Fortalezas

A catedral de Tui, un dos principais expoñentes monumentais da provincia de Pontevedra, caracterízase pola súa estrutura arquitectónica de fortaleza.

Desde o século XII, co nacemento de Portugal como reino independente, é a construción e o desenvolve- mento da catedral o emblema dun punto estratéxico para a defensa e o comercio na marxe norte do río Miño, fronteira natural que aínda hoxe perdura.

Así, como mostra da unión lingüística galaico-portuguesa, presentamos en escena o PERGAMIÑO VINDEL de Martín Codax. En contraste, desde Lisboa chega por vez primeira a Galicia un dos máis atractivos e estimulantes proxectos musicais xurdidos na última década no país veciño: NOISERV.

Xunto á participación de novos intérpretes locais, o acordeonista serbio NIKOLA TANASKOVIC e o ERNESTO AURIGNAC TRÍO completan o programa ecléctico de concertos, propostas que acollemos a través do novo acordo asinado con Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España.

Continuando coas unións -debuxadas por auga nos mapas-, remontámonos aos escritos de Frei Prudencio de Sandoval, clérigo beneditino e historiador, bispo da catedral tudense entre 1608 e 1612, que nos fala na súa destacada biografía de Carlos V da importancia dun novo pigmento natural chegado desde Nova España: a grana cochinilla.

Protagonista dun importante desenvolvemento histórico, económico e artístico, centramos a nosa atención na intrahistoria da cor carmín e os seus usos relixiosos, artísticos e sociais desde o século XVI ata a actualidade. Unha xornada de coñecemento interdisciplinar co historiador mexicano HUEMAC ESCALONA. Desde o punto de vista artístico, a gaditana IRENE GÓMEZ interprétanos unha escolma de obras para viola da gamba viaxando ao mundo sonoro das Españas históricas.

As residencias artísticas e obradoiros de VERÓNICA MOAR, artesá de cerámica contemporánea, e o construtor de instrumentos musicais XANECO achegan ao público as fortalezas da Artesanía de Galicia.

Actividades para os máis pequenos, que poden descubrir de forma lúdica o conxunto monumental catedralicio, visitas guiadas á cidade medieval tudense e a apertura do ambigú-xardín da catedral despois de cada concerto, convídannos a sentir durante cinco días o conxunto monumental tudense nesta experiencia única.

O meu sincero agradecemento a todas as institucións, empresas e persoas, co seu compromiso e cariño, fan realidade esta 12ª edición de Música no claustro.

Samuel Diz
Director artístico


©María Ucieda