Programa 2016

Todos os concertos e actividades son de libre acceso, con entrada gratuíta, ata completar a capacidade do espazo. Abrimos o acceso a cada concerto 15 minutos antes do seu comezo. Finalizamos cada noite no ambigú situado no xardín da catedral.


Mércores 3 de agosto. Capela das Reliquias 21.30 h

MOISÉS QUINTAS SUÁREZ - Homenaxe amor e vida pola música http://pitogalego.gal/
Compartimos o noso compromiso no recoñecemento e visibilidade das persoas que día a día traballan na educación, creación e difusión da cultura musical da nosa contorna. Frautista, guitarrista e mestre de música, Moisés Quintas Suárez é un infatigable curioso dos instrumentos populares galegos, a súa pedagoxía e o seu uso cotián. Autor da Guía didáctica de instrumentos galegos (Ouvirmos 2011) e do primeiro Método de Pito Galego (Ouvirmos 2015), Moisés é na actualidade mestre no CEIP Xosé Fernández López do Porriño.

PRES DE CAMBRAI - O segredo do Pergamiño Vindel (máis información)
No ano 1914, o libreiro e anticuario Pedro Vindel descobre o manuscrito das sete cantigas, asinadas en letras vermellas, polo trobador Martín Codax (s. XIII-XIV). Un acontecemento de grande importan- cia para a historia da literatura e da música galaico-portuguesa, ao tratarse da única fonte que contén a música destas cantigas. Charo Pita (narración), Belén Bermejo (organetto e canto), Ariel Ninas (zanfona), Andrés Díaz (arpa e frautas) e Víctor Blanco (arpa e guitarra renacentista) achégannos agora este relato do misterio que durante séculos estivo agochado neste pergamiño.





Xoves 4 de agosto. Capela das Reliquias 21.30 h

IRENE GÓMEZ - Cantos de serea. O encanto da viola da gamba
A fascinación que produciu a viola da gamba desde a súa aparición na Península Ibérica a finais da Idade Media estendeuse deseguido por toda Europa e mantívose ao longo dos anos ata ben entrado o século XVIII. Era un instrumento capaz de imitar a voz humana como ningún outro, que seduciu polo seu timbre, a súa enorme versatilidade e a súa elegancia. A intérprete gaditana Irene Gómez, profesora no Conservatorio Cristobal Morales de Sevilla, interpretará recercadas, sarabandas, chaconas e outras pezas de destacados compositores como Diego Ortiz, Tobias Hume ou Marin Marais.





Venres 5 de agosto. Claustro gótico 21.30 h

NIKOLA TANASKOVIC - De profundis. De Cabezón a Gubaidulina http://tanaskovicnikola.com/
A profundidade relixiosa da compositora rusa de orixe tártara Sofia Gubaidulina (1931) dialogará coa música española de diferentes compositores e épocas nas mans do acordeonista serbio Nikola Tanaskovic. Desde Antonio de Cabezón, organista da capela musical da emperatriz Isabel de Portugal e ao servizo de Carlos V desde 1538, ás Arquitecturas do silenzo de José María Sánchez-Verdú (1968). Con máis de corenta galardóns e concertos por toda Europa e Asia, Nikola Tanaskovic é considerado como un dos acordeonistas máis prometedores da nova escena internacional.
















Sábado 6 de agosto. Claustro gótico 21.30 h

NOISERV - Today is the same as yesterday, but yesterday is not today http://noiserv.bandcamp.com
O ton grave e reflexivo da súa voz convidan a cada individuo á súa intimidade. Cancións entre o visible e o invisible, entre a realidade e o soño con títulos que en si mesmos poderían ser aforismos universais. Unha fortaleza vibrante e electrónica, armada de instrumentos musicais singulares, incluso xoguetes, enxeñada e dirixida por Noiserv. Un dos máis creativos e estimulantes proxectos musicais xurdidos en Portugal na última década.






Domingo 7 de agosto. Claustro gótico 21.30 h

ERNESTO AURIGNAC JAZZ TRÍO - Play standars
Ernesto Aurignac posúe un talento e un dominio exquisito da tradición adherida á esencia parkeriana, combinados cunha vitalidade renovada e enerxética que non deixa indiferente. O jazz parece non conter segredos para este polivalente prodixio do saxo que pechará a 12a edición de Música no claustro, cun adianto do seu novo traballo discográfico xunto a Pedro Campos ao contrabaixo e Santi Colomer á batería.



Ciclo de novos intérpretes

Venres 5 - Alexandre González Fernández, acordeón
Sábado 6 - Elena Fernández Troncoso, José Pereira Porto, María Rodríguez Estévez e Martina Páramos Rial, violín fiddle
Domingo 7 - Sandra Pérez, vibráfono

En colaboración coa Escola e o Conservatorio Profesional de Música de Tui, a A.C. Galicia Fiddle, e o apoio das empresas Connecta Aloia e a editorial Dos Acordes, un grupo de músicos locais abrirán diferentes concertos. Unha oportunidade para os máis novos de mostrar ao público o traballo realizado durante o curso escolar e de convivir en camerinos e escenario cos músicos profesionais convidados ao festival.


Actividades para nenos e nenas

XINCANA - Descubre o tesouro
Xoves 4 de agosto. Catedral 18.00 h
Tes máis de seis anos? Ven e atopa o tesouro... a grana cochinilla da que están falando os maiores no claustro! Tes que prestar atención e seguir con imaxinación, respecto e creatividade as pistas que se agochan nos diferentes recunchos desta fortaleza.



CANCELADO por causas alleas ao festival
OBRADOIRO PARA FAMILIAS - Constrúe o teu xoguete sonoro
Venres 5 de agosto. Claustro gótico. De 19 h a 20.30 h
Destinado a un público familiar, para nenos e nenas desde os 4 anos acompañados por un maior. A súa finalidade é sensibilizar e mostrar o rico patrimonio inmaterial lúdico galego transformando elementos da natureza en xoguetes sonoros.



Conferencia. Xornada de estudo

HUEMAC ESCALONA LÜTTIG - A grana cochinilla. Vermello profundo
Xoves 4 de agosto. Claustro gótico 18.30 h – Claustro gótico
A grana cochinilla é unha das principais fortalezas do México precolombino. Este insignificante parásito, creador dun vermello carmesí de prestixiosas calidades tintóreas, converteuse na chave de artistas e artesáns téxtiles. Desde Oaxaca, acollemos o historiador Huemac Escalona Lüttig, doutor en Historia pola Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, con quen afondaremos no desenvolvemento da sociedade mexicana a partir deste insecto, o comercio xerado a partir del, e os diferentes usos da tinguidura: desde a indumentaria eclesiástica ás artes plásticas, desde os manuscritos e impresos coloniais ás miniadas dos códices musicais, do colorante alimentíceo e da barra de beizos a un sen fin de usos cotiáns.


Talleres de artesanía [INSCRICIÓNS COMPLETAS]

Inscrición en http://artesaniadegalicia.xunta.gal ou no teléfono +34 881 999 171. Custo da inscrición 30 € para todos os públicos e 20 € para os artesáns acreditados. Prazas: 10 adultos por taller. Punto de información local Porta da Pía artesanía (Rúa Porta da Pía, Tui.)

VERÓNICA MOAR - Cerámica
Martes 2, de 16 h a 21h
Mércores 3, de 10 h a 14.30 h / 16 h a 20 h
Xoves 4, de 10 h a 14.30 h / 16 h a 18 h
A cerámica aparece cando o ser humano decide establecerse nun lugar, botar raíces e crear a súa fortaleza física. Anacos de terra sigillata teñen aparecido nas escavacións arqueolóxicas tudenses, unha das cerámicas históricas máis apreciadas pola súa cor vermella brillante. O seu uso doméstico renóvase nas mans de Verónica Moar, Premio Eloy Gesto de Artesanía de Galicia, quen aposta polo deseño contemporáneo e funcional partindo dos coñecementos artesanais da cerámica, da simboloxía e do imaxinario artístico colectivo de todos os inscritos ao obradoiro.

XANECO - Percusión tradicional
Mércores 3, de 10 h a 14.30 h / 16 h a 20 h
Xoves 4, de 10 h a 14.30 h / 16 h a 18 h
Venres 5 , de 10 h a 14.30 h
A música segue a vertebrar este festival en cada unha das súas manifestacións. O tradicional, que nos conecta directamente coa terra, co humus, convértese na expresión viva da fortaleza da nosa propia identidade. Tras o éxito da pasada edición, Xaneco regresa a Música no claustro para construír artesanalmente un novo instrumento do rico patrimonio musical galego.




Visitas guiadas á cidade medieval

Descubre a evolución e identidade da cidade medieval tudense a través do desenvolvemento da súa fortaleza, da man do historiador tudense Suso Vila. Coñecerás os restos das súas murallas nun imaxinario onde as sociedades cristiá e xudía conviviron ao longo dos anos. Diarias. Saídas ás 12.30 h e 20 h desde a Praza da Inmaculada. 60 minutos de duración. Gratuíto. Máis información nas oficinas de turismo do Concello de Tui.



Ambigú no xardín da catedral

Música no claustro, como fixeron tradicionalmente os teatros cos ambigús, abre ao público un servizo de consumicións ao rematar os concertos. Unha experiencia única para falar no xardín da catedral, para relaxarse coa vista nocturna da paisaxe miñota e para compartir cos artistas e asistentes un albariño D. Pedro de Soutomaior, xunto cun petisco elaborado con produto galego.