Vida e Amor pola Música | Adolfo Besada

©O Palco da Música
[02.VIII.2013] O vindeiro mércores 07 de agosto, tras a actuación de Sandra Pérez (percusión) no concerto de apertura dos nove anos de Música no Claustro, terá lugar a homenaxe honorífica "Vida e amor pola música" ao músico e director tudense Adolfo Besada Álvarez, quen celebra nestes intres os seus 50 anos como músico.

Adolfo Besada Álvarez (Tui, 1954). Os seus primeiros coñecementos musicais chéganlle da man de seu pai aos sete anos, quen lle inculcou a paixón pola música dende a súa infancia, ingresando ao pouco tempo na banda de música como frautista nunha data que quedou marcada na súa memoria: a procesión de Venres Santo. (seguir lendo...)


No ano 1982 comeza os seus estudos oficiais no Conservatorio Superior de Música de Vigo nas especialidades de trombón e tuba, nas que obtén o título de Profesor. Posteriormente cursa estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, completando a súa formación a través de cursos de especialización en trombón, tuba, dirección coral, acústica e técnica Alexander.

Ante o vacío existente na cidade tudense, funda en 1992 a Escola de Música Municipal, á que ao pouco tempo se engade o Conservatorio Profesional de Música. Compaxina en ambas dende ese intre as súas labouras pedagóxicas como a da Dirección dos centros educativos.

Ten realizado colaboracións coa Xove Orquestra de Galicia e a Orquestra Clásica de Vigo, ou diferentes bandas galegas de música como as de Guláns, Cabral, Cangas, Xinzo, Bandeira, Silleda, Salceda, O Rosal, ou nas portuguesas de Tangil, Monçao e Arcos de Valdevez. Ao mesmo tempo, ocupou a Presidencia da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Dende o ano 2002 é o Director da Banda de Música de Tui, formación á que pertence dende a súa infancia, realizando concertos por toda a xeografía española, portuguesa, e a experiencia en Arxentina no mesmo ano no que toma a batuta. Namentres, unha ampla laboura como banda do pobo, realizando continuas actuacións nas diferentes festas do Concello de Tui.

This entry was posted on viernes, 2 de agosto de 2013. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.