O festival Música no Claustro celebra a súa décima edición na Catedral de Tui

Un ano máis chega a data de Música no Claustro, que se celebrará nesta ocasión do 6 ao 10 de agosto. Neste décimo aniversario o festival ofreceranos 7 concertos, 3 exposicións e numerosas actividades paralelas.

Entre os artistas participantes destacamos ao galego Fernando Buide, que nos ofrecerá un concerto de órgano en memoria ao Pai Rosendo Salvado, brindándonos a experiencia única de coñecer a Catedral baixo a luz da lúa chea á media noite.

Outra cita agardada é a unión de Anxo Pintos –fundador de Berrogüetto- e Ramón Corral, discípulos do mestre da música tradicional galega Antón Corral, rendéndolle homenaxe nun concerto único.

Entre as activades cómpre destacar o obradoiro de ourivería con Susi Gesto e as visitas nocturnas guiadas polo conxunto catedralicio, así coma as tres grandes exposicións: “12 SAPOS PARA 12 MULLERES” de Susi Gesto, “INSTANTES DE MÚSICA NO CLAUSTRO” de José Luis Luque Puértolas e “CONSTELACIÓN DE DOCE MULLERES” de Victoria Vinader.

Esperando continuar co festival durante moitos anos máis, neste décimo aniversario convidamos aos presentes a tocar madeira. Así, durante os cinco días poderemos desfrutar de instrumentos de vento madeira, corda pulsada e o órgano, do que celebramos nestes intres os seus 300 anos de existencia.

E falando de madeira subliñar que o venres 8 terá lugar a Mesa profesional “Séculos tocando madeira”, na que temos o pracer de contar coa participación da Asociación de deseñadores gráficos e industriais de Galicia (DAG), co Colexio oficial de decoradores e deseñadores de interior de Galicia (CODDIG), e coa maior empresa de madeira de Galicia, FINSA.

Por último agradecer a colaboración do Concello de Tui, da S.A de Xestión do plan Xacobeo e da Fundación Artesanía de Galicia nesta décima edición de Música no Claustro, así como ás empresas FINSA, JLMúsica, Dos Acordes, Fototeca Estudio-Taller e Porta da Pía Artesanía.

This entry was posted on jueves, 31 de julio de 2014 and is filed under . You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.