11.- catro OllOs | Toquemos madeira

Venres 8 de agosto de 2014 20:00h

A pesar do copioso do xantar, que ben puido ser por duración e intensidade a comida do día do patrón en calquera vila galega, hai dúas palabras que definen á perfección cal era o estado de ánimo do equipo pola tarde: máis madeira.

Chamadas telefónicas, colocación de mobiliario, probas de son. Enerxéticos, produtivos, así estabamos nós, imbuídos de espírito festivaleiro. Os visitantes da Santa Igrexa Catedral de Tui admirábanse da calidade dos retablos, a magnificencia do órgano, descubrían a “Constelación de doce mulleres” espectadoras da choiva e facían as fotografías de rigor.

A electricidade notábase no aire. Electricidade creativa nas mans dos aprendices de ourives que creaban con mimo sen erguer os ollos da labor. Enerxía infantil dalgúns dos participantes do obradoiro de xoguetes naturais que bulían xa polo claustro. Electricidade estática no meu cabelo, con tanta enerxía en si mesmo que era case imposible de controlar cunha goma elástica e un número cada vez maior de prendedores do pelo.

E eu preocupada polo meu aspecto porque tocaba encontro profesional na Sala Capitular. No medio de tanto átomo a rebulir. “Séculos tocando madeira” convocou a profesionais de diversos ámbitos asociados aos da madeira, tomando como punto de partida a inspiración da Catedral.

Visita guiada pola Catedral para os convidados, á que cheguei á metade, e, a partires de aí, os ollos e as orellas ben abertos para ser testemuña do encontro moderado por Beatriz Fontán, produtora creativa do Festival e benquerida compañeira. Testemuña privilexiada, engado, porque o encontro era só para profesionais vinculados ao sector. Qué VIP me sentiría, se non fose porque aborrezo os anglicismos!

Nun discreto segundo plano, abraiada polo poder de convocatoria de Música no Claustro e sorprendida dos múltiples usos que se lle poden dar a un anaco de madeira. Que me viñeran á cabeza antes de asistir á mesa profesional: lapis, mobiliario, leña, pratos para comer o polbo e palillos, esculturas varias, cabanas en idílicas montañas de Canadá, instrumentos musicais. Animo aos lectores a que completen a lista.

Pois alí había representantes da Asociación de deseñadores gráficos e industriais de Galicia (DAG), o Colexio oficial de decoradores e deseñadores de interior de Galicia (CODDIG), Finsa (eso xa era máis previsible), restauradores de mobles e madeiras antigas, escenógrafos, artesáns... ata o lendario Antón Corral, homenaxeado nesta edición de Música no Claustro. Na súa faceta de luthier, non de homenaxeado.



Que festival galego acolle con tanto mimo a profesionais alleos ao mundillo artístico? Que festival facilita o debate e a discusión de profesionais dentro do seu programa? Que festival, señores, convida á reflexión nunha Sala Capitular? Iso me preguntaría eu en calidade de convidada VIP ao encontro, se non fose porque aborrezo os anglicismos.

Miriam R.

< 10.- Claustro, por Emilio S.
> 12.- Órgano, por Emilio S.

This entry was posted on viernes, 8 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.