4.- catro OllOs | Fin de festa

Mércores 6 de agosto de 2014 23:45h

Supoño que despois de algo con tanto sentimento como as impresións do meu co-blogueiro (e amigo) Emilio Salgado Freire sobre un concerto dun quinteto de vento, este pode ser o equivalente á crónica de Josemi Diez-Siero. Pero é que non todo vai ser espiritualidade e lirismo nesta vida, que a xornada de inauguración foi intensa e non hai nada como unha copa de Albariño para facer balance.



Na presente edición de Música no Claustro, os organizadores tiveron a fabulosa idea de habilitar unha zona de lecer no miradoiro da Catedral. Alí, os asistentes poden relaxarse, conversar e gozar das vistas que, en dúas palabras son im-presionantes. Como son da opinión de que cada vez que alguén emprega un anglicismo un gatiño morre ao outro lado do mundo, pareceume brillante que o espazo se chame Chillín Chillau, fuxindo de algo tan vulgar como o termo chill out. E que é simplemente velo escrito e só penso en cds de música de librería coa palabra Ibiza impresa na portada. Arrepíos me entran!

Nada máis chegar, pola tarde, xa tiveramos o privilexio de visitar o miradoiro á luz do día. E o sol escintilaba, detalle moi importante se se ten en conta que saímos da Coruña baixo un ceo gris marengo. Flores multicolores, o Miño en toda a súa anchura, da outra beira do río Portugal, unha paisaxe en distintos pantóns de verde e a ponte Tui-Valença (que a lenda atribúe a Monsieur Eiffel e a realidade ao moito menos afrancesado Pelayo Mancebo de Ágreda).

De noite Portugal intuíase no horizonte: luces, rumores da paisaxe, o murmurio das conversas. Realmente estábase de marabilla. É máis, estábase en manga curta ben pasada a medianoite. A organización habilitou bancadas de madeira, iluminación tenue e barra de bar. Por alí pasaron os membros do quinteto InVento, distintos representantes de entidades patrocinadoras e colaboradoras, o director artístico do Festival exercendo de perfecto anfitrión. Todo regado por copas de Albariño, que sempre queda máis fino nas fotos que un vaso de tubo cun sabe Deus qué mestura.

O público de todas as idades que se achegaba ata o Chillín Chillau manifestaba ledicia con exclamacións de admiración. Os membros do equipo do festival ían relaxando a postura a medida que pasaban as horas. E, finalmente, a selección natural deixou en tan magna localización ao mellor de cada casa.

Miriam R.

< 3.- Claustro, por Emilio S.
> 5.- As tres C: Catedral, cafeína e carreiras, por Miriam R.

This entry was posted on miércoles, 6 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.