O segredo do pergamiño Vindel




Mércores 3 de agosto, 21.30 h. Capela das Reliquias

100 anos de música para as cantigas de Martín Codax

Hai agora 100 anos, o libreiro e anticuario Pedro Vindel atopou, cando folleaba un códice do século XIV, que contiña copia manuscrita do tratado de De Officiis de Cicerón, un pergamiño que escondía un escrito en caligrafía gótica. Tratábase da transcrición das sete cantigas de amigo do autor que firmaba, en letras vermellas, no recanto superior esquerdo: o trovador Martin Codax. Se ben o texto das cantigas de Martin Codax era xa coñecido nesa altura, pois foran copiadas en dous cancioneiros italianos, a excepcionalidade do achado estaba no feito de que o pergamiño contiña, ademáis, a notación musical de seis das sete cantigas. A transcendencia deste feito era múltiple, histórica, filolóxica e literaria pero, fundamentalmente, musical. Se ben se tiña idea de como podía ser a música da lírica galego-portuguesa de carácter relixioso, a través das Cantigas de Santa María do rei Afonso X, descoñecíase por completo como podía soar a lírica profana. Pedro Vindel tiña un grande interese en que o pergamiño non saise da Península e se fixeron xestións para atoparlle comprador mais, nin a Real Academia Galega nin a Biblioteca Nacional de Madrid se fixeron con él, de maneira que o pergamiño acabou en Upsala, Suecia, até que se lle perde o rastro. O pergamiño “reaparece” a finais dos anos setenta do pasado século, cando foi vendido en subasta pública en Londres á Pierpont Morgan Library de Nova York sen que as institucións españolas nin portuguesas amosaran interese algún polo documento.

Segundo as teses do investigador italiano, Giuseppe Tavani, as sete cantigas forman parte dun macrotexto un conxunto unitario no que cada unha das sete cantigas forma parte dun discurso narrativo, un “canto da espera decepcionada”, que vai desde a “confiante esperanza” da muller namorada, até a resignación e a desesperanza do poema final.

E foi así que, inspiradas pola historia do achado do pergamiño Vindel e as teses de Tavani, nos propuxemos construir, musical e textualmente, un relato que nos adentra no significado máis íntimo dun documento que chegou até os nosos días froito da casulidade e que constitúe un dos monumentos da historia da música e da literatura galega e universal.

Zanfona, voz, arpas, organetto e a relato dunha narradora son pois os ingredientes que adobiarán e acompañarán a historia do que aconteceu co chamado pergamiño Vindel, testemuña da música que acompaña ás sete cantigas do trovador vigués Martín Codax, nun espectáculo no que se recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios que durante séculos se agocharon nun pergamiño.




Intérpretes:

  • Charo Pita, narración
  • Belén Bermejo, órgano portativo e voz
  • Ariel Ninas, zanfona e percusión
  • Andrés Díaz: arpa e frautas
  • Víctor Blanco: arpa e guitarra renacentista


Instrumentos:

  • Frautas renacentistas alto en fa, tenor en do e baixo en fa, segundo o conxunto Hies do Kunsthistorisches Museum de Viena, s. XVI. Paul Richardson (Madrid, 2000-2001-2005)
  • Frauta renacentista alto en sol, modelo Ganassi, s. XVI. Yoav Ran (Israel 2008)
  • Guitarra renacentista de 4 ordes, segundo o modelo de Melchior Dias c.1585. Stephen Murphy (Mollans sur Ouvèze, 2002).
  • Arpa tardo gótica, baseada en cadros de Hans Memling c.1480. Reinhard Thürau (Wiesbaden, 2010) 
  • Órgano portativo, baseado en diversos cadros de Hans Memling c.1480. Herbert Kuen (Innsbruck, 2007)
  • Zanfona, modelo Alto, Wolfgang Weichselbaumer (Viena, 2008)


Este conxunto, de amplo espectro sonoro, enfróntase a un variado repertorio de épocas e estilos sen pretensións historicistas nin revisións puristas, lonxe de polémicas estilísticas e fieis ao seu gusto ecléctico de persoas do século XXI, para ofrecer recitais en espazos sonoros de acústicas repousadas, para solaz do público bo e xeneroso.

O grupo toma o seu nome da cantiga do trobador Xohan Airas, A per quen perço o dormir, "... vestida dun pres de Cambrai, Deus, que ben lles esta manto e saia!", chiscadela á tradición literaria e musical do medievo, na que conflúen e atopan inspiración os integrantes desta singular formación. Fundado por Belén Bermejo e Ariel Ninas, o grupo preséntase nos seus diferentes proxectos acompañado por músicos e artistas procedentes do ámbito da música antiga, tradicional e do mundo da oralidade. Os integrantes desta formación desenvolven individualmente unha intensa traxectoria concertística e colaboran habitualmente con grupos como Martin Codax, o grupo de Música Antiga 1500, Silva de Sons, E Ultreia, Ulobit, Vox Stellae, Malandança, Decameron & Cía., ou a Orquestra de Música Espontánea de Galicia. O grupo fixo a súa presentación en agosto de 2014 en Vigo, con dous concertos no Verbum e no Museo de Castrelos, nos que estreou un proxecto músico-literario arredor do centenario do achado do Pergamiño Vindel e percorreu con él diversos escenarios da xeografía galega como Ribadeo, Carballo, o Salão Filosófico de Brión, Culleredo, A Coruña. Na actualidade, a formación traballa nun novo proxecto arredor da música e da poesía do ciclo do Winterreise.

Charo Pita

Naceu á idade de 6 anos, cando rematou de ler o seu primeiro libro. Desde ese día a súa idade foise adaptando ata sentirse contemporánea de todo o mundo. Dela non se pode dicir muito, agás que sempre está a medio camiño: nin adulta, nin nena, nin alta nin baixa, nin loira nin morena, nin india nin vaqueira, nin de aquí nin de alá, unha salvaxe apacíbel, entre o pó da viaxe e a modorra dunha butaca vella.

Charo ten contado ao longo de toda a xeografía ibérica. Tamén escribiu algún libro: Igor, da editorial Kalandraka; o libro de poemas Desde Arcadia para Govinda que gañou o premio Espiral Maior de Poesía canda outros libros de literatura infantil. Ás veces, canta nun grupo de música medieval, Malandaça, co que gravou o disco Unha noite na corte do rei Afonso, e é tamén autora do libro-disco Estamos no Verán!!!, editado por Galaxia, no que colabora co cantautor Xoán Curiel.

E sempre así, unhas veces coa palabra na boca, outras coa música.

This entry was posted on miércoles, 27 de julio de 2016. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.