1.- catro OllOs | Declaración de intencións

Mércores 6 de agosto de 2014 14:30h

Deixándonos os folgos por esas autoestradas de Deus, así viñemos para Tui o equipo oficial de blogueiros de Música do Claustro. Para aqueles con imaxinacións desbordadas, aclaro que devandito equipo está formado por Emilio Salgado e servidora, non por un exército de humanoides con cabelo branco vestidos de anuncio de Neutrex Futura.

Aclaro tamén que somos residentes na Coruña, cidade á que a presenza da fábrica de Estrella Galicia e o Ikea Marineda City pon no mapa mental de todos os galegos. Cidade tamén da néboa perpetua, por iso os nosos cerebros acolleron con ledicia a visión dunha bóla resplandecente no ceo ao chegar á provincia de Pontevedra.

Afirmo que visitamos Tui en contadas ocasións no pasado e que, o noso achegamento á localidade fronteiriza se compón de vagas definicións que inclúen “rondalla”, “Play Doc”, “lamprea” e “outlet”.

Somos compañeiros e tamén amigos, pero non o suficientemente amigos para combinar as nosas vestimentas. Esta mañá, cando nos atopamos para baixar a Tui, iamos os dous con camisas dun nada discreto amarelo, pero eso foi casualidade e non mediara conversa previa. Supoño que foi a nosa maneira de poñer unha nota de cor no ceo gris marengo da Coruña, como xa referimos, cidade da néboa perpetua. Non somos supersticiosos e deduzo que, pola educación con que fomos recibidos, os artistas que participan en Música no Claustro tampouco.

Compartimos gustos musicais, cinéfilos e literarios. E tivemos moita sorte cando, dous ou tres días despois de que eu lle confesase canto me gustaría asistir a concertos de música clásica este verán, nos chamaron da organización de Música no Claustro para ofrecernos colaborar con eles. O cal era moito mellor que asistir a un triste concerto de música clásica, ¡era un festival completo! ¡yeah!

Esperamos ter máis arte como cronistas do festival e da atmosfera que o rodea que tentando encontrar sitio para aparcar o coche preto da Catedral. Só apunto que foi unha cantidade vergonzosa de minutos e que case cruzamos a fronteira no intento.

Gustaríanos vervos a todos en Música no Claustro, porque a oferta é variada, interdisciplinar e para todos os públicos. E, para os que non poderedes asistir a esta décima edición, esperamos que descubrades Tui connosco e transmitirvos con propiedade o que por aquí acontece.

E rematamos esta introdución tocando madeira, que non somos supersticiosos pero habelas hailas. 

PD- Se vos pica a curiosidade, Emilio foi o que dixo “rondalla” e eu “lamprea”

Miriam R. “Lamprea”

> 2.- Catedral, por Emilio S.

This entry was posted on miércoles, 6 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.