Continúa programado o concerto de apertura polo Álterum Cor, coro residente do Museo, o sábado 4 de agosto ás 21.30 h no claustro gótico da Catedral de Tui.
Sepulcro de Diego de Avellaneda © Museo Nacional de Escultura |
Sábado, 4 de agosto (21.30 h) · Entrada libre
Claustro da Catedral de Tui
CONVERSA DE SAMUEL DIZ CON MARÍA BOLAÑOS, DIRECTORA DO MUSEO NACIONAL DE ESCULTURA
1933, unha data clave para o Museo Nacional de Escultura. O sepulcro do bispo de Tui Diego de Avellaneda
Profesora titular de Historia da Arte na Universidade de Valladolid, María Bolaños Atienza dirixe desde 2008 o Museo Nacional de Escultura. Entre as mostras que desenvolveu destaca a magna exposición Ésto me trae aquí dedicada ao fundador do museo: Ricardo de Orueta (1868-1939).
Foi o propio Orueta, como director xeral de Belas Artes nos anos 30, quen rescatou o sepulcro de Diego de Avellaneda do mosteiro xerónimo de San Juan Bautista e Santa Catalina de Espeja (Soria) e o trasladou ao Museo Nacional de Escultura (Valladolid). Unha destacada obra funeraria española do século XVI realizada en alabastro, xaspe e pedra calcárea por Felipe Bigarny.
Diego de Avellaneda foi bispo da Catedral de Tui, baixo o reinado do emperador Carlos V, entre 1526 e 1537, ano do seu falecemento. Xunto coas modificacións arquitectónicas que realizou na sé tudense, foi un bispo reformador no coidado e valoración da cada documento como fonte inapreciable da historia. A súa personalidade administrativa, pioneira no custodio dos arquivos parroquiais e diocesanos, levárono á Presidencia da Chancillería de Granada nos últimos anos da súa vida.
María Bolaños Atienza mostranos coa súa elegante e característica sensibilidade, nesta conversa co director artístico de Música no claustro, as particularidades e intrahistoria do sepulcro desde 1933 á actualidade.