Aberta a participación no Ciclo de novos intérpretes (9 de agosto de 2018)



Continuando co espírito inicial de Música no claustro e do seu mentor Don Ricardo García (1929-2017) abrimos a participación no Ciclo de novos intérpretes 2018 a todo o alumnado das escolas e conservatorios de grao medio e superior de Galicia, así como aos estudantes de orixe galega que realicen a súa formación en calquera cidade ou país fóra de Galicia.

A finalidade é mostrar aos públicos o traballo realizado durante todo o curso dende unha visión artística e de desfrute. Un concerto compartido o xoves 9 de agosto no claustro gótico da Catedral de Tui no que participarán un máximo de catro (4) solistas ou grupos.

A convocatoria está aberta a diversos estilos musicais (antiga, clásica, tradicional, jazz,...). Os estudantes enviarán a contacto@musicanoclaustro.com unha sinopse e/ou a proposta de programa cunha duración máxima de 30 minutos, xunto aos seus datos persoais e de contacto, unha biografía artística de máximo 300 palabras, unha fotografía, un vídeo (ou enlace) e un texto de motivación.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o domingo 17 de xuño. A comunicación dos participantes seleccionados realizarase no prazo máximo dunha semana.

A organización correrá cos gastos de desprazamento dos participantes a Tui ata cun máximo de 150€ por solista/grupo, xunto a un conxunto de partituras e publicacións donadas pola editorial Dos Acordes.

Beca de apoio ao desenvolvemento musical e artístico "Don Ricardo García"

O festival Música no claustro seleccionará ao solista ou grupo que máis destaque entre os participantes no ciclo ofrecéndolle unha beca de apoio ao seu desenvolvemento musical e artístico. Esta beca consistirá na orientación e preparación profesional dunha proposta de concerto. Unha consultoría que completará a formación musical obtida nos conservatorios:

- Análise e creación do concepto da proposta musical.
- Desenvolvemento dos materiais promocionais (dossier, vídeo, etc...).
- Definición de públicos e axentes (festivais, teatros, etc...).
- Comunicación aos medios de prensa e xestión de entrevistas.

O traballo final será presentado na XIV edición de Música no claustro nun concerto completo remunerado.



This entry was posted on sábado, 19 de mayo de 2018. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0. Responses are currently closed.