Concerto "As Badaladas de San Telmo". Tui, 28 abril 2019, 18h


Campanarios do Convento das Clarisas e da Catedral de Tui nunha imaxe tomada dende o campanario da Igrexa de San Francisco ©Música no claustro, 2019


O Concello de Tui pon en valor o seu legado monumental no concerto “As Badaladas de San Telmo” o vindeiro domingo 28 de abril, ás 18h, unha das principais citas culturais das festas patronais de San Telmo 2019, declaradas de interese turístico galego.

Baixo a coordinación artística do festival Música no claustro, este concerto busca a sensibilización da sociedade cara o toque manual de campás, declarado o 23 de abril de 2019 polo Ministerio de Cultura, manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

“As Badaladas de San Telmo” estarán dirixidas por Llorenç Barber e Montserrat Palacios. A soprano e etnomusicóloga mexicana Montserrat Palacios é especialista en cantos de tradición oral e antropoloxía sonora. Llorenç Barber, compositor e artista sonoro valenciano, é un dos nomes de referencia da arte de vangarda española, dende a súa participación no grupo Zaj aos actuais concertos de cidade que realiza con Montserrat Palacios.

Entre as súas actuacións destacan a apertura do terceiro milenio en Roma co concerto “O Roma Nobilis” ou a apertura do recente Ano Greco en Toledo. Agora Tui súmase ás máis de 150 cidades de numerosos países europeos e latinoamericanos aos que Barber e Palacios adicaron unha partitura.

Ao redor de 25 persoas, con e sen coñecementos musicais tocarán “a músculo” as campás da Catedral de Tui, do Convento das Clarisas, da Igrexa de San Francisco e da Igrexa de San Telmo, templo do que se conmemoran os 250 anos da súa primeira pedra en 2019.

O público terá a oportunidade de crear o seu propio concerto, nunha escoita activa paseando pola cidade, especialmente nas rúas que unen o Paseo da Corredoira, a Praza de San Telmo e a Praza do Concello, dende a que poderán descubrir no alto da Catedral a campá de San Telmo e Santa Bárbara ao carón da campá de Santa Ana, a máis antiga da cidade, do ano 1511.





AS BADALADAS DE SAN TELMO NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

>> Entrevista a Llorenç Barber e Montserrat Palacios na Televisión de Galicia (A Revista Fin de Semana)

>> As campás da Catedral, San Telmo, San Francisco e As Clarisas soarán no concerto “As Badaladas de San Telmo”. Cousas de Revista

>> Las campanas repican por San Telmo, por Judit Bernárdez Faro de Vigo

>> Las badaladas de San Telmo, por Fernando Franco Faro de Vigo

>> Tañidos en Tui por San Telmo, por Xesús Fraga La Voz de Galicia

>> Entrevista a Llorenç Barber e Montserrat Palacios na Radio Municipal de Tui

>> As Badaladas de San Telmo / Diario Cultural Radio Galega

>> As Badaladas de San Telmo / En clave turismo Radio exterior - Radio Nacional de España