X Música no Claustro #tocamosmadeira

A X Edición de Música no Claustro superou as expectativas debido a ter experimentado un importante crecemento dende o punto de vista de asistencia de público, cultural, artístico e de xestión.

Os máis de 2.200 asistentes, de idades comprendidas entre os 5 e os 80 anos, encheron os sete concertos programados así como ás visitas nocturnas temáticas á Catedral. Supuxeron un incremento dun 19% con respecto ao ano pasado. Este crecemento tamén se veu reflectido nas redes socias conseguindo un crecemento dun 50% de seguidores.

Un público que puido emocionarse con experiencias irrepetibles como o concerto de órgano que o galego Fernando Buide, doutor na Universidade de Yale, ofreceu en memoria ao Pai Rosendo Salvado, coa Catedral totalmente a escuras, baixo o plenilunio de agosto filtrado polos rosetóns, coa estrea dunha nova composición no seu tributo. Seguindo a celebración dos 300 anos do órgano, Roberto Fresco, músico internacionalmente recoñecido, foi o encargado de pechar o festival, concerto programado coa colaboración dos cursos universitarios de Música en Compostela.



O momento máis emotivo do festival estivo protagonizado pola unión de Anxo Pintos –fundador de Berrogüetto- e Ramón Corral, discípulos do mestre da música tradicional galega Antón Corral, cun concerto único onde puidemos ver ao propio Antón Corral emocionado compartindo estas verbas e tocando con eles un instrumento que el mesmo construíra para os seus netos. Unha homenaxe merecida que o público soubo recoñecer aplaudindo de pé a un dos grandes nomes da nosa cultura viva. Nava Castro, Directora Xeral de Turismo, fixo entrega da peza que o artista artesán Nacho Porto creou ex professo en homenaxe a Antón Corral.

Anxo Pintos, Ramón Corral e Antón Corral. Foto © Tere Freiría



Ademais nesta V edición do Ciclo de novos intérpretes JLMúsica – Dos Acordes participou máis do dobre de estudantes do Conservatorio que en edicións anteriores, recibindo nesta ocasión a 30 rapaces que tiveron a oportunidade de mostrar a súa música ao comezo de cada concerto.

Música no Claustro continuou apoiando á produción de novas obras, e consolidouse como plataforma de exportación, levando a música e poesía galega de aCadaCanto até festivais como o Harare International Festival of the Arts en Zimbabwe, ou o Estival Cuenca.

Así neste apoio á creación o festival comisionou e financiou tres grandes exposicións: “12 SAPOS PARA 12 MULLERES” de Susi Gesto, “INSTANTES DE MÚSICA NO CLAUSTRO” de José Luis Luque Puértolas e “CONSTELACIÓN DE DOCE MULLERES” de Victoria Vinader.

Susi Gesto. Foto © Tere Freiría
Asemade ofreceu dous obradoiros para adultos, un de declamación poética con Marçal Font, actividade principal para o público máis xove, e outro obradoiro de ourivería con Susi Gesto, no que os participantes crearon conxuntamente un sapo, xoia por excelencia da ourivería galega, que xa se pode visitar no museo catedralicio. Esta actividade contou co apoio da Fundación Artesanía de Galicia e a visita da súa responsable Elena Fabeiro.

O festival suma ao apoio institucional do Concello de Tui e da S.A de Xestión do plan Xacobeo, o da Fundación Artesanía de Galicia, así como o apoio privado que creceu máis dun 150% respecto de edicións anteriores grazas a colaboración de empresas como FINSA, JLMúsica, Dos Acordes, Fototeca Estudio-Taller e Porta da Pía Artesanía, e unha ampla equipa de profesionais que investiron as súas horas de traballo en facer deste festival unha cita única e humana, recoñecida deste xeito polos artistas asistentes.

#tocamosmadeira. Unha marca con personalidade dentro de Música no Claustro. O festival “tocou madeira” neste décimo aniversario e, para iso, os instrumentos de vento madeira, corda pulsada e o órgano, do que se conmemora os 300 anos de existencia, tiveron un especial protagonismo. “Séculos tocando madeira” foi tamén o título da mesa profesional que se desenvolveu o venres 8 na que participaron representantes da Asociación de deseñadores gráficos e industriais de Galicia (DAG), do Colexio oficial de decoradores e deseñadores de interior de Galicia (CODDIG), e da empresa de madeira, FINSA e do Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos.




A Rosa d'Adina. Dende Música no claustro apoiamos a creación e exportación de novos proxectos artísticos nos que as nosas costumes, tradicións e patrimonio estén presentes dunha forma activa. Así, en 2013 xunto a productora Músicas de Salitre, Música no claustro puxo nas mans do grupo galego aCadaCanto o xardín-mirador da S.I. Catedral de Tui para a rodaxe da súa nova gravación audiovisual en homenaxe a Rosalía de Castro.

Este novo traballo, baixo o título de A Rosa d'Adina foi presentado en concerto no claustro gótico o sábado 10 de agosto de 2013, co apoio de Xacobeo, xunto ao redor de 500 persoas que puxeron as súas emocións nas voces e mans de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. Despois do lanzamento ao mercado do EP A Rosa d'Adina en outono (disco dispoñible no establecemento tudense Porta da Pía), Música no claustro leva a música e poesía galegas a Cuenca e Zimbabwe.

Así, xunto ao apoio de Acción Cultural Española, aCadaCanto viaxa ao sur do continente africano en maio'14 para presentar a súa creación por vez primeira no Harare International Festival of the Arts, unha das principais citas artísticas do continente, que reúne a máis de 800 artistas acreditados e 60.000 asistentes chegados dende múltiples recunchos do planeta. Continuando coa exportación das nosas identidades dende Música no claustro, aCadaCanto participa en xullo'14 no Estival Cuenca, festival de jazz e músicas do mundo na Cidade Patrimonio da Humanidade.


En catro ollos [blog]
As emocións e experiencias vividas en Música no claustro 2014 nas verbas de Miriam e Emilio!

Miriam Rodríguez é colaboradora de Brit Es Magazine, ex produtora audiovisual, ex produtora de festivais de cine, escritora vocacional e MA en Culture, Policy and Management pola City University of London. Ama aquelas cousas que elevan o espírito coma o cinema en particular (e as artes en xeral) o pan, as viaxes e o café. Odia os anglicismos innecesarios.



Emilio Salgado é Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de A Coruña, adícase ó ensino da lingua e literatura españolas e literatura universal. Elaborou materiais didácticos da súa especialidade, é autor de artigos sobre a poesía española dos anos 70 e sobre a obra de Ramón María del Valle-Inclán, e actualmente céntrase na súa paixón pola poesía.


Claustro gótico. Plenilunio do mes de agosto. Foto © Gore Vázquez


This entry was posted on jueves, 14 de agosto de 2014. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.