12.- catro OllOs | Órgano

Venres 8 de agosto de 2014 24:00

Previo nocturno viaxando, con Suso Vila como Virxilio particular, polo tempo e as rúas de Tui, á luz dos farois, dende o medievo ata o século XX, a admirarnos dos fermosos edificios góticos, barrocos ou románticos e modernistas, pantasmas baixo a fosforescencia branca desta lúa case plena de agosto.

Na catedral, excitación polo que intuímos vai suceder en poucos minutos. Enseguida, os bancos énchense de xente curiosa, que quere poder vivir a experiencia do templo a media noite. Fernando Buide senta ante o teclado, prepara os pedais, estende a mirada polo instrumento, apróntase a se facer un con el. Arrincar cos acordes do Preludio e fuga en La menor de J.S. Bach é aposta segura, se, como Fernando, se domina maxistralmente a complexidade do instrumento. Silencio abaixo, nas naves de pedra, onde só o renxer dos vellos bancos lles dá un verniz de gravación antiga ás notas.

Sucédense as Gallardas de Juan Cabanilles, a delicadeza case de frauta de Andrea Gabrieli, os preludios barrocos de Buxtehude en Stylus Phantasticus… Alzar os ollos ata os tubos de metal do órgano, e imaxinar, alí os están, os nenos brincando nos foles para producir o aire melodioso, que xa non. As únicas luces debuxan os vidros dos rosetóns nos muros resoantes cando Buide conta da vida e da obra do pai Rosendo Salvado, da súa estancia nas antípodas, e interpreta o Pequeño entretenimiento con aire de marcha, que cambia o ton do concerto para facerse centro e fin do mesmo.



O remate estremécenos: a Tocata final da Nativité du Seigneur, de Olivier Messiaen fai vibrar o órgano de San Telmo baixo a mirada muda (de envexa) do mesmísimo Santo. Messiaen, en absoluta potencia. A sombra de Buide proxéctase xigantesca sobre o altar maior e o coro, vibra coa feble luz da lúa chea. A derradeira nota queda pendurada das claves das bóvedas, de cada nervio e tendón do corpo, facendo dese concerto unha experiencia que nunca esqueceremos, que xamais deixaremos atrás.

Saír da catedral, sen falar, con todos os sentidos espidos e coa música conducíndonos á medula da noite.

Emilio S.

< 11.- Toquemos madeira, por Miriam R.
> 13.- Preto dos ceos, por Miriam R.

This entry was posted on viernes, 8 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.