15.- catro OllOs | Claustro (parte I)

Sábado 9 de agosto de 2014 21:30

A tradición, a terra, as orixes… o futuro. O programa desta noite achéganos de maneira máis consciente á liña que vertebra todos estes encontros: de novo a madeira, o cerne que constrúe a identidade da árbore, da natureza, de nós mesmos feitos un.

Un grupo de instrumentos tradicionais entra polo sinxelo labirinto de mirtos do claustro, facendo soar potentes as gaitas, os tambores, os bombos, que estouran nas arcadas e se proxectan cara o ceo en notas cuadriláteras. Madurez e xuventude, moita xuventude, petando e soprando con ganas, con ilusión infinda, con seria ledicia e plenitude.



Tralo aperitivo, o primeiro parto, ben gorentoso e alimenticio. Anxo Pintos e Ramón Corral enchendo, eles sós, o escenario. Gaita e percusión debullando delicias. E moi pronto, o son da zanfona profundo, lento, terreño, únese á conversa. O repertorio fai desfilar jotas e muiñeiras, que o público recoñece, recoñecemos como nosas (verba que non só indica posesión, senón, e fundamentalmente, dependencia e pertenza), con delicados movementos das cabezas, con lenes toques das punteiras nas lousas de pedra, marcando o ritmo en ecos que se antollan infindos. Agora, zanfona e gaita dialogan nun recitado tradicional, rematan a coro remexéndonos polos adentros.

O repertorio intégrano pezas do mestre Antón Corral, que sobe, nun momento cume, ás táboas, a recibir a homenaxe inevitable. Avó e neto, Antón e Ramón; profesor e pupilo, Antón e Anxo; levando a ligazón da música a navegar polo corpo todo. Do seu discurso, palabras, sentimentos: tesouro, paixón, tradición, innovación, creatividade, grazas… Antón na cadeira, tocando o charrasco (instrumento ritual, atávico, que nos leva cos antecesores pagáns e tamén coa tradición relixiosa no seu esqueleto de cruz de Caravaca), a vibrar as ferreñas co serrón, a non deixar adormecer a noite.



A emoción, coma néboa, coma poalla, empápanos os ósos, as almas, e queda apousando en intres prolongados… ata cando?

Emilio S.

< 14.- Aprendices de ourives, por Miriam R.
> 16.- Claustro (parte II), por Emilio S.

This entry was posted on sábado, 9 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.