7.- catro OllOs | Emocións arredor do claustro

Xoves 7 de agosto de 2014 17:00

Despois do subidón matutino, a cousa empezou a decaer pola tarde. Primeiro foi a sobremesa. A continuación, a presenza cada vez maior da humidade, inimiga acérrima das que temos a tensión baixa (e o xene do cabelo rizado pero non queremos que se nos note). E por último a caída en picado dos niveis de cafeína no meu corpo.

O meu corpo é como unha planta que precisa ser regado con cafeína para florear. Está visto que vou deixar que outros se encarguen de poñer a nota poética.

Moita poesía nos quedaba por compartir o resto da xornada. Primeiro poesía plástica, sen ánimo de resultar estoxadiza coa definición. Aproveito para agradecer ao tradutor da Xunta de Galicia por aportar verbas tan fabulosas como estoxadiza ao meu vocabulario.

Victoria Vinader presentaba a súa “Constelación de doce mulleres” no claustro catedralicio. A artista falou da experiencia feminina ante un nutrido grupo de asistentes ávidos de coñecemento. Teño que apuntar que as consideracións sobre a muller de Victoria foron moito máis alá dos meus apuntes sobre a humidade e o cabelo rizado. Bulideira, enerxética, mística e inclasificable, a súa presentación foi suficiente para facerme volver á órbita do Festival despois do Via Crucis da sobremesa.

As doce mulleres seguían alí como testemuñas cando regresamos para a actuación nocturna: os novos intérpretes que desbaldían (graciñas outra vez tradutor da Xunta de Galicia) talento e que puxeron ao público en pé. E despois Marçal Font e Ferrán Besalduch.

Con certa cautela se achegaba a miña persoa a unha actuación de free jazz (outro anglicismo necesario) manifestación artística que consideraba, ata esta noite, desconcertante. E como rectificar é de sabios, aproveito aquí para rectificar publicamente e afirmar que me quedei extasiada desde o primeiro minuto do recital. Tan extasiada que descoidei un pouco as miñas obrigas para co Twitter. 

Fantástico o entorno, aínda que eso xa o sabiamos, pero habería que agradecer ao mentor de Música no Claustro don Ricardo García a aposta por este tipo de evento neste tipo de lugar. Fantástico Marçal, que ten tanto carisma e tanta presenza no escenario que o tempo se detén mentes recita. Ademais de provocar moitos sorrisos nerviosos entre o sector feminino do público asistente. E fantástico Ferrán, que non só realizou unha actuación soberbia acompañando ao poeta, senón que é un tipo tan curriño e con tanta paixón polo que fai que aproveito esta tribuna para declararme fan.



Por segunda noite consecutiva a noite rematou con conversa. Albariño e, como novidade que causou furor entre os fregueses do Chilín-Chilau, queixo. Ademais de facer balance do día, tivemos a sorte de compartir as primeiras horas de venres con Begoña (unha das asiduas ao Festival) e con Ferrán e Teresa, a súa parella, que nos falaron de música barroca, contemporánea, educación e refuxios antiaéreos.

Presinto que a xornada de mañá vai empezar con ración extra de cafeína.

Miriam R.

< 6.- Sala capitular, por Emilio S.
> 8.- Claustro, por Emilio S.

This entry was posted on jueves, 7 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.