5.- catro Ollos | As tres C: Catedral, cafeína e carreiras

Xoves 7 de agosto de 2014 11:30h


Despois da moi amena e interesante xornada de inauguración, a imaxe de min mesma pola mañá debíase de asemellar bastante a unha balea varada. Canto me custou erguerme! A xornada presentábase intensa: obradoiros pola mañá, encontro coa artista Victoria Vinader, concertos pola noite no Claustro, declamación poética e free jazz e visita guiada. Para afrontala, a media mañá levaba cafeína suficiente no corpo para permitirme agatuñar pola fachada da Catedral. E tamén para seguirlle o ritmo á actividade que máis me impoñía, a monumental xincana monumental organizada por Carla Diz no recinto catedralicio.

Como Emilio Salgado ademais de grande blogueiro tamén é poeta, e filólogo, e ten (como xa constataría o atento lector) unha sensibilidade exquisita, estaba escrito que acabaría participando no obradoiro de declamación poética e spoken word impartido por Marçal Font. Si, xa sei que declarei abertamente a miña aversión aos anglicismos, pero, neste caso, non coñezo a equivalencia para spoken word en galego normativo.

Como eu ademais de grande blogueira, tamén teño un Iphone para actualizar Twitter e cafeína suficiente no corpo para perseguir aos pequenos tudenses polos recantos da Catedral, convertinme de xeito natural na cronista extraoficial da mañá.

Que marabillosas imaxes deixou na miña memoria, e tamén na do meu teléfono, esta mañá de xoves: as carreiras dos nenos pola nave central, os seus infantís gritos emocionados cada vez que resolvían unha pista, as fermosas expresións nas súas pequenas facianas. De súpeto, a Catedral converteuse nun espazo fascinante.

     


A ledicia dos xincaneiros mesturábase cos visitantes armados con mapas e cámaras fotográficas. Na Sala Capitular un ecléctico grupo debatía sobre declamación poética. Victoria Vinader, no claustro, daba os últimos toques á súa “Constelación de doce mulleres”.

E eu, de cando en cando, asomaba a cabeza polo obradoiro de Susi Gesto, onde os concentradísimos alumnos se afanaban na fabricación dun sapo. Un remanso de delicadeza artesanal. Pasada de voltas como estaba, a calma e a paixón que transmite Susi, resultaban o antídoto perfecto á actividade da mañá. Nota mental, estou desexando asistir ao coloquio con ela o sábado na Sala Capitular. Por moi sensible e esmerado que sexa o meu camarada blogueiro, aproveito para comunicarlle que o coloquio con Susi está pedido. Nota para o lector: se estás pensando, amigo lector, nunha creación dun sapo ao estilo da illa do Doutor Moreau, é que non consultaches con atención a información que se facilita nesta páxina web.

A intensa mañá tocou ao seu fin cunha reunión co director artístico de Música no Claustro, don Samuel Diz. E, a petición propia, unha nova dose de cafeína. Creo que me empezan a tremar as mans.

 Miriam R.

< 4.- Fin de festa, por Miriam R.
> 6.- Sala Capitular, por Emilio S.

This entry was posted on jueves, 7 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.