Concerto | Guitarra Clásica Galega

Baixo o auspicio de Xacobeo Galicia








“Este crisol caleidoscópico de pezas para guitarra, tan esplendidamente interpretadas polo tudense Samuel Diz, desvélanos un íntimo e sensual espazo da historia musical galega (sendo un primeiro paso na recuperación da tradición guitarrística de dita rexión) e, á vez, o vigor compositivo dos nosos días” Leopolo Neri, extracto de notas ao disco.

En concerto Samuel Diz, presentando Guitarra Clásica Galega
Xoves 08 de agosto, ás 21.00h · Claustro gótico (entrada libre até completar aforo)
www.samueldiz.com

Guitarra Clásica Galega é o proxecto de investigación, recuperación e dinamización da identidade da guitarra clásica en Galicia do guitarrista e investigador Samuel Diz, xunto á editorial Ouvirmos. En decembro de 2012 a Secretaría Xeral de Cultura presenta Guitarra Clásica Galega, disco que inclúe a gravación e interpretación de obras inéditas de Jesús Bal y Gay, José Chás ou José Fernández Vide. Igualmente, unha aposta seria e comprometida coa creación da nova xeración de compositores galegos, destacando a comisión ao compostelán Fernando Buide.

Samuel Diz (Tui, 1986), gradúase en 2009 no Conservatorio Superior de Música “Manuel Castillo” de Sevilla baixo a dirección de Gaëlle Solal. Amplia a súa formación artística cos guitarristas Alen Garagic e Daekun Jang, xunto ao maxisterio de José Luis Rodrigo nos Cursos de Música en Compostela, onde recibe o Premio “Andrés Segovia – J. M. Ruiz Morales” no ano 2011. Continúa a súa formación na Universidade “Pompeu Fabra” de Barcelona, co programa de posgrao de Xestión de Empresas da Industria Musical, sendo na actualidade Director Artístico de Música no Claustro.

Samuel Diz ten actuado en Europa, África e América, destacando a súa presentación para o Council on Latin American and Iberian Studies -CLAIS- da Universidade de Yale (EE.UU.), ou como único artista español no Harare International Festival of the Arts -HIFA- no ano 2012 e 2013, cita que reúne na capital de Zimbabwe a máis de 60.000 asistentes. No ano 2009 recibe a Insignia de Ouro de Temas Sevillanos polo seu estudo da figura e gravacións históricas do Juan Antonio Torres (Premio Nacional da Música en 1973), publicándose posteriormente o disco “Sonidos de una Juventud” baixo o auspicio da Casa da Provincia de Sevilla.

 

This entry was posted on lunes, 8 de julio de 2013 and is filed under ,,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.