Filosofía e obxectivos


Música no claustro é un festival de música, patrimonio e creación interdisciplinar na Catedral de Tui. O seu claustro gótico, como escenario central, acolle un encontro de propostas escénicas, musicais, artesanais e de coñecemento programadas cada edición baixo un único leitmotiv.



Programación e mediación

Unha programación interxeracional que ten por misión a posta en valor e recoñecemento dos músicos, artistas e tradicións locais, así coma a participación dos públicos nas diferentes actividades e obradoiros, vivindo o conxunto monumental coma centro de creación artística. O coñecemento do patrimonio -coa atención posta nos elementos monumentais non visibles día a día, pero claves ao longo dos séculos- completa un programa onde buscamos o respecto e posta en valor do espazo dende a coherencia, sensibilidade i emoción.

En compromiso coa investigación e creación acollemos en xornadas de estudo e residencias a estudosos e artistas internacionais que aportan -de forma recíproca- novos descubrimentos e linguaxes creativas, identidades i experiencias humanas. Ao tempo, Música no claustro coma plataforma de mediación, presenta proxectos propios noutros escenarios, tecendo así unha rede colaborativa sen fronteiras.



Produción

En coordinación con empresas e equipos humanos locais, Música no claustro ofrece unha execución creativa cunha estética de deseño de vangarda, ao tempo que busca a sustentabilidade económica e medioambiental nos materiais e nos recursos empregados.



Descentralización e públicos

Música no claustro ten por obxecto a descentralización dos centros e capitais culturais, ofertando unha nova experiencia para públicos locais e foráneos.

A diversidade e orixinalidade da programación, a ruptura da frontalidade, a apertura non habitual do espazo monumental (horarios, iluminación, tipo de actividades, etc), a accesibilidade popular ao evento e o traballo estratéxico de comunicación, son a suma dos elementos que nos levaron a alcanzar e xestionar o noso tope de públicos dende o ano 2014.

Sen adquirir un estado de confort e a partir do estudo e análise dos diversos públicos mediante enquisas, Música no claustro está aberto en cada edición a novos retos e experiencias, sentindo a necesidade de apostar, ao menos, por unha proposta de destacada innovación en cada programa, chegando así a novos públicos e/ou achegando aos públicos xa existentes realidades descoñecidas para eles.



Financiamento

Xunto aos recursos propios da Catedal de Tui, coma organizadora do evento, o patrocinio e a colaboración dun conxunto de institucións públicas e empresas fan posible o desenvolvemento do festival.

Escoitamos e integramos as liñas estratéxicas de patrocinio na programación e comunicación de cada institución/empresa, buscando a máxima rendibilidade na sinerxia e colaboración.