8.- catro Ollos | Claustro

Xoves 7 de agosto de 2014 17:00

Aínda non, pero sobrevoa a noite no cadrado perfecto do claustro catedralicio.

Público, moito público, atraído pola sona que acadou Marçal Font nas súas presenzas anteriores no festival, pero tamén pola numerosa representación de promesas tudenses que abrirán o espectáculo.

Comezan os sons da madeira. Catro clarinetes marcando os puntos cardinais da ilusión e do tesón, en pezas breves que enchen de forma misteriosa os peitos dos asistentes. Logo, o contraste coa vibración do quinteto de metais (trompetas, trombón, bombardino e tuba), que oscilan entre rápidos fraseos e prolongadas notas. Por vez primeira non está presente a madeira no son. Vento, metal, pedra e moita xuventude. Seriedade e dedicación ao traballo de meses ou anos. Ovacións merecidas, algún sorriso tímido e nervioso (o benxamín da trompeta non e quen de logralo ata baixar do escenario) e beca para continuar os estudios de música.

Chegan Marçal Font e Ferran Besalduch. Logo da experiencia do mediodía no obradoiro de Marçal as horas vespertinas ata a chegada do seu espectáculo fixéronse eternas. Marçal senta na base da columna que marca o vértice dese ángulo recto que formamos os asistentes, de costas, oculto, concentrado, mentres Ferran desprega pola madeira do chan instrumentos de vento e percusión (de verdade será quen de tocalos todos?).

Marçal ponse en pé. Comeza a recitar, a declamar, como lle gusta dicir a el. Xa dende as primeiras verbas os asistentes quedamos arrebatados, a voz e os sons en perfecta harmonía, as palabras resoando nas cabezas e nos peitos, roubándonos case o aire que ambos regalan, en cambio, de forma xenerosa sobre as táboas.

Ferran ofrece notas en todas direccións, a destra e a sinistra. Os momentos nos que o enorme saxo baixo entra en escena son inesquecibles: o prólogo, o deambular arredor de todo o claustro, entre o público e as exposicións, co son esvaéndose e rebotando.

Avanzan (Un paso. / Una piedra. / Un tropiezo.), foxen nun crescendo atronador (Como si quemara la sombra. / Huir.), falan (Hoy quisiera mi palabra en el mar de la palabra como una gota de agua en el agua). Un acordeón de xoguete hindú, feito cunha caixa de madeira, tamén acompaña. Máis experimentación (Escapas humo por la boca), máis vida e máis morte (Supongamos, por ejemplo, que / creo en la muerte.), e máis tempo (que la vida es una, la dicha es breve y el tiempo escapa.) a ritmo de saeta ou procesión de Semana Santa, e máis amor e beleza.

Como agasallo especial, recita por vez primeira os seus Poemas Fatuos (perfectos para unha catedral na que a presenza de San Telmo é constante, ata o punto de que os pináculos son auténticos fogos fatuos de pedra), do XXV ao I, pequenos aforismos ou greguerías que non encerran, senón que desvelan moita verdade, ironía ou complexa sensatez: No ser políticamente incorrecto. / Ser poéticamente correcto; Gestionar la melancolía como un huerto y sus frutos; La ignorancia se combate. El intelectual es soldado o no es.



Terminar coa música de Ferran desaparecendo polo fondo do claustro, apagada polas pedras e a distancia.

Rendidos, xa para sempre, ao hipnotismo nocturno da música e a poesía.

Emilio S.

< 7.- Emocións arredor do Claustro, por Miriam R.
> 9.- Posta a punto, por Miriam R.

This entry was posted on jueves, 7 de agosto de 2014 and is filed under ,. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.