Samuel Diz da a benvida á X edición


Comezar a ler estas verbas significa que a décima edición de Música no claustro é xa unha realidade. Lembro, ao fin da primeira cita, aló polo ano 2005, cando Don Ricardo propoñía seguir sumando palitos, con buena letra....

Don Ricardo... persoa máis que esencial neste proxecto, xa que sen el nada sería posíbel, ou polo menos, coa alegría, liberdade e respecto como o é até o momento. A alegría dun camiño feito e por facer. A liberdade das emocións e experiencias vividas e por vivir. O respecto na aprendizaxe e sinceridade, entre nós, entre eles... entre todos!

Sen vós nada sería verdadeiro, nada tería sentido. Vervos crecer fisicamente aos máis cativos, vernos crecer espiritualmente os máis expertos.

Ao igual que todos vemos crecer aos xa incontables novos intérpretes que poñen os primeiros acordes de cada lusco e fusco, cos nervios en moitas ocasións de subir ao palco por vez primeira. Porque... que sería Música no claustro sen o compromiso polo local?

Edición a edición intentamos achegarvos o noso espectacular patrimonio monumental dunha forma democrática, dende a visión erudita dos maiores expertos á fantasía da poesía pétrea, dende o que moitos fan chamar música clásica ás novas propostas escénicas e interdisciplinares, sempre co afán de superación.

Ese afán de superación levounos a comezar as celebracións deste décimo aniversario na primavera, cun novo paradigma. I é que despois de apoiar a nova creación dos nosos benqueridos aCadaCanto, propuxémonos un reto, un novo soño: levar a nosa música e poesía ao exterior. Así, aCadaCanto e Música no claustro viaxaron recentemente no Estival Cuenca e no Harare International Festival of the Arts, unha das principais citas artísticas do continente africano que reúne a máis de 800 artistas e 60.000 espectadores, chegados dende calquera recuncho do [irre]coñecido planeta terra.

Agora, xa nesta nova cita do mes de agosto na S.I. Catedral de Tui, viviremos cinco días de experiencias completamente dispares e inesquecibles, algunha delas atreveríame a dicir, practicamente inédita. Porque... imaxinen... imaxinen... descubrir o interior da Catedral pola noite, un recital de órgano en homenaxe ao noso Pai Salvado, a luz da lúa chea entrando polos rosetóns... brrrr... xa temos a pel de galiña ao imaxinalo!!!

Grazas de corazón a todas as persoas que baixan á terra todas estas ideas, a todo o magnífico equipo que teño ao meu carón, á miña incondicional familia, aos artistas participantes, ás institucións e empresas privadas que sinten o compromiso dos nosos valores, pero sobre todo... GRAZAS A TI... 

Seguimos bailando...
Con emoción, sorrisos e apertas...

Sigamos sumando palitos...
Con soños, ilusións e amor...

Toquemos madeira!

Samuel Diz

© Foto Beti Rey

This entry was posted on martes, 29 de julio de 2014. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.