10.- catro OllOs | Claustro

Venres 8 de agosto de 2014 18:00

Visitar sen presas, por fin, o obradoiro de Susi Gesto na mesma zona do claustro onde ten exposta a súa colección de doce sapos para doce mulleres. Na delicadeza da montaxe, as xoias de prata e acibeche descansan en anacos de madeira bruta, sen tratar agás polo tempo, producindo un contraste natural moi potente: o salvaxe e o manufacturado integrándose de forma orgánica. Para rematar, na parte superior de cada unidade madeira-xoia, unha escarapela negra enmarca unha foto muller, moi pequena, en branco e negro, que obriga a achegarse aínda máis á vitrina, a embeberse no conxunto e formar parte del. Son imaxes que parecen vir doutra época, dun tempo onde artesanía e arte eran un, e a única pretensión era a do ben feito.

Nas mesas de traballo, os participantes afánanse por rematar a súa obra, tanto que, en realidade, fan horas a maiores (a sesión de esta tarde non estaba prevista, pero engadiuse polo nerviosismo de Susi e o interese dos aprendices de ourives). O proxecto é ben fermoso: un sapo feito entre todas, pois o equipo é basicamente feminino; as distintas pezas integraranse finalmente, servindo como símbolo do traballo conxunto e como catalizador da experiencia.

Pausa. Remexer pola tenda de artesanía da Porta de Pía, colaboradores do festival. Perderse entre as pezas e os materiais: madeira, coiro, tintas, barro, tea. Non ser só un mostrario da tradición, senón da nova creatividade: marchamos con prendedores bolboreta (fermoso oxímoron) de coiro estampados, coleccións de mini-gravados, insignias de animais (paxaro, gato, cadelo) dun zoo doméstico. Marabillosos os zocos de sola de madeira e coiro de cores. Amabilidade, coidado primoroso nos pequenos detalles.


Volta ao claustro para tentar pasar desapercibido. Agora está invadido de nenos, pais e avós. Obradoiro de xoguetes naturais. Mans pacientes trenzando follas de carballo e pequechos ben fachendosos de estrear gorro vexetal. Aos cinco primeiros arqueiros (vimbio e corda coma arma) que converten un boneco de palla en alfineteiro únense ben pronto unha ducia máis. Facer torres de mazarocas ata que caian das alturas, ou correr para recoller as que están ciscadas polas lousas centenarias. A diversión do simple, a volta ás orixes naturais que os novos están en risco de nunca coñecer.

Marchar cunha sensación no espírito de estar onde un debe, vendo o que non agrede e desexando, de novo, a noite para máis.

Emilio S.

9.- Posta a punto, por Miriam R.
11.- Toquemos madeira, por Miriam R.

This entry was posted on viernes, 8 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.