinista na Orquestra e Coro Nacional de España e na actualidade perfecciona a súa formación co profesor Kolja Blacher na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín.

 SARA AREAL 

A violinista Sara Areal (Tui, 1996) foi alumna de Pavel Vernikov na Kunst Privatuniversität der Staadt Wien de Viena, continuou a súa formación na Haute École de Musique de Lausanne e na Escola Superior de Música Reina Sofía. Na actualidade reside na Coruña, onde é violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia.

 HÉCTOR CÁMARA 

O violista Héctor Cámara (Madrid, 1996) foi alumno de Diemut Poppen na Escola Superior de Música Reina Sofía, continuou a súa formación na Hochschule für Musik und Theater de Múnich co profesor Nils Mönkemeyer. Na actualidade reside en Suiza, onde é violista da Tonhalle Orchester Zürich.

 IAGO DOMÍNGUEZ 

O violonchelista Iago Domínguez (Santiago de Compostela, 1995) foi alumno de Ivan Monighetti e Sol Gabetta na Hochschule für Musik de Basilea, cidade na que continúa residindo como integrante do Atenea Quartet.

PROGRAMA

Benjamin Britten (1913-1976)
Cuarteto para óboe

Elizabeth Maconchy (1907-1994)
Quinteto para óboe
I. Moderato
II. Poco sostenuto
III. Allegro non troppo

Arnold Bax (1883-1953)
Quinteto para óboe
I. Tempo molto moderato
II. Lento expressivo
III. Allegro giocoso

Fernando Buide del Real (n.1980)
Adagio

Ralph Vaughan Williams (1872-1958)
Six Studies in English Folksong
I. Adagio “Lovely on the Water”
II. Andante “Spurn Point”
III. Larguetto “Van Diemen ́s Land”
IV. Lento “She borrowed Some of Her Mother ́s Gold”
V. Andante “The Lady and the Dragoon”
VI. Allegro “As I Walked over London Bridge
* Arranxo para óboe e cuarteto de cordas por Robert Stanton



Unha colección inédita de fotografías históricas \\

A gráfica de Música no Claustro 23.

Na década de 1920’ unha persoa de identidade descoñecida inmortalizou coa súa cámara fotográfica diversas viaxes por Francia e España. En torno a 1925 visitou Tui e dende o tellado da Catedral captou nunha panorámica os campos cultivados da raia miñota dos que emerxen monumentos como o convento de san Domingos, a igrexa parroquial de San Francisco ou a fortaleza de Valença, así como outras edificacións que testemuñan a evolución arquitectónica da vila tudense. En primeiro plano, nunha posición central inevitable, unha pequena campá instalada nunha estrutura metálica convértese en protagonista principal desta panorámica. Trátase da campá a san Xoán Bautista, un sino que na actualidade non se toca e que presenta un característico burato no seu corpo que a lenda urbana sitúa como resultado dunha bala ao ar na Guerra Civil.

Música no Claustro localizou e adquiriu este lote de dezasete fotografías tomadas en Tui, Valença e A Guarda, sen lograr desafortundamente localizar o nome do autor ou autora das mesmas. Co obxectivo de facilitar a súa investigación e conservación futura, o equipo do festival anuncia a doazón da colección completa de fotografías ao Arquivo municipal do Concello de Tui.

Pero antes, e para o deleite de todas as persoas, esta campá protagoniza a gráfica e narrativas #concéntricas de Música no Claustro 23.

Conferencia de Lucy Durán sobre a kora \\ Mércores 2.AGO. 18h45

Conferencia no claustro medieval Catedral de Tui, 18h45
Actividade aberta ao público xeral e de entrada libre no marco do foro profesional Resonancias

Lucy Durán en Golobladji, durante a rodaxe do filme The voice of tradition: Bako Dagnon and her family

Mércores, 2 de agosto, 18h45
Conferencia sobre a kora

 LUCY DURÁN 

A profesora de música Lucy Durán comeza en Música no Claustro a súa recente xubilación tras unha vida entregada por completo ao maxisterio na SOAS-Universidade de Londres. Especialista na música do oeste de África e Cuba, na súa traxectoria profesional realizou valiosas investigacións que propiciaron numerosas e premiadas producións no campo discográfico, radiofónico e audiovisual, como o programa World Routes da BBC Radio 3 ou o filme The voice of tradition: Bako Dagnon and her family.

No ano 1999 Lucy Durán realizou a produción musical do disco New Ancient Strings de Toumani Diabate e Ballaké Sissoko, unha gravación que levou á kora ao recoñecemento dos escenarios internacionais. Este tándem profesional ven de estrear o filme documental Ballaké Sissoko, une historie de kora producido por TV5 Monde baixo a co-dirección de Lucy Durán.

Como introdución ao concerto de Ballaké Sissoko en Música no Claustro, Lucy Durán ofrece unha conferencia aberta ao público xeral no marco do foro profesional Resonancias. Un encontro íntimo e próximo no que descubriremos as antigas técnicas de construción da kora, o papel social do instrumento e a evolución do seu repertorio nas últimas cinco décadas.


Homenaxe e conversa con Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui \\

Homenaxe a Gerhard Grenzing no concerto de órgano de Silvia Márquez Chulilla, mércores 2 de agosto, 21h.
Actividade aberta ao público xeral

Conversa maxistral de apertura do foro Resonancias 23, mércores 2 de agosto, 10h.
Actividade baixo inscrición para público profesional

© Fotografía realizada por Robert Ramos

Mércores, 2 de agosto, 10h
Conversa maxistral de apertura do foro Resonancias, para público profesional baixo inscrición

Mércores, 2 de agosto, 21h
Homenaxe a Gerhard Grenzing no concerto de Silvia Márquez Chulilla, con entrada libre sen reserva previa

 GERHARD GRENZING 

No ano 1995 a sociedade tudense volveu a sentir as resonancias do órgano da Catedral de Tui. O novo instrumento foi construído polo mestre organeiro Gerhard Grenzing, unha das principais referencias europeas na restauración de órganos históricos ibéricos recoñecido co Premio Nacional de Artesanía e Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, e a Medalla ao mérito en Belas Artes na súa categoría de prata polo Ministerio de Cultura e Deporte.

Grenzing naceu en Alemaña no ano 1942 e a súa avoa era pianista. De cativo non abandonaba a igrexa parroquial ata que no órgano soaba a última nota do oficio litúrxico. A fascinación polos sons continuaba no camiño a casa ou a escola, onde o canto dos paxaros ou o zoar do vento nas árbores atrapaban a súa atención. Estas vibracións levárono a petar na porta do obradoiro de Rudolf Von Beckerath en Hamburgo, onde viviu un proceso de formación integral na construción e restauración de órganos.

Tras percorrer diversas cidades europeas investigando o patrimonio organístico, en 1973 instalouse en El Papiol (Barcelona), obradoiro no que construíu os instrumentos que habitan en múltiples catedrais e salas de concertos internacionais. Ao longo destes cincuenta anos, o taller viviu as transformacións tecnolóxicas de cada década mantendo o respecto ás técnicas e criterios históricos como premisa imprescindible.

Un obradoiro de órganos require dun equipo interdisciplinar, no que aos saberes de múltiples técnicas artesanais se sumen os coñecementos artísticos e o deseño científico da arquitectura ou enxeñaría co obxectivo de superar conxuntamente os retos e particularidades de cada instrumento. No caso de Tui, máis de doce toneladas de tubos foron introducidos no espazo reducido da caixa barroca, nun diálogo entre a nova creación do instrumento e a restauración destes retablos históricos. Na actualidade o obradoiro está dirixido pola súa filla Natalie Grenzing, ao carón do maestro organeiro Andreas Fuchs, asegurando a continuidade dun taller clave no panorama internacional da construción de instrumentos musicais.

Gerhard Grenzing regresa a Tui ao carón da súa dona, a artista María Teresa Barbens Conte, a quen Grenzing define como «unha persoa coa visión e orientación moi clara, sendo o motivo principal de que eu viva en España xunto ao atractivo dos órganos ibéricos». Dende Música no Claustro agradecemos a Gerhard Grenzing e a súa familia a ilusión coa que inmediatamente responderon para ofrecer a conversa de apertura do foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS 23, unha iniciativa impulsada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.