Conversa con Samuel Diz

Entrevistamos a Samuel Diz, director artístico de Música no Claustro, quen nos adianta en primeira persoa os contidos e obxetivos dos nove anos do festival.

©José Luis Luque Puértolas, 2012
Cal é a Filosofía de Música no Claustro, a súa razón de ser, en definitiva, o principal obxectivo deste festival?

Música no Claustro vive en momentos sociais de incertidumes e dúbidas, momentos de crise din algúns, momentos de oportunidades din outros. Momentos nos que temos que desaprender o aprendido, para aprender de novo o que nalgún momento teremos que desaprender.

Vivir, sentir, soñar... iso é o que nós queremos!!! VIVIR un ano máis cinco días de maxia, onde cada son, cada cor, cada cheiro nos fagan SENTIR novas emocións, emocións que nos leven a SOÑAR nun mundo mellor, sen prexuicios e etiquetas. Un mundo horizontal e aberto, onde o factor da experiencia se combine coa forza xuvenil, onde dende o respeto nos demos conta de que todos somos iguais.

Onde ten lugar Música no Claustro?

Nun espazo único, o Claustro Gótico da S. I. Catedral de Tui. Comprender a súa máxia non é posibel de explicar, xa que para iso precisas sentir en primeiro lugar a espiritualidade da súa pedra. Espiritualidade que se converte en son, en inspiración, en defnitiva..., en CREACIÓN. Un retablo sonoro con séculos de historia(s) ás súas costas, pero que hoxe máis que nunca, alá polo lusco e fusco, é un lugar cheo de vida.

Música no Claustro ten una longa traxectoria, non obstante hai unha mensaxe que perdura ó longo do tempo, non é así?

Comezamos en 2005, e dende ese momento seguimos cada día con máis forza e enerxía chegando neste 2013 aos nosos NOVE anos, propoñéndonos novos retos e ilusións, adaptándonos a cada momento e situación, pero sempre entendendo a música dunha mesma forma: unha linguaxe interdisciplinar e social.

Ao igual que a propia sociedade tudense, carcaterizada por esa MIXTURA de identidades e procesos vividos de forma directa como pobo raiano que é. Unha mixtura que se pode descubrir e desfrutar no programa e artistas de cada edición

Nesta novena edición de Música no Claustro, quenes serán os artistas que protagonicen o cartel do festival?

Porque non precisamos ir lonxe para atopar propostas artísticas de calidade e orixinalidade, a creación contemporánea con sabor e acento GALEGO será a protagonista da novena edición de Música no Claustro. Unha creación da terra encabezada polo grupo aCadaCanto, formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández, finalizando unha residencia artística de tres anos no festival.

Así, colaborando coa productora Músicas de Salitre, nace un novo proxecto audiovisual rodado na S. I.  Catedral de Tui en homenaxe a Rosalía neste ano conmemorativo, titulado A ROSA D´ADINA. 

Contiuando a homenaxe á poeta galega do dezanove, unha mostra da verba femenina galega do momento, a través da poesía de SILVIA PENAS, quen ven de gañar o Certame Manuel Luriro Rey co seu poemario 'As uñas crecen'; e o rap de AÍD, unha das artistas galegas con maior proxección da actualidade. Completa o cartel musical, o 'Método Cardiofónico' de GERMÁN DÍAZ (zanfona/jazz), proxecto que nace a partir das gravacións de latexos de corazón realizadas polo Doutor Iriarte na década dos 40', e a 'Guitarra Clásica Galega' dun servidor, traballo discográfico publicado recentemente baixo baixo o selo Ouvirmos, onde se recolle por exemplo a inédita 'Pastoral' para guitarra de JESÚS BAL Y GAY, ou o 'Nocturnal' de FERNANDO BUIDE.

O compromiso polas novas xeracións musicais tudenses e da contorna chega a través do IV Ciclo JLMúsica, no que participan estudantes da Escola e Conservatorio Profesional de Música de Tui, sumándose este ano a colaboración da Editorial Dos Acordes.

Ademáis da Música, que outras experiencias nos invita a compartir un ano mais Música no Claustro?

Mentres que a música é a espiña dorsal de Música no Claustro, unha suma de actividades forman as extremidades coas que se pretende chegar a diferentes ambitos do coñemento e sensacións. Dous OBRADOIROS de sensibilización para os máis cativos que terán lugar na Sala Capitular románica e o xardín-mirador. O primeiro adicado ao cheiro da nosa contorna, dos nosos xardíns e flora, impartido pola tudense MARINA GARCÍA; e un segundo de construcción de instrumentos con material de refugallo protagonizado por LAIA PUJOL, dividido en dous turnos, de 2 a 5 anos xunto aos seus pais, nacendo así unha nova actividade familiar, e outro de 6 a 12 anos. Ao finalizar, darán vida a unha canción popular con estes instrumentos musicais realizados coas súas propias mans... e é que así é como comezou casi todo músico o descubrimento desta arte nas súas vidas!!

Unha sesión de danza na Praza de San Fernando da Catedral a cargo de FUSION FLOW CREW, mostrando e insertando na sociedade as diferentes linguaxes artísticas das novas xeracións.

Tres CONFERENCIAS na Sala Capitular que mostrarán aos interesados a historia máis cercana dos nosos antepasados musicais. A primeira, a presentación da recente 'Historia da Música en Galicia' de LORENA LÓPEZ COBAS, publicada pola editorial Ouvirmos. MILAGROS BARÁ VIÑAS, herdeira do legado do violinista Manuel Quiroga, presentará a súa páxina de facebook Proxecto Virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego dos Séculos XIX-XX que conta con máis de 5.000 siareiros e estudosos, compartindo a memoria visual musical inédita. E unha terceira, a cargo de MARCO ANTONIO DE LA OSSA, quen recibiu o Premio Nacional de Musicoloxía no ano 2009 polo seu estudo e investigación da Música na Guerra Civil Española, unha cara da contenda moi pouco estudada e difundida.

Nesta nova edición o festival presenta una gran novidade respeto ós anos anteriores, de que se trata?

Nos nove anos de Música no Claustro nace unha nova colaboración interdisciplinar co mundo empresarial privado tudense. Trátase da nova tenda de artesanía Porta da Pía adicada á artesanía tradicional e contemporánea galega de autor, que toma o seu nome da antiga entrada á cidade amurallada medieval aínda conservada na actualidade.

Porta da Pía presentará en primeira persoa unha selección dos artistas galegos máis destacados do momento, facendo unha viaxe polo mundo da moda, da cerámica e olería, así como da construcción de instrumentos tradicionais. En nomes propios: ILDA e RAFAEL do Castelo de Vilasobroso, ELENA FERRO, CABUXA, PEPA LOBA, MIGUEL SANTAMARÍA, ELÍAS GONZÁLEZ e SANÍN.

Que outras sorpresas podemos atopar este ano en Música no Claustro?

Presentamos tres percorridos que permitirán vivir unha nova experiencia non presentada até o momento en Música no Claustro. O primeiro unha excepcional visita guiada nocturna ao triforio, cuberta e campanario da Catedral, que dará comezo ao finalizar os diferentes concertos a cargo do historiador tudense SUSO VILA.

Un segundo, de novo da man de SUSO VILA, xunto a DANIEL GOBERNA ao órgano barroco, mostrando a relación interdisciplinar da música como parte do desenvolvemente artístico e histórico da Catedral reflexada nos diferentes retablos e capelas, con ilustracións musicais asinadas por mestres de capela do templo tudense, conservadas no propio arquivo da Catedral.

A colaboración especial de MÚSICA EN COMPOSTELA, como extensión académica dos Cursos Universitarios Internacionais de Música Española, visitando Tui na xornada de clausura de Música no Claustro. Os alumnos galardoados co 'Premio Andrés Segovia – JM Ruiz Morales' nas pasadas edicións do curso, ofrecerán un PASEO MUSICAL con miniconcertos nas diferentes capelas do conxunto catedralíceo. Actuacións de música clásica que os propios asistentes tan só descubrirán in situ, con repertorio próximo á época e estética do lugar onde se atopan.

A estes tres percorridos súmase o Descenso Popular do Miño que organiza a Concellería de Deportes do Concello de Tui xunto ao Clube Kayak Tudense, sendo a participación no mesmo unha actividade que completa a vivencia e lembranza dos artistas e visitantes participantes en Música no Claustro.

Poderíamos afirmar que todas as actividades de Música no Claustro son gratuítas?

O acceso aos concertos e actividades está aberto de forma libre a todo o pobo até completar aforo -excepto a visita guiada nocturna-, o que non significa que a actividade sexa gratuita. O claustro gótico da Catedral de Tui abre as súas portas con esta programación artística grazas ao compromiso, boa vontade e auspicio dos seus principais patrocinadores, o Cabildo da S. I. Catedral de Tui, o Concello de Tui a través da súa Concellería de Cultura, e a Xunta de Galicia a través de Xacobeo.

Igualmente, o apoio dunha ampla lista de colaboradores privados que entenden Música no Claustro non só como unha cita cultural e social, senón como un importante motor da economía local.

Celia Sánchez
30.VII.2013

This entry was posted on martes, 30 de julio de 2013. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.