10 Anos de Música no Claustro | San Telmo'14

¿Qué delicados dedos de alfareiro
puideron modelar tan pequechiño corazón,
que latexa agora baixo dos altos árboles?
Luis Pimentel, A poesía é o gran milagre do mundo [fragmento]

Do 06 ao 10 de agosto de 2014 celebrarase na S.I. Catedral de Tui a décima edición de Música no claustro, cita agardada polo noso pobo, como parte da nosa paisaxe cultural e da contorna. Cinco días nos que a música une ás persoas no marco único do claustro gótico, que formou, forma e formará parte da nosa identidade, e polo que debemos sentir unha grande fachenda.

Gustaríame aproveitar hoxe esta oportunidade de compartir con todos vós, prezados vecinhos, a orixe e primeira esencia de Música no claustro. Foi ao comezo do ano 2005, cando D. Ricardo García recibiu a visita de tres xoves músicos tudenses cunha desbordante riada de ilusións e sonhos por facer realidade, pero cunha inquedanza principal: poder compartir coas súas xentes o traballo e estudo durante o curso académico musical. E para lembrar esa prima esencia -vixente ano a ano, xunto ao bo facer do Conservatorio e o compromiso de JLMúsica-, a nosa décima edición terá entre os protagonistas principais á frautista Patricia González, nada no barrio de Bornetas, e que manifesta «o meu agradecemento e ilusión por voltar a tocar 'na casa', neste marco máxico que fai a música máis especial, desfrutando dos aplausos dos meus, tras dez anos nos que a vida deu moitas voltas, sempre coa dedicación no estudo e o esforzo pola superación».

Un feixe de grandes persoas tenhen partillado as súas emocións e conhecementos con todos nós. ¿Lembrades o concerto de música sefardí con Ana Alcaide e a súa nyckelharpa, o fado de Claudia Madur, a virtuosística obra para violín de Manuel Quiroga interpretada por Sergio Heredia, ou o inesquecíbel recital poético de Marçal Font, quen chegaba de representar a España na Coup du Monde du Slam de París? Cantas.... Cantas... e Cantas saudades, benqueridos vecinhos!

Con sorpresa, en 2012 recibimos o convite para formar parte da extensión académica do curso universitario internacional de Música en Compostela, fundado por Andrés Segovia en 1958, cun maxistral recital de órgano de Da Montserrat Torrent. Non só a súa vitalidade e sorriso nos abraiou a todos -lembremos que nace en Barcelona en 1926-, senón que aínda é unha grande satisfacción saber que lembra este día como «un dos concertos máis logrados da miña carreira, non polos meus méritos, senón pola excelencia deste órgano singular, tanto pola calidade da súa mecánica, como pola oportunidade de situar os seus rexistros, sexa no seu teclado superior ou no inferior, feito que facilita un maior xogo de variedades tímbricas do que o repertorio contemporáneo é o maior beneficiado, onde a cor xoga un factor determinante».

Ao mesmo tempo, o compromiso de Música no claustro pola cultura do país é leitmotiv que nos leva a caminhar ano a ano, coa presentación de publicacións editoriais que nos achegan ao noso pasado e futuro, como o Itinerario Histórico Musical-Tui, e a Historia da Música en Galicia, da editorial Ouvirmos, ou a recente integración da artesanía contemporánea da man de Porta da Pía.

Mais... hai cinco nomes, que para todos nós, xa son como da familia: Guadi, Guille, Xabier, Xosé Lois, e Rosa. Recibimos a Espido en 2011, a aCadaCanto en 2012, e como non hai dous sin tres, en 2013 puxemos todo o noso amor en A Rosa d'Adina. Estou seguro de que todos conhecendes o fermoso traballo audiovisual que estes músicos realizaron no xardín da Catedral, unha homenaxe a Rosalía dende unha nova óptica, unha homeaxe á poesía, poesía na que as verbas son perfume do atardecer. Dita gravación estivo acompanhada da primeira presentación en concerto deste novo repertorio, nun lusco e fusco máxico gardado no corazón de máis de catrocentas persoas, no que os aplausos tomaron forma de miradas, apertas e agradecemento. O mesmo Xabier Díaz di que «Música no claustro é como unha ínsula na que público e músicos comparten atmósfera e emoción, esa é a miña marabillosa sensación. Cáseque sen distancias entre nós, un festival que consegue crear un público respectuoso e entregado, e uns artistas agradecidos e emocionados, desexando que repiquen as campás da catedral 1000 anos máis para celebrar estes encontros».

I é agradecemento, o que quero manifestar a todas as persoas e institucións que apoian á nosa sociedade de mixtura minhota, de fronteira e unión, de porta do Caminho, que nos levan a pensar en presente, aprendendo, e desaprendendo ao mesmo tempo de todas estas vivencias sentidas, para caminhar nunha única dirección de novos retos, e para desfrutar dunha nova floración, ilusións e compromisos polo noso patrimonio vivo que palpita espiritualidade e fascinación, polo traballo ben feito dende o corazón. Lembremos, para rematar, ao noso Frei Rosendo Salvado: «sempre traballando, sempre confiando».

Samuel Diz
Director Artístico
Abril, San Telmo 2014

This entry was posted on lunes, 21 de abril de 2014. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.