13.- catro Ollos | Preto dos ceos

Sábado 9 de agosto de 2014 16:45h

Amenceu o sábado despois dunha noite que empezou tarde, rematou aínda máis tarde, e que pesaba como unha pedra nas cabezas dos integrantes do equipo do festival, o sábado pola mañá.

Obsérvese que emprego a verba noite con licencias, porque a noite empeza cando empeza, é dicir, á posta do sol ou luscofusco. Tecnicamente a partires de aí empeza a noite estrelecida (parafraseando a don Ramón Cabanillas na forma e non no fondo). Aquí refírome máis ben a visita guiada... concerto de Fernando Buíde que empezou xa en sábado... chilín... chilau... Albariño... rúas en silencio...

Con semellante empanada mental estiven a facer que traballaba durante un intre, contando os minutos para ir ao Mesón Adega a deixarme mimar. Camiñando polas rúas do centro histórico tudense, procurando a porta do Mesón Adega coma un náufrago que tenta albiscar a silueta dunha illa no horizonte, non sabía que o director do festival tiña un regalo moi especial para uns poucos elixidos. Que mellor maneira de facer renacer a inspiración que achegarnos un pouquiño máis preto do ceo? Graciñas infindas querido Samuel Diz por semellante agasallo e graciñas infindas Rodrigo Moreira por compartir connosco a túa sabedoría.

E quen fomos os elixidos? Pois a representación musical (orde alfabética) Ferrán Besalduch e Teresa Galcerán, representación literaria (orde ditada polas horas adicadas á creación e reflexión literaria) Marçal Font, Emilio Salgado, eu. E cal era o insigne agasallo? Pois unha visita guiada polos tellados e outros recantos escondidos da Catedral. Guiados por Rodrigo Moreira, que ademais de saber todo o que pode saber mente humana sobre a Catedral Santa María de Tui, amenizou a visita con infinidade de anécdotas e rexoubas diversas.

A compostura durounos o que tardamos en atravesar a porta que permite o acceso ao máis recóndito do edificio. Unha situación tan propia de Alicia no país das marabillas, que só botei en falla un pomo falador. E debe de ser porque a porta carece de pomo, que, de habelo, seguro que falaba. Ou roía como a Bocca della Verità. Sería moito máis divertido un pomo roedor... creo que o fío da narración se está desviando.



Pois así deliciosamente pasamos a tarde, nas escuridades dos recunchos escondidos, para ledicia dos que medramos coas aventuras de Indiana Jones. Visitar as campás en vivo e en directo, procurando a Quasimodo (por esta reflexión literaria debería adiantarme un posto la lista anterior). E emular a Leondardo Di Caprio en Titanic cando subimos ao tellado supremo. Esta referencia non é cultureta, pero ilustra á perfección o que desexo transmitir.

Non apto para os que lle teñen medo ás alturas, pero altamente recomendable.

Miriam R.

< 12.- Órgano, por Emilio S.
> 14.- Aprendices de ourives, por Miriam R.

This entry was posted on sábado, 9 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.