9.- catro Ollos | Posta a punto

Venres 8 de agosto de 2014 12:30h

Cantaron os galos, amenceu o venres, non baixo un sol de xustiza, senón baixo unha molesta poalla. Desde ben cedo, os participantes no obradoiro de ourivería traballaban con aínda máis mimo, teima, detalle, sen levantar os ollos da labor. O equipo de Música no Claustro espertaba en distintos puntos de Tui con similares contracturas. As cabezas tardaron máis minutos en elevarse das almofadas e as duchas matutinas foron un pouco máis longas que o día anterior.

Unha xornada intensa, cun intenso final á media noite, requirían preparación.

Pola mañá, os cronistas esperabamos a chegada das musas diante do temido documento de word en branco amontoando cuncas de café na mesa. Nota para os foráneos, o café que serven nas cafeterías de Tui está delicioso: moito máis intenso (coma a xornada e o concerto) de sabor que esas mesturas semi-cafeínicas que nos serven polas Rías Altas.

Pero, realmente, o que nos movía naquela mañá borrosa, non era o afán da creación literaria que bulía dentro de nós. Xa cubríramos o expediente da ducha, o café, o seguinte café... e o que realmente nos pedían corpo e alma era que chegase a hora de xantar. Que a xornada laboral empece polo xantar é algo de estar de vacacións, dominical ou estival... pero non laboral. Así que para gañar un delicioso cóctel de sabores do Adega, tocaba darlle á tecla.

As musas visitáronnos unha hora máis tarde do que sería preciso, así que tivemos que teclear a velocidades de vertixe para chegar cos deberes feitos á hora de comer. Ese momento máxico que levabamos esperando desde o momento xusto en que acabamos o segundo café.

O Adega é, queridos lectores alleos á realidade culinaria tudense, un remanso de ledicia gustativa. Mesón Adega Rúa, Seijas 8, 36700 Tui-Pontevedra. Moi preto da Catedral, a escasos dous minutos. Por se algún seguidor acérrimo de Música no Claustro se quere achegar a ver ao equipo repondo forzas antes de tomar parte nos obradoiros, concertos ou visitar a exposición de Victoria Vinader.

Unha pausa gratificante no balbordo organizativo da xornada. Algúns aínda se tiveron que levantar da
mesa para atender os teléfonos. Outros revisaban follas impresas a facían anotacións á marxe cun bolígrafo. Outros máis saían á Rúa Seijas (número 8, lembrade) para botar un cigarro mirando ó infindo entre prato e prato. E, cronistas nós, sen levantarnos en dúas horas de comida, deglutíamos concentrados, para poder comprender as propiedades dos deliciosos pratos que o destino poñía diante de nos. Especialmente derreados de traballar non estabamos, e disfrazabamos a nosa ansia comedora de Intus legere.

Esta entrada non está esponsorizada, senón escrita cunha man no corazón e outra no estómago, pero, amigos do Adega, se estades contentos coas letras que esta humilde cronista apañou e ordenou inspirada en vós, podedes demostrarmo con viandas cando queirades. Podedes contactarme a través da web de Música no Claustro.

Queridos e espelidos lectores, evidentemente, é unha esaxeración o que escribín no parágrafo anterior: cunha man no corazón e outra no estómago non podo escribir. Preciso das dúas mans sobre o teclado para escribir con propiedade.

Miriam R.

< 8.- Claustro, por Emilio S.
> 10.- Claustro, por Emilio S.

This entry was posted on viernes, 8 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.