As emotivas verbas de Antón Corral na súa homenaxe "Amor e vida pola música"

Anxo Pintos, Antón Corral e Ramón Corral | Foto © Tere Freiría

Boa noite a todos os presentes.

Hoxe, neste espazo pétreo da catedral de Tui, volve a min o resón das gaitas de Xarabal, que no ano 92 daba un concerto neste mesmo lugar. Quen me ía dicir que de aí a poucos anos sería un membro máis desta cidade!

Aínda que en realidade non é algo estraño. As circunstancias do meu labor sempre me levaron de xeito itinerante pola xeografía galega, como gaiteiro, artesán e mestre: de Lugo a Ortigueira, de novo a Lugo, máis tarde a Vigo, e no ano 2008 recalei nesta cidade chea de historia, un lugar perfecto onde gozar da miña familia, da miña paixón que segue a ser transmitir o amor á nosa tradición e compartir todo o que aprendín ó longo da miña traxectoria.

Quero dar as grazas ós que me acompañades hoxe, especialmente ós promotores deste acto e a todos, presentes ou non, que aportan día a día o seu gran de area para que o grande tesouro cultural galego se siga a pór en valor e non se esvaeza nas novas xeracións.

O meu agradecemento a todos os alumnos de ollos abertos que souberon e saben motivarme para o meu propio desenvolvemento. Un deles, Anxo Pintos, un alumno exemplar do grupo didáctico creado na Universidade Popular, aquel rapaz que absorbía cada xesto e cada palabra é hoxe un músico excepcional. Grazas por estar hoxe aquí.

Tamén quero dar unhas grazas a xeito de aperta a todos os alumnos do meu actual Grupo Didáctico en Tui, eles forman unha parte importante dos meus alicientes.

Por último quixera facer unha mención ó meu neto Ramón Corral, el vai da man comigo, continúa o meu camiño desenvolvendo toda a súa creatividade e innovación no Obradoiro que leva o meu nome. É unha satisfacción pensar que o labor de tantos anos no coidado á tradición terá continuidade no futuro na miña familia. A mesma ilusión, o mesmo espírito, as mesmas ganas de aprender... É como sentir a rexeneración de min mesmo, tendo a certeza de que o dito que sempre me serviu de lema: “a tradición non consiste só en vivir do pasado, senón en construíla no presente, para que permaneza no futuro”, vai continuar sendo tamén o seu lema.

Moitas grazas a todos.

Antón Corral
09 de agosto de 2014

This entry was posted on jueves, 14 de agosto de 2014 and is filed under ,,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.