A nosa homenaxe: Moisés Quintas Suárez

A 12ª edición de Música no claustro comezou coa nosa homenaxe 'amor e vida pola música'. O noso recoñecemento público dunha persoa que día a día traballa na edición, creación e difusión da cultura musical da nosa contorna: Moisés Quintas Suárez.


© María Ucieda

Frautista, guitarrista e mestre de música, Moisés é un infatigable curioso dos instrumentos populares galegos, a súa pedagoxía e o seu uso cotián. Autor da Guía didáctica de instrumentos galegos (Ouvirmos 2011) e do primeiro Método de Pito Galego (Ouvirmos 2015), é na actualidade mestre no CEIP Xosé Fernández López do Porriño.


Coa presencia de José Font, Beti Rey e Antón Corral -homenaxeados en pasadas edicións-, Moisés compartiu co público que ateigou a Capela das Reliquias da S.I. Catedral de Tui a súa emoción e ilusión por esta homenaxe compartindo xunto á súa compañeira Viqui Pérez a maridaxe sonora do pito galego e unha pandeira.

© Gus Abreu

Moi boa tarde a tod@s.
Non hai satisfacción máis grande que observar que o traballo que un fai, con agarimo e humildade, é útil, valorado e recoñecido.
Estou moi agradecido por este recoñecemento especialmente por vir de quen vén; un festival como Música no Claustro ao que sigo con sumo interese dende o seu comezo polo seu vangardismo, e Samuel Diz, seu director artístico, un guitarrista que admiro dende o seu primeiro disco “Guitarra Clásica Galega”.
Sen dúbida, este agasallo darame folgos e ilusión para seguir traballando e desenvolvendo proxectos musicais relacionados coa nosa cultura.
Quero aproveitar este momento tan especial para agradecer:

  • Á miña compañeira Viqui Pérez, pola súa inestimable axuda e apoio en todos os meus proxectos, así como a súa aportación e colaboración musical tanto no estudio como nos directos.
  • Á editorial Ouvirmos, e especialmente ao seu director José Aldea, pola confianza na publicación dos meus traballos, así como polo compromiso coa nosa cultura.
  • Á familia, especialmente aos meus fillos Manel e Lois, aos amigos que cada día axudan desinteresadamente e aos meus alumnos, dos que nunca deixo de aprender.
En educación, dicimos que os nenos e nenas deben aprender partindo do seu entorno máis próximo. Para entender, valorar e respectar outras culturas, debemos primeiro tratar de entender, valorar e respectar a nosa propia.
Musicalmente falando, isto non se entende sen achegarse á nosa música tradicional, a que cantaron, tocaron e bailaron os nosos devanceiros.
Como docentes temos esa gran responsabilidade, esa obriga; a de dar a coñecer, valorar e respectar aos nosos alumnos o gran legado musical que chegou ata nós. E non só iso, debemos facer tamén que se namoren e enorgullezan del, ao tempo que son sabedores da súa responsabilidade para que siga vivo.
Achegalos ao canto ancestral e melancólico dos Alalás ou á ledicia das Foliadas; bailar una Muiñeira ou unha Danza de Paos; coñecer a orixe e evolución dos instrumentos máis nosos…
Que mellor que a Música para mergullalos no mundo dos sentimentos, das emocións e do respecto… A Música é a linguaxe da esperanza e da Paz.
Unha sinxela frauta de cana, un Pito Galego, chega dabondo para facerlle entender aos meus alumnos canto temos en común co resto do mundo. Con el, podemos viaxar no tempo e no espazo, pois o ser humano, leva miles de anos expresándose musicalmente con este doce e sinxelo instrumento. De Oriente a Occidente, non hai recuncho no que non haxa alguén que toque una frauta de cana, convidando a que a xente sexa máis feliz.
MOITAS GRAZAS!!

Moisés Quintas Suárez


This entry was posted on sábado, 20 de agosto de 2016. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.