Taller de artesanía



A XIII edición do festival Música no claustro da Catedral de Tui visita o Museo Nacional de Escultura coa atención posta no sepulcro de Diego de Avellaneda -Bispo de Tui baixo o reinado de Carlos V-, unha destacada obra da escultura funeraria española do século XVI realizada en alabastro, xaspe e pedra calcaria por Felipe Bigarny. O sepulcro, que foi trasladado ao Museo Nacional de Escultura en 1933, articula un programa de música, patrimonio e artesanía que pon en diálogo o Renacemento coa creación contemporánea.

🔵 TALLER DE IMAXINERÍA CASTELÁ
Impartido por Miguel Ángel Tapia · www.aquisehacensantos.com

Na nosa visita ao Museo Nacional de Escultura, descubrimos as fascinantes obras de Alonso Berruguete ou Gregorio Fernández, dous nomes propios da Escola Castelá que tivo a Valladolid como epicentro. Da man do imaxineiro Miguel Ángel Tapia, experto recoñecido na continuidade da Escola Castelá, realizamos un obradoiro intensivo de 32 horas de duración. Un curso que nos ofrece a posibilidade de traballar os conceptos básicos da anatomía na escultura tradicional de base relixiosa, as técnicas en talla de madeira, así como os dourados, estofados e policromías con materiais naturais.

No claustro da Catedral de Tui, do sábado, 4 ao martes, 7 de agosto de 2018 (10h-14h e 16h-20h) · 12 participantes · Matrícula de 50€ para artesáns ou artesás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, ou de 75€ para o resto de participantes.

>> Inscrición en artesaniadegalicia.xunta.gal


🔵 RELATORIO

Como peche ao taller de artesanía e a través das obras traballadas nel, Miguel Ángel Tapia comparte con nós, de forma pedagóxica, os procesos de construción na imaxinería castelá, nunha conferencia aberta ao público.

No claustro da Catedral de Tui o martes, 7 de agosto ás 21.15h · Entrada libre






Actividade realizada co patrocinio da Fundación Pública Artesanía de Galicia e o Centro Regional de Artesanía de Castilla y León. Coa colaboración co Concello de Tui e o compromiso do negocio local Porta da Pía artesanía.