Rolda de prensa, 30 de agosto de 2023


Música no Claustro doa unha colección de fotografías históricas orixinais ao Arquivo do Concello de Tui e presenta os contidos da primeira fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026»


O festival Música no Claustro recuperou unha colección de fotografías orixinais históricas realizadas na década de 1920’ en Tui, Valença e A Guarda. Dúas delas, tomadas dende o campanario da Catedral, protagonizaron o cartel da pasada XVII edición celebrada entre o 1 e o 7 de agosto. Esta doazón ten por obxectivo favorecer a conservación destas fotografías e alentar futuras investigacións coa posta a disposición deste legado a través dos repositorios ATOPO e GALICIANA.


O mércores 30 de agosto, Música no Claustro fixo a entrega desta colección de fotografías ao Arquivo Municipal, nun acto que tivo lugar na sala de reunións do Concello de Tui coa participación de Rafael Sánchez Bargiela, director do Arquivo Municipal, da concelleira de cultura Sonsoles Vicente e do alcalde Enrique Cabaleiro, quen parabenizou a Samuel Diz polo éxito da recente edición de Música no Claustro, trasladou o agradacemento por enriquecer o acervo documental do Arquivo Municipal con este legado fotográfico e manifestou o compromiso futuro do Concello co Festival.


Daniel Goberna, prefecto de música do Cabido da Catedral de Tui, describiu a Beatriz Fontán e Samuel Diz como aglutinadores de beleza e salientou a actitude dos públicos en respectuoso silencio durante os concertos e a capacidade de xerar redes persoais de convivencia durante os días que dura o festival.


En paralelo, Samuel Diz realizou un balance da XVII edición do festival e presentou os contidos da primeira fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026» financiada cos fondos europeos NextGenerationEU a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte e que posibilitou a publicación audiovisual en youtube.com/MusicaNoClaustro da recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo, os sete concertos da edición 2022 e oito conferencias do foro profesional Resonancias 22, dispoñibles ao mesmo tempo na serie de 35 podcast RENONANCIAS publicados en Spotify e Amazon Music.


O «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026» inclúe a creación dun arquivo verde que reúne a documentación xerada ao longo das dezasete edicións do festival que  favorecerá a súa preservación e a posta a disposición -baixo petición- da comunidade investigadora para o seu estudo e difusión a un público xenérico e/ou especializado.




A colección de dezasete fotografías históricas orixinais


Esta colección foi localizada e adquirida por Samuel Diz en Barcelona no anticuario Simo Antics e está composta de dezasete fotografías orixinais de 8x6cm. Descoñécese a súa autoría e segundo a información trasladada polo establecemento foron realizadas en 1925 (sete que corresponden a Tui e Valença) e 1927 (dez imaxes realizadas na Guarda).


Toda a colección ten ao río Miño como denominador común comezando polas fotografías realizadas dende o tellado da sede tudense que mostran as ribeiras da actual Eurocidade Tui-Valença seguidas dun percorrido ilustrado cara a fortaleza veciña na que destaca unha definida vista interior da ponte internacional. Este curso continúa ata a súa desembocadura cunha visión panorámica dende o alto de Santa Tegra no que é retratado un grupo de cinco persoas xunto a unha visión cenital do porto e o núcleo urbano da Guarda. Este grupo de cinco persoas descoñecidas ata o momento aparece novamente nas rúas da vila costeira nunha fotografía realizada na rúa Ireira e que mostra un fragmento da antiga muralla medieval. Un total de dezasete imaxes históricas orixinais que deixan de manifesto o interese pola paisaxe natural e o patrimonio monumental destas persoas viaxeiras que tamén deixaron testemuñas fotográficas das súas viaxes por outros puntos do estado español como El Escorial ou San Sebastián, así como das cidades francesas de Aviñón, Cannes, Marsella ou Niza.




Balance de Música no Claustro 23


Música no Claustro agradece a resposta do público que foi partícipe da recente XVII edición do festival destacando a calidade no respecto ao espazo monumental e a actitude de escoita nos concertos, valores humanos que quedan gravados na vivencia e recordo de cada artista. Públicos que dan sentido a este proxecto cultural interxeracional situado na Catedral de Tui que está concibido dende o compromiso na sostenibilidade, a creación artística e a posta en valor do legado patrimonial, e que nesta edición quedou reflexado co regreso de Gerhard Grezing a Tui, o toque manual de campás ou a residencia artística da oboísta Iria Folgado que terá como froito a publicación dun traballo discográfico a finais de ano.


Un agradecemento que Música no Claustro extende ás institucións públicas, as empresas e o mecenado que fan posible o festival, ao que na actualidade se une o recoñecemento do Ministerio de Cultura e Deporte seleccionando a Música no Claustro na convocatoria dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea para o desenvolvemento da primeira fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026».



Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026


Música no Claustro foi beneficiario dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea destinados á moderninzación das estructuras de xestión artística no ámbito das artes escénicas e da música. Unha convocatoria do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitiu materializar a primera fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026» no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui.


En concreto, esta primera fase contemplou a gravación e publicación audiovisual en youtube.com/MusicaNoClaustro dos sete concertos e o foro profesional de Música no Claustro 22, xunto ao concerto coa recuperación da Misa medieval de San Telmo, o que posibilita dar resposta á demanda crecente dos novos públicos interesados polo festival e o acceso igualitario da cidadanía á cultura independientemente do lugar de residencia e, por tanto, facer de Música no Claustro un feito cultural perdurable e de maior rentabilidade social.


Un conxunto de contidos dixitais que aumentan a diversidade da oferta cultural e, ao mesmo tempo, impulsan a divulgación e deleite multicanle do patrimonio musical catedralicio e os saberes inmateriales da sociedade, xunto a creación de emprego nas industrias creativas da comunidade local, en coherencia coa Axenda 2030, dende unha perspectiva de economía circular e de igualdade efectiva entre mulleres e homes, tal e como queda de manifesto na serie de podcast Resonancias dedicada aos instrumentos musicais e que está dispoñible para a súa escoita en Spotify e Amazon Music.


En paralelo a creación destes contidos sonoros e audiovisuais, o Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro contemplou o inventariado, dixitalización e catalogación da documentación xerada no festival dende o ano 2005 creando un arquivo verde que favorecerá a súa preservación e a posta a disposición da comunidade investigadora para o seu estudo e difusión a un público xenérico e/ou especializado.