14.- catro Ollos | Aprendices de ourives

Sábado 9 de agosto de 2014 19:30h

Nós bulindo pola oficina do Festival, pelexándonos co documento de word, revisando os preparativos do concerto das 21:30 sabiamente supervisados por Beatriz Fontán (reitero, benquerida compañeira).

Sempre contando con dúas presenzas silenciosas no Claustro Gótico da Catedral:

-A constelación de mulleres de Victoria Vinader, porque están realizadas en vinilo e, polo tanto, inanimadas.

-Os participantes no obradoiro de ourivería tradicional, que, pese a seren doce seres humanos manipulando metal, pouco máis ruído facían que as mulleres de Victoria Vinader. Alí, pendentes dos máis pequenos detalles, concentradísimos, con devoción e case sen descanso, baixo a dirección de Susi Gesto.

Semellante dedicación meticulosa non era para menos, o fin último do obradoiro era crear un Sapo. Así, con maiúsculas. Seguro que hai moitas mentes que imaxinan o obradoiro como unha especie de laboratorio e a Susi Gesto como unha especie de Víctor Frankenstein de aspecto falsamente riquiño. E os aprendices de ourives vestidos con batas brancas tentando insuflar vida no corpo dun batracio feito de anacos doutros batracios. Todo erróneo. Menos o de “aprendices de ourives vestidos con batas brancas”, perdón.

Un Sapo é unha xoia da ourivería tradicional galega, formada por múltiples corpos en forma triangular invertida que se coloca no escote feminino. Non está mal a definición se temos en conta que para participar no obradoiro había que ter máis de dezaoito anos, pero non experiencia previa manipulando un soprete.

E alí, baixo a guía de Susi e a atenta mirada de Emilio Cambeiro, todos a crear unha delicada peza que pasaría a formar parte da colección do Museo da Catedral de Tui. Pasaron tantas horas xuntos que máis que asistentes a un obradoiro pódese dicir que se converteron nunha pequena e entrañable familia. A ver se me lembro dos nomes de todos por orde alfabética: Bea, Emilio, Esperanza, Fran, Loli, Mati, Mari, Pili, Rosana e Tere.

Nós tivemos o privilexio de ir observando pasiño a pasiño a evolución da elaboración do Sapo. E, se incluso para nós foi emocionante descubrir a fabulosa obra de arte que resultou ao final, non podemos nin imaxinar o que sentiron os que participaron na súa elaboración, ata houbo algunha bágoa.



Só podemos animar aos nosos distinguidos lectores a que cando pasen por Tui non deixen de visitar a excelente colección do Museo da Catedral. Hai unha obra que destacará entre o resto pola emoción e o agarimo con que foi realizada.

Miriam R.

< 13.- Preto dos ceos, por Miriam R.
> 15.- Claustro (parte I), por Emilio S.

This entry was posted on sábado, 9 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.