16.- catro Ollos | Claustro (parte II)

Sábado 9 de agosto de 2014 23:00

Logo da excitación, Lulavai. Antóllase a sobremesa máis acaída para este banquete de sensacións noitaregas. Catro mulleres, vestidas coa elegancia da tradición máis contemporánea, envoltas, elevadas, en saias de brocados en ouro, verde, azul… As arpas célticas delicadamente traballadas (máis e máis madeira) agardan silenciosas (becquerianas case, se non fose demasiada pretensión) as mans que lles dean vida.


Lulavai veñen de Vigo, de Rodrigo Romaní, de Sondeseu. Veñen de anos de amizade e escenarios. Non hai máis que dicir.

As distintas melodías cristalizan o ar nocturno, dotando dunha atmosfera onírica, case fantástica, ás súas interpretacións. Pronto, unen as voces femininas ás voces das cordas. Descende a maxia, pero aproximámonos máis a elas.

Por momentos, as cordas dalgunha arpa son acariñadas polas crinas dos cabalos que aínda galopan polo arco, prolongando as súas notas indefinidamente. Noutro instante, abandonan as arpas para interpretar só a golpe de pandeiro e voz, a golpe de peito. Pezas propias e tradicionais, cantos de berce…

Rematar con Palmira (“Palmira, lará, Palmira, / Palmira, que triste estás, / na Guerra de Cuba, nena, / roubáronche o teu rapaz”) e facelo co sufrimento e a esperanza, coa loita e o amor, con todo aquilo, en fin, que fixo das nosas avoas, das nosas nais, o que somos hoxe.

Saír outra noite do claustro coas feridas da vida adozadas pola música, pero con certo deixe acedo ao pensar nos que antes estiveron, e no que remata.

Emilio S.

< 15.- Claustro (parte I), por Emilio S.
> 17.- Catedral, por Emilio S.

This entry was posted on sábado, 9 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.