2.- catro OllOs | Catedral

Mércores 6 de agosto de 2014 16:30h

Chegada a Tui. A catedral fuxindo das nosas miradas, ocultándose para ao fin aparecer tras dunha esquina, subindo a Porta da Pía coas súas exquisitas tendas de artesanía, e topar co lateral da fermosísima portada gótica que nos acolle e nos invita a entrar.

A mole de pedra tórnase liviá ao penetrar no interior, coa luz matizando os brillos barrocos dos retablos, unha luminosidade equilibrista entre as tebras románicas e a claridade cortante do gótico. 



Comprendemos agora o lema da 10ª edición do festival Música no Claustro: #tocamosmadeira. O marabilloso cadeirado tralo altar maior, desprazado do seu lugar orixinal no que formaba conxunto co órgano dobre da catedral, revelando nas vetas antigas a devoción popular e a canónica, o paraíso e o inframundo, amósanos xa a especial relación entre a pedra, a luz e a madeira que constrúe o espazo no que viviremos, de seguro, nestes días experiencias sublimes, no máis etimolóxico sentida da palabra, a piques de alcanzar os lindes do estético ou do extático, pero aínda non…

Chegan os peregrinos, e a vinculación co Camiño faise viva no amable recibimento do cóengo, don Ricardo, e a súa beizón. Coñecer algúns segredos do templo, e gozar decatándose de que non sempre vemos o que está á vista. Os camiñantes repousan nos bancos, na madeira na que se funden cos sons que nacen do órgano acariciado por Fernando Buide, como agasallo ao seu esforzo.

De novo na Porta da Pía, na Fototeca, as fotografías de José Luis Luque Puértolas conxelando, pero, por riba de todo, revivindo, momentos únicos das edicións precedentes, en imaxes que nos asaltan cheas de paixón, concentración ou delicadeza dende o branco e negro (fascínanme, sobre todo, os grandes formatos).

Aí coñecer a xentes coma Pilar García-Corona e Manuel Romero, madrileños de pro, que non deixaron de acudir á cita con Música no Claustro dende a súa primeira edición, enfeitizados polo entusiasmo e calidade dos músicos, a mestura de estilos e as sorpresas que descobren ano a ano.

Con eles quedo citado para a noite, para deleitarnos no concerto estelar, case baixo as estrelas, nun recuncho do claustro, do quinteto InVento.

Agardo a cita con novos amigos, coa música, co segredo, coa noite.

Emilio S.

< 1.- Declaración de intencións, por Miriam R.
> 3.- Claustro, por Emilio S.

This entry was posted on miércoles, 6 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.