18.- catro Ollos | ¿Xa?

Domingo 10 de agosto de 2014 23:40h

Despois de cinco intensos días de festival, íase achegando a hora de dicir adeus. Anoiteceu fermosa e melancolicamente, xa coa maleta no maleteiro do coche. Conversando cos compañeiros, asistindo ao derradeiro concerto desta décima edición, contemplando a Sala Capitular por última (que non derradeira) vez, baleira. Tiñamos un gozo contido, un gozo a medio gas, porque a experiencia remataba.

Se á ida viaxamos deixándonos os folgos por esas autoestradas de Deus, o regreso levou o seu tempo. Pola tristura que nos invadía e porque non lembrabamos o lugar onde aparcamos o coche, así que tardamos uns vinte minutos en atopalo. Chegamos, cinco días antes, totalmente pasados de voltas tentando aparcar nalgún lugar do centro, mentres a cidade parecía repelernos ata a fronteira con Portugal. Antes de pór rumbo ao norte demos voltas polas rúas de detrás da Área Panorámica, sen verdadeira presa por atopar o coche. A cidade quería, esta vez, que non nos fósemos, e nós non pareciamos especialmente interesados en marchar.

Así nos despedimos de Tui o equipo oficial de blogueiros de Música do Claustro. Sona a viaxe cargada de pena, pero non foi para tanto. De feito, ata Pontevedra viaxamos acompañados polo noso compañeiro David Gutiérrez, elegante, gran conversador e entusiasta colaborador do Festival. E afortunado ser humano, que ademais de ilustrarnos con detalles das súas viaxes pasadas, informounos que partía en viaxe de vacacións a Cerdeña en poucos días. E nos dixemos que estabamos contentos por el, pero nos nosos ollos escintilou unha pequena chispa de envexa.

Qué balance facer desta décima edición de Música no Claustro? Só se me ocorre dicir cousas positivas. Positivas da programación, porque foi ecléctica, intensa e moi interesante: música de cámara, órgano, free jazz, música tradicional, obradoiros e visitas guiadas, por citar algúns. E nós felices, coñecendo aos artistas, asistindo a todo, tomando notas e twitteando con frenesí.

Positivas tamén pola resposta dun público inquedo, apaixonado e completamente implicado nas actividades. As colas, os murmurios no claustro, os aplausos, a espontánea lapexada (dicionario da Real Academia Galega, pensaches que te esquecera?) no Chilín Chilau. Un público tan cheo de entusiasmo que non puido menos que contaxiar o noso traballo.

E positivas polos compañeiros que nos acolleron con agarimo desde o primeiro momento, acabados de chegar nós das terras de Marineda City. O equipo e os convidados do Festival foron a nosa familia durante cinco días e foron unha familia fabulosa; non confundir con esas familias que chegan a berros á sobremesa da comida de Nadal.



Samuel, Ferrán, Beatriz, Teresa, Celia, Carla, Rodri, Diana, Marçal, Victoria, José, David, Susi, Emilio, Suso, Don Ricardo, Mati, Guti, Begoña... están todos os que son, pero non son todos os que están. E, obviamente, a Emiliño, compañeiro de crónica, coche, mesa e mantel, fatigas e tantas cousas.

Graciñas a todos, foi un pracer inmenso compartir estes días convosco. Estamos desexando repetir.

E que chegue axiña agosto de 2015!

Miriam R.

> 18.- Catedral, por Emilio S.

This entry was posted on domingo, 10 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.