6.- catro OllOs | Sala Capitular

Xoves 7 de agosto de 2014 12:00h

Mediodía ou Sexta. Nun lateral do claustro da Catedral de Sta. María de Tui agóchase nun nivel inferior a Sala Capitular románica do século XII, a maior de todas as catedrais españolas. Pura pedra na que reverberan os pasos, as respiracións, os pensamentos, con restos de capiteis vexetais e animais, rememorando unha natureza primixenia, quizais perdida.

Paseniño, baixamos os chanzos ata os bancos de madeira onde viviremos dúas horas de voz e poesía con Marçal Font, o protagonista do espectáculo que pola noite será o acto principal da xornada. Somos xentes de distintas idades e intereses, convocados todos ao ritual do verso en carne viva.

Chega o oficiante, presenza magnética e voz profunda, pero próximo e amigable.

Debullar conceptos: creación escrita, declamación, interpretación, música. Non interpretar, ser un mesmo dentro da convención artística. O fundamento do feito estético, a toma de distancia, a arte, o artificio. A consciencia, sobre todo, a consciencia.

Pouco a pouco, como en calquera instrumento, adaptar a gorxa a intensidades, alturas, timbres, intencións… Os contrastes, como fundamentos xeradores de sentido: os cambios de significados, de ritmos, de tons.

Para entón, hipnotizados polo verbo de Marçal, pola súa claridade didáctica e a súa poética. Comezamos un ilustrado e ilustrativo itinerario polas distintas tradicións declamatorias: a flamenca, a castelá, o spoken word americano (tremendo Saul Williams), a poesía fonética, o ruidismo… Repetición, repetición, repetición, CONTRASTE, melodía, repetición, final?

E por se non fora dabondo, Marçal declamando textos seus para exemplificar os conceptos, en castelán ou en catalán, de temática social ou amorosa (ou de desamor, que sempre é o mesmo), só ou acompañado de Ferran Besalduch, si, acompañado é o adxectivo, pois as notas de Ferran nin se impoñen nin serven de banda sonora, senón que se fan Un coas verbas de Marçal.



Unha idea final: poesía como produto, como técnica, si, pero que precisamente nos serve para ensinar máis verdade que a propia realidade.

Entregados, rendidos á delicadeza, á potencia, comezamos un diálogo no que case non hai palabras, só sorrisos de pracer e o desexo de que a hora que marcan os reloxos sexa unha falacia, de que se non somos quen de facer que desaparezan todos os reloxos do mundo, alomenos se esvaezan as agullas e os números, para que permaneza só vibrando no espazo por outros dez séculos a palabra, a beleza.

Desexando xa a noite…

Emilio S.

< 5.- As tres C: Catedral, cafeína e carreiras, por Miriam R.
> 7.- Emocións arredor do Claustro, por Miriam R.

This entry was posted on jueves, 7 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.