3.- catro OllOs | Claustro

Mércores 6 de agosto de 2014 21:00h

Aínda coa luz moribunda recortando as sombras do claustro da catedral, (ese claustro gótico, disfrazado de románico), nunha reviravolta baixo un Cristo, onde antano se oficiaban cerimonias eclesiásticas, aparece o novo altar preparado para a celebración da música e da arte, ara bicéfala orientada ás dúas filas de cadeiras prolongándose en oposición de 90º, agardando a colocación angular do público.

O escenario, de madeira núa (outra vez o cerne do festival), agarda aos músicos desta noite inaugural, leve e delicadamente iluminado en tons ambarinos e azuis, amigable e mol, moi lonxe do veludo vermello tan habitual, e tan académico.

O público comeza a encher as cadeiras (si, tamén de madeira), e cando todo está preparado, e a noite decide tamén aliarse coa delicadeza dos sons gorentosos que estamos xa adiantándonos a saborear, o director artístico de Música no Claustro, Samuel Diz, introdúcenos no misterio da festa que está a piques de comezar.

O primeiro, e como parte do Ciclo de Novos Intérpretes, a presentación dun novo talento da frauta travesa, Mónica López, que serve de perfecto aperitivo ao prato forte que logo virá. Vestida de branco, fai voar os seus dedos, cosendo de dourado o azul da noite e do escenario. Aplausos ao estudo e á ilusión. Apoio cunha beca de JLMúsica para seguir centrada no seu soño.

E sen case respiro, o quinteto InVento, talento galego con integrante tudense e moitos folgos para encher de maxia os seus instrumentos de vento madeira. Debullando un repertorio vibrante, lévannos nunha viaxe polo tempo comezando pola gravidade neoclásica, para pasar pronto a unha fermosa peza de Haydn en dous movementos. Os músicos non só “tocan” os instrumentos, vívenos, interpretan co corpo todo o que queren transmitir. As escalas, os fraseos, fannos subir con eles por unha escaleira infinda, e caermos ata ser recollidos nas profundidades do fagot. Para rematar, o dinamismo exacérbase nunha peza romántica en tres movementos, na que todos, eles e nós, enxergamos a éxtase do inefable que buscaban sen descanso a principios do século XIX. Non pode finalizar doutra maneira: ovación prolongada, rosas e peza xoguetona de propina para pechar unha festa que inaugura unhas xornadas de Música no Claustro que prometen moitas satisfaccións.



Pero antes da retirada, a sorpresa. Pasar entre os leóns de pedra con linguas de ferro, velada nocturna no miradoiro, case á beira do Miño, iluminados con candeas e coa conversa e os risos dos que compartimos estes días.

¡Mañá máis, por favor!

Emilio S.

< 2.- Catedral, por Emilio S.
> 4.- Fin de festa, por Miriam R. 

This entry was posted on miércoles, 6 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.