SÁBADO 1.AGO.26 >< SAMUEL DIZ, PATRICIA GONZÁLEZ, JONATAN ALVARADO, BEGOÑA RIOBÓ E ANXO PINTOS ··· Apertura

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Samuel Diz e Jonatan Alvarado, fotografía de © Xosé Durán


Sábado, 1 de agosto, 21h
Apertura
Concerto

 SAMUEL DIZ, guitarra 
 PATRICIA GONZÁLEZ, frauta 
 JONATAN ALVARADO, voz 
 BEGOÑA RIOBÓ, violín 
 ANXO PINTOS, zanfona 

A frautista Patricia González e o guitarrista Samuel Diz ofreceron en 2005 os primeiros concertos de Música no Claustro. Dúas décadas despois, abrimos a XX edición do festival recuperando aquel mesmo espírito fundacional coa interpretación de Le chant du vent para frauta, de Johannes Donjon, unha das obras que soaran naquel primeiro encontro.

Patricia González e Samuel Diz iniciaron a súa formación no Conservatorio Profesional de Música de Tui e completaron os seus estudos superiores na Coruña e en Sevilla, respectivamente. Dende entón, desenvolveron traxectorias complementarias: Patricia González orientou a súa carreira cara á pedagoxía e é actualmente profesora de frauta e coordinadora de Secundaria, Innovación Educativa e Intelixencia Artificial no Obradoiro International School; mentres que Samuel Diz combina a interpretación coa investigación, cunha especialización na música da Xeración do 27.

Neste contexto xurdiu a colaboración entre Samuel Diz e o tenor arxentino Jonatan Alvarado, que comezou coa gravación dun disco en Granada empregando a guitarra histórica de Federico García Lorca, con obras de Manuel de Falla e Carlos Guastavino, e deu continuidade ao actual traballo discográfico El mal de l'amor: The Songbook of Gustavo Durán (Poliédrica, 2026) do que neste concerto interpretan unha escolma de pezas.

En paralelo, a relación de Jonatan Alvarado con Música no Claustro remóntase a 2018, cando ofreceu no claustro medieval o seu primeiro concerto en España. Aquel recital marcou o inicio dunha traxectoria que o levou a actuar nos principais festivais de música antiga de España. O seu vencello coa Catedral de Tui consolidouse en 2023, cando liderou a recuperación sonora da Misa medieval de San Telmo, froito dun traballo de investigación desenvolto a partir das fontes musicais conservadas no arquivo catedralicio. Ese labor de estudo e interpretación do patrimonio musical continúa nesta edición cunha nova recuperación, realizada no marco do oitavo centenario da consagración da sede tudense: o Graduale in Festo Dedicationis Ecclesiae Locus iste, unha peza vinculada á liturxia da dedicación dunha igrexa e empregada, nalgún momento da intrahistoria da diocese, na celebración da apertura dun novo templo.

Canto gregoriano e músicas populares da Península Ibérica e América Latina dialogan neste concerto co violín fiddle de Begoña Riobó e a zanfona de Anxo Pintos. Un regreso ao festival despois da estrea do seu proxecto Pärbo.

O concerto culmina coa interpretación da Bailada de Gustavo Durán, a obra que o diplomático das Nacións Unidas compuxo nos Estados Unidos en 1951 a partir dunha cantiga de Martin Códax. Unha peza festiva na que converxen a tradición medieval galaico-portuguesa e a creación musical contemporánea dun compositor amante da beleza.



Patricia González en Música no Claustro 2005



DOMINGO 2.AGO.26 >< VÍCTOR FRANCO E LAURA MARCHAL ··· Flamenco

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía © Joan Cortès / Tomajazz Barcelona


Domingo, 2 de agosto, 21h
Flamenco
Concerto

 VÍCTOR FRANCO 
 LAURA MARCHAL 

O guitarrista Víctor Franco e a cantaora Laura Marchal regresan a Música no Claustro despois do concerto que ofreceron en 2024 ao carón do percusionista Jesús Campos. Aquel recital supuxo o debut de Laura Marchal en Galicia coa presentación do seu primeiro traballo discográfico, Aceitunitas negras, unha música que interpretou recentemente no Concertgebouw de Ámsterdam.

Víctor Franco reflicte na súa guitarra unha técnica depurada e unha visión persoal do flamenco, na que conviven a pulcritude interpretativa e a súa gaditanería. Esta personalidade artística maniféstase tanto nos seus proxectos en solitario como nas colaboracións con Laura Marchal ou Alba Molina. Conxuntamente, veñen de publicar unha emotiva versión do Pequeño vals vienés, o poema de Federico García Lorca musicado por Leonard Cohen.

Este concerto enmárcase no acordo entre a Sociedad de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE) e o Festival Música no Claustro, que ten por obxectivo impulsar a difusión do flamenco en Galicia. Grazas a esta colaboración, o festival acolleu nos últimos anos as actuacións de artistas como Gabriela Giménez ou Ángeles Toledano.



Jesús Campos, Laura Marchal e Víctor Franco en Música no Claustro 2024


LUNS 3.AGO.26 >< LÍTORE QUARTET ··· Contemporánea

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía © Inma del Valle


Luns, 3 de agosto, 21h
Contemporánea
Concerto

 JAIME ESTÉVEZ, soprano 
 SIRA PELLICER, alto 
 HUGO LOMBA, tenor 
 MIQUEL FLORES, barítono 
 IRENE CANTOS, composición 

Lítore Quartet é un cuarteto de saxofóns fundado no ano 2019 no Conservatori Superior de Música de les Illes Balears. Está formado por Jaime Estévez (Vigo, 2001) e Hugo Lomba (Tomiño, 1997), xunto con Sira Pellicer (Valencia, 2000) e Miquel Flores (Molins de Rei, 1999).

Para este concerto, Lítore Quartet traballou co arquivo musical da Catedral de Tui co obxectivo de trasladar ao saxofón a polifonía de Matías García Benayas, mestre de capela da catedral durante a primeira metade do século XVIII. A interpretación deste patrimonio dialoga co compromiso da formación coa creación contemporánea, unha das liñas que define o seu traballo artístico e a súa vontade de ampliar o repertorio para cuarteto de saxofóns.

Lítore Quartet presenta en Música no Claustro a estrea absoluta de Lux Glaciei, unha obra da compositora Irene Cantos (Albacete, 1997). Trátase dun motete microtonal que actúa como encontro entre o contrapunto renacentista e a estética contemporánea a partir dun texto da propia compositora, concibido como unha ladaíña seglar. Para Irene Cantos «o contrapunto non se entende como unha cita histórica, senón como unha forma viva de pensar a música na actualidade». Para iso, atopa no saxofón «unhas características físicas moi especiais e versátiles que permiten esa aproximación sonora, preservando á súa vez a calidez e a profundidade que caracterizan a voz humana».

MARTES 4.AGO.26 >< GIULIA VALLE, ANDREA G. GIRÁLDEZ E BIEL HARPER ··· Jazz

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Martes, 4 de agosto, 21h
Jazz
Concerto

 GIULIA VALLE 
 ANDREA G. GIRÁLDEZ 
 BIEL HARPER 

Giulia Valle é compositora, arranxista e contrabaixista, nacida en Italia e residente en Barcelona. A súa traxectoria sitúaa entre as voces máis persoais, prolíficas e recoñecidas da escena do jazz catalán, cun universo sonoro propio que transita con naturalidade entre a composición, a improvisación e a experimentación. En paralelo á súa actividade artística, é autora do libro Cerebro en equipo: Neurociencia para el desempeño y la motivación en Música y otras artes (Versos & Reversos, 2025).

Xunto ao pianista Biel Harper, Giulia Valle chega a Música no Claustro da man da baterista Andrea González Giráldez, nacida en Tomiño e residente en Barcelona, onde completou a súa formación no Conservatori Superior de Música del Liceu. Trátase do seu regreso ao festival, despois da actuación que ofreceu co Gara Jazz Quartet na edición de 2020.

Giulia Valle e Andrea González Giráldez participaron, ademais, no proxecto de investigación Roma Città Jazz: Mulleres instrumentistas e estereotipos de xénero na escena musical contemporánea realizado pola doutora en musicoloxía Pilar Serrano Betored na Real Academia de España en Roma.


Mércores, 5 de agosto, 12h30
Neurociencia e perspectiva de xénero na práctica musical
Conversa con Giulia Valle e Pilar Serrano Betored en Ideas Peregrinas.

Ao día seguinte do concerto, Giulia Valle e Pilar Serrano Betored participarán en Ideas Peregrinas, ás 12h30, nun encontro arredor da saúde mental, a neurociencia e a perspectiva de xénero no ámbito musical, tomando como punto de partida as súas propias experiencias e investigacións.



MÉRCORES 5.AGO.26 >< SILVIA MÁRQUEZ CHULILLA E EUGENIA BOIX ··· Música antiga ··· Órgano e voz

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45



Mércores, 5 de agosto, 21h
Música antiga, órgano e voz
Concerto

 SILVIA MÁRQUEZ, órgano 
 EUGENIA BOIX, voz 

En 2023, o mestre organeiro Gerhard Grenzing regresou á Catedral de Tui nun emotivo reencontro co instrumento que deseñara e construíra en 1995. Naquela ocasión, Música no Claustro programou un concerto da organista Silvia Márquez Chulilla, unha das intérpretes españolas de referencia no ámbito das teclas históricas, que reuniu un numeroso público na Catedral.

Aquel encontro marcou tamén o inicio dunha nova etapa para o órgano. Dende entón, o Cabido catedralicio impulsou importantes tarefas de mantemento e a incorporación dos rexistros sonoros que quedaran pendentes na construción inicial por limitacións orzamentarias. Unha intervención agardada que culminará a finais de 2026, coincidindo coa clausura das celebracións do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui.

Nesta edición, a modo de celebración, Silvia Márquez Chulilla regresa ao festival xunto á soprano Eugenia Boix para presentar Salve Regina, un concerto que, en verbas das propias intérpretes, reúne «algunhas das partituras sacras de maior fermosura para a voz». Obras de G. F. Haendel, John Dowland, F. Correa de Arauxo, J. S. Bach, J. Haydn e F. Mendelssohn dialogan co patrimonio musical conservado no arquivo da Catedral de Tui.


Luns, 3 de agosto, 19h
Órgano en obras. Remate do instrumento no 800 aniversario da Catedral
Conversa de Andreas Fuchs, mestre organeiro do taller Gerhard Grenzing, e Daniel Goberna, prefecto de música da Catedral de Tui, co xornalista Jose Font.

Como actividade complementaria, o xornalista José Font mantén unha conversa entre Andreas Fuchs, mestre organeiro do taller Gerhard Grenzing, e Daniel Goberna, prefecto de Música da Catedral de Tui, sobre o pasado, o presente e o futuro do órgano catedralicio. Este encontro ofrece ao público a oportunidade de coñecer de preto a historia, a construción e os recentes traballos realizados neste instrumento integrado nas históricas caixas barrocas de Domingo Rodríguez de Pazos.



Silvia Márquez Chulilla durante o seu concerto en Música no Claustro 2023



XOVES 6.AGO.26 >< GUADI GALEGO, VIC MOLINER E IAGO CARRO CRIBEIRO ··· Músicas actuais

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía de © @pacrispa


Xoves, 6 de agosto, 21h
Músicas actuais
Concerto

 GUADI GALEGO, voz e piano 
 VIC MOLINER, baixo e teclados 
 IAGO CARRO CRIBEIRO, batería 

Guadi Galego chegou por primeira vez a Música no Claustro en 2011 co proxecto Espido, xunto a Guillerme Fernández, e regresou nas edicións seguintes con aCadaCanto. Esta formación foi artista residente en Música no Claustro 2013 gravando no xardín da Catedral o EP audiovisual A Rosa d'Adina.

Aquela época foi tamén o inicio dunha traxectoria en solitario que, dende entón, deu lugar a un cancioneiro con máis dun cento de composicións propias. Cunha voz artística profundamente persoal, Guadi Galego construíu un universo musical que homenaxea as mulleres da nosa vida cotiá e do que xurdiron cancións xa incorporadas ao imaxinario colectivo, como Matriarcas ou Chea de vida.

Agora, nun momento de reflexión sobre o camiño percorrido e o legado compartido coa sociedade, Guadi Galego ofrece en Música no Claustro o seu único concerto do verán de 2026. Un recital concibido como un percorrido emocional pola súa obra, no que se volta a sentar no piano —o instrumento co que soñou de nena— para revisitar as súas cancións dende unha nova perspectiva, marcada pola madurez artística e vital.

Neste concerto está acompañada por Vic Moliner, produtor dos seus discos Inmersión (2019), Costuras (2020), Roibén (2021) e Pélago. Cantos oníricos (2025), e polo batería Iago Carro Cribeiro, o seu sobriño, formado no Conservatori Superior de Música del Liceu de Barcelona.





VENRES 7.AGO.26 >< SARA AREAL, ANDREA VILAR E ENSEMBLE POEMA INFINITO ··· Música de cámara

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45


Fotografía de © Diana Tinoco


Venres, 7 de agosto, 21h
Música de cámara
Concerto

 SARA AREAL, violín 
 ANDREA VILAR, piano 
 RAQUEL AREAL, violín 
 MARTA RODRÍGUEZ OTERO, viola 
 PEDRO CAMPOS FERNANDES, chelo 
 VÍCTOR CHÁVEZ, contrabaixo 

A XX edición de Música no Claustro chega ao seu fin coa violinista Sara Areal. Unha proposta artística que nace no propio festival na que se reúnen experiencias, afectos e aprendizaxes compartidas ao longo destas dúas décadas.

Dende que comezou a tocar o violín aos cinco anos, Sara Areal (Tui, 1996) formouse en institucións de referencia como a Escola Artística do Vale do Ave, en Santo Tirso, a Haute École de Musique de Lausanne, a Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid e a Musik und Kunst Privatuniversität der Stadt Wien. En 2022 obtivo a praza de violín primeiro tutti da Orquestra Sinfónica de Galicia converténdose na primeira muller de orixe galega en formar parte desta formación. Mais estes fitos profesionais tamén estiveron acompañados por momentos de crise, silencios emocionais, desconexión co instrumento e unha fonda reflexión sobre o sentido da vocación artística. Unha circunstancia que podería transcender a numerosas persoas e que leva a reflexión da saúde mental do individual ao colectivo.

Dende ese compromiso social e artístico nace Poema infinito, o primeiro traballo discográfico de Sara Areal, que verá a luz a finais de 2026 no selo Poliédrica. Co apoio á creación do Instituto de la Juventud (INJUVE), o proxecto propón un percorrido por emocións vividas con obras de Ralph Vaugham Williams, Lili Boulanger, Kaija Saariaho, Manuel Quiroga, Eugène Ysaÿe, Arvo Pärt xunto coa estrea absoluta de Poema infinito, de Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), unha obra escrita por encarga para este proxecto. O programa inclúe composicións para violín só, violín e piano, e quinteto de cordas. Para a súa interpretación, Sara Areal conta coa colaboración da pianista Andrea Vilar (Rábade, 1997), a violista Marta Rodríguez Otero (Lugo, 1999), o violonchelista Pedro Campos Fernandes (Lisboa, 1996), o contrabaixista Víctor Chávez (Vigo, 2004) e a complicidade da súa irmá, a violinista Raquel Areal. (Tui, 1999).

Se o 1 de agosto iniciabamos o festival cun concerto que reconstruía a intrahistoria de Música no Claustro dende a súa primeira edición, hoxe abrimos unha nova década na que as novas xeracións marcarán o rumbo a seguir. Saúde!



4-6.AGO.26 >< RESONANCIAS. DEBUXAR O SON. Iria Prol, obradoiro de ilustración en caderno




Catedral de Tui
Martes 4 ao xoves 6 de agosto, de 16h a 20h
Caderno ilustrado Música no Claustro. Obradoiro de ilustración, impartido por Iria Prol

A ilustradora Iria Prol guía este obradoiro de ilustración durante a celebración de Música no Claustro para documentar o festival con ilustracións nun caderno persoal. A arquitectura da Catedral de Tui e os instrumentos musicais son os protagonistas, xunto aos materiais e as ferramentas de construción nas mans das persoas artesás, converténdose en materia de observación e debuxos. Traballarase en formato caderno a través de exercicios breves, bocetos rápidos, debuxo en directo e momentos máis pausados para desenvolver e compartir os resultados. Non se trata de facer debuxos perfectos, senón de aprender a mirar, seleccionar e trasladar ao papel a esencia do que sucede. Cada participante remata a experiencia cun caderno propio: un pequeno arquivo visual de tres días de música, artesanía, patrimonio e creación.

Número de prazas: 10 persoas.

Duración: 12 horas.

Matrícula: 50€ xeral / 40€ Obradoiros inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia. Formulario de inscrición.


>< Martes, 4 de agosto: A Catedral de Tui e os instrumentos de vento madeira. Presentación do grupo e primeiros exercicios de debuxo no claustro e na Catedral. Traballarase a arquitectura, os encadres e os detalles do espazo antes de achegarse ao obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.

>< Mércores, 5 de agosto: O órgano e os instrumentos de corda frotada. Sesión centrada no órgano e nos instrumentos de corda, nas súas formas, decoracións e texturas. Debuxaranse tamén os xestos e as mans das persoas participantes no obradoiro de instrumentos musicais, combinando bocetos rápidos e páxinas máis elaboradas. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.

>< Xoves, 6 de agosto: O ensaio, o movemento e a crónica final. Debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical no claustro. Traballaranse figuras, movemento e composición, e pecharase o taller revisando os cadernos e creando unha páxina final de síntese. Actividade complementaria, debuxo do concerto ás 21h.

MARTES 4.AGO.26 >< RESONANCIAS ESPAZO LUTIER. Adrián Vilaboa. Obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira




Catedral de Tui
Martes, 4 de agosto, de 16h a 19h
Obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira, impartido por Adrián Vilaboa


Neste obradoiro, o lutier Adrián Vilaboa introduce os aspectos básicos da construción e mantemento de frautas, clarinetes, óboes e saxofóns seguido dunha sesión práctica de análise e melloras do instrumento de cada participante.

Destinado a lutieres e intérpretes, así como estudantes de música a partir de Grao Profesional ou Superior.

Número de prazas: 10 persoas.

Duración: 3 horas.

Matrícula: 30€ xeral / 20€ Obradoiros inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia. Formulario de inscrición.

MÉRCORES 5.AGO.26 >< RESONANCIAS ESPAZO LUTIER. Jose Catoira. Obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada




Catedral de Tui
Mércores, 5 de agosto, de 16h a 19h
Obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada, impartido por Jose Catoira


Neste obradoiro, o lutier Jose Catoira introduce os aspectos básicos da construción e mantemento de violíns, violas, violonchelos e contrabaixos, e instrumentos de música antiga, seguido dunha sesión práctica de análise e melloras do instrumento de cada participante.

Destinado a lutieres e intérpretes, así como estudantes de música a partir de Grao Profesional ou Superior.

Número de prazas: 10 persoas. 

Duración: 3 horas.

Matrícula: 30€ xeral / 20€ Obradoiros inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia. Formulario de inscrición.