
RESONANCIAS 25
Mércores, 6 de agosto.
Catedral de Tui
O festival Música no Claustro® convoca a quinta edición do foro profesional de artesanía e instrumentos musicais RESONANCIAS® 25, impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia.
RESONANCIAS® ten por misión ser un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán e a construción de instrumentos musicais en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, a xestión cultural ou profesións técnicas vencelladas ao sector, nun compromiso marcado na posta en valor do emprego de madeiras galegas.
RESONANCIAS® 25 conta coa colaboración do Concello de Tui, do Ministerio de Industria y Turismo, a través da Oficina Española de Patentes y Marcas; e do Ministerio de Cultura, a través das axudas ao sector do videoxogo, do podcast e outras formas de creación dixital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

✦ PARA QUEN
Profesionais dos oficios artesanais, deseño e construción de instrumentos musicais.
Empresas da industria musical, do sector da madeira e proxectos de emprendemento no ámbito do comercio e marketing dixital.
Artistas, intérpretes musicais e profesionais da xestión cultural e conservación de coleccións e institucións museísticas.
Estudantes e profesorado de artes e oficios, musicoloxía, etnomusicoloxía, historia da arte ou xestión do patrimonio cultural.
Estudantes e profesionais de disciplinas técnicas de enxeñería vencelladas á madeira ou deseño industrial.
✦ COMO INSCRIBIRSE
Inscrición a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. >> Formulario de inscrición.
Prezo xeral: 30 € / Prezo reducido para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: 20 €
Número de prazas: 50 persoas. A inscrición inclúe a participación en todas as actividades programadas, así como o café de benvida servido por Ideas Peregrinas e auga Cabreiroá ao longo da xornada. O xantar colectivo de networking ten un coste de 16€ e corre por conta propia de cada participante. Para calquera consulta sobre o foro ou aloxamento en Tui: contacto@musicanoclaustro.com

✦ PROGRAMA. 6 de agosto
9h30 BENVIDA ··· Acreditación e café
10h PRESENTACIÓN ··· Cristina Bordas
Os construtores de instrumentos musicais na historia: ciencia, tecnoloxía, experimentación, fama
Poderiamos facer música sen a experiencia e os coñecementos dos construtores de instrumentos musicais? A musicóloga Cristina Bordas, referente nos estudos de organoloxía, reivindica en RESONANCIAS® 25 a identidade dos construtores de instrumentos musicais e o seu relevante papel na historia, na que destacan os Privilexios de Invención a finais do século XVIII ou o desenvolvemento das Patentes no século XIX.
Galega por casualidade, Cristina Bordas é catedrática emérita da Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Historia e Ciencias da Música coa tese La producción y el comercio de instrumentos musicales en Madrid, 1770-1870. É autora dos catálogos Instrumentos musicales en colecciones españolas (Centro de Documentación de Música y Danza, INAEM/ICCMU, 1999). É membro da Sociedad Española de Musicología, do ICOM-CIMCIM ou do IMS Study Group Musical Iconography. É socia fundadora da Sociedad de la Vihuela, el Laúd y la Guitarra; así como de Instrumenta, asociacións das que foi presidenta en diferentes períodos.
11h TALLER PRÁCTICO ··· Pablo López de Unceta
A Oficina Española de Patentes y Marcas, unha entidade pública ao servizo da artesanía
A Oficina Española de Patentes y Marcas O.A. (OEPM) protexe as patentes e os modelos de utilidade, así como as marcas e os deseños industriais na artesanía. Tras a presentación dos aspectos básicos da OEPM e a explicación das diferenzas entre Propiedade Industrial e Propiedade Intelectual, López de Unceta introduce as Indicacións Xeográficas para Produtos Industriais e Artesanais (IGAI), un programa posto en marcha pola Unión Europea en decembro de 2025 co obxectivo de salvagardar produtos con características únicas vinculadas á súa orixe xeográfica.
Pablo López de Unceta é enxeñeiro superior industrial. Dende 2007 traballa na Oficina Española de Patentes y Marcas, O.A., sendo na actualidade Xefe de Área de Coordinación Administrativa e Atención á Cidadanía e a Empresa na Secretaría Xeneral, da que dependen os Servizos de Información, Rexistro, Publicacións, Arquivo e Biblioteca.
11h45 INTERCAMBIO DE CONTACTOS PROFESIONAIS ···
12h15 CONVERSA ··· Raquel Areal e María Casado
Inquedanzas sonoras e oportunidades na elección dun violín
Nun exercicio activo de reflexión, RESONANCIAS® 25 reúne á violinista tudense Raquel Areal, integrante da Filharmónica de Berlín, e a xestora cultural María Casado, coordinadora do programa MUSAE de música nos museos do Ministerio de Cultura. Unha conversa centrada nas inquedanzas sonoras e as oportunidades de mercado na elección dun violín, na simbiose entre construción, interpretación e repertorio.
12h45 INVESTIGACIÓN ··· Eduardo Rodríguez Álvarez
O Arquivo Histórico da Oficina Española de Patentes y Marcas, unha fonte inédita na documentación de instrumentos musicais entre 1826 y 1939.
A Oficina Española de Patentes y Marcas O.A. (OEPM) custodia un dos arquivos históricos máis importantes do mundo no relativo ao enxeño e á creatividade humanas na súa faceta de propiedade industrial. Seis quilómetros lineais que comprenden 441.410 expedientes e 1.057 libros datados entre 1826 e 1939. Unha fonte inédita de planos, imaxes e informes sobre instrumentos musicais, na que destacan os Reais Privilexios de Invención de instrumentos musicais.
Eduardo Carlos Rodríguez Álvarez é licenciado en Xeografía e Historia, así como en Documentación. Ten realizado tarefas de museoloxía e arquivística en diferentes ministerios e dende 2022 é Xefe do Servizo de Arquivo e Biblioteca da Oficina Española de Patentes y Marcas, O.A., do Ministerio de Industria y Turismo.
13h30 MESA REDONDA ··· Susana Cabo Buján (Porta da Pía Artesanía), José Castro (Noroeste Obradoiro) e Aitor.
Identidades: arte, artesanía e autoría
Despois de explorar as identidades persoais e as marcas comercias dende ópticas diversas, RESONANCIAS® 25 reúne á Susana Cabo Buján, propietaria da tenda Porta da Pía Artesanía; á artesá de xoiaría Jose Castro (Noroeste Obradoiro), e ao artesán en madeira Aitor.
Unha mesa redonda, moderada pola xestora cultural e nomeadora Beatriz Fontán, na que se tratan as fronteiras líquidas entre arte, artesanía e autoría, na evolución destes termos e como xeran novos mercados dependendo dende onde se sitúe a creación. Posicións vinculadas á identidade como marca, dende o individual ao colectivo. Marcas persoais de nome propio vs. marcas comerciais con nomes creados que reflicten os valores da empresa.
14h30 XANTAR COLECTIVO ···
16h PRESENTACIÓN ··· ensaia.
Comunidade para a financiación e o desenvolvemento de proxectos sociais coa xuventude e o talento local
En 2018, as Nacións Unidas seleccionou ensaia. como un dos 25 “proxectos para o cambio social” de toda a rexión euromediterránea. Cada ano, a comunidade de persoas (pingas) doa voluntaria, anónima e independentemente cartos para facer posible a “Beca ensaia”, coa finalidade de impulsar a traxectoria de persoas que impactarán en Galicia. Froito desta beca é o proxecto “Un chelo, catro historias” de Adrián M. Pereiro.
Artesanía, deseño, música, xestión cultural ou emprendemento rural son algunhas das disciplinas beneficiarias destes procesos de financiamento, en paralelo coas “Residencias ensaia” en Anceu Coliving, un espazo creativo no rural galego.
16h30 MADEIRAS GALEGAS ···
Un chelo, catro historias: un instrumento de Adrián M. Pereiro feito en madeiras galegas
Adrián M. Pereiro é un luthier galego formado na Escola de Artes e Oficios de Vigo co mestre Ramón Casal, e na Escola Vasca de Luthería de Bilbao (BELE). En 2023 foi bolseiro de ensaia., un impulso económico que lle permitiu desenvolver un violoncello feito con madeiras procedentes de cada unha das catro provincias galegas: ciprés, chopo, castiñeiro, piñeiro de Oregón, cerdeira, teixo e ameixeira.
No impulso da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) na posta en valor e emprego de madeiras galegas na artesanía e na construción de instrumentos musicais, RESONANCIAS® presenta este singular proxecto musical que conecta as identidades do rural co talento e as inquedanzas das novas xeracións.
17h ARTESANÍA DE GALICIA ···
Achegamento a tres obradoiros de instrumentos musicais do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia
A Fundación Pública Artesanía de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en 2003, que depende da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. Entre os seus cometidos primordiais atópase o desenvolvemento de liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionar técnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos produtos artesanais. Na actualidade, o seu Rexistro Xeral conta con 768 obradoiros dados de alta.
En paralelo ao impulso anual dos Premios Artesanía de Galicia, a Fundación organiza eventos como Corazón da Artesanía ou Artesanía de Galicia no Courel, xunto á convocatoria de axudas ao fomento da comercialización da artesanía galega; a transformación dixital, innovación e modernización; ou programas de comercio circular.
Dende 2021, o festival Música no Claustro e a Fundación Pública Artesanía de Galicia convocan o foro profesional RESONANCIAS, no que agora se presenta a identidade, inquedanzas e traballo de tres obradoiros recentemente incorporados ao Rexistro Xeral.
_ ANA FARIÑA, corda frotada
Luthier dedicada á reparación, restauración e construcción de instrumentos da familia do violín e da viola da gamba. A súa formación desenvolveuse na Escola de Artes e Oficios de Vigo e na London Metropolitan University, así como o Diploma de Experta en Xestión e Innovación Cultural da USC. Na actualidade, forma parte da directiva de LABRA, Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais.
“Querer facer, ter que facer” é unha das reflexións continuas desta luthier con obradoiro en Bastavales (Brión, A Coruña). Os procesos vitais e as dinámicas persoais marcan o ritmo de traballo dos talleres nun exercicio e compromiso activo de conciliación. Dinámicas que obrigan a explorar e manifestar os procesos individuais dende o sentir colectivo na xestión dos retos e das emocións.
_ GUILLERMO DACAL, vento madeira e metal
Dacal Obradoiro é unha das incorporacións máis recentes. O seu impulsor, Guillermo Dacal, é un artesán dedicado á reparación de instrumentos de vento madeira e de vento metal tras formarse no Obradoiro de Instrumentos Populares da Deputación de Ourense, na UNED con Manuel Martín Ventura e a realización de cursos de formación na Fundación Sanganxa en Valencia. Unha inquedanza profesional que nace dende a súa actividade musical como saxofonista na Banda de Música de Sarria.
A formación musical de Guillermo Dacal comezou na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e continuou na agrupación de música e baile tradicional Castro Floxo. Impartiu clases de gaita e percusión na Asociación Ourensá de Folclore Tradicional viaxando máis tarde aos Estados Unidos para continuar a ensinanza e divulgación da cultura galega nos centros galegos de New York e New Jersey.
_ RICARDO RAMOS, corsa pulsada
Ricardo Ramos naceu en Bayamón, municipio de Porto Rico, illa caribeña cunha identidade musical propia marcada polo son do catro. Un instrumento de corda pulsada que constrúe actualmente no seu obradoiro situado en Sarria (Lugo). O seu traballo combina o respeto a tradición boricua coas innovacións adquiridas na súa formación en Granada e La Herradura, aportando novas técnicas de construción.
Recentemente, Ricardo Ramos explorou a posibilidade de construír un catro con castiñeiro, instrumento que agora presenta en RESONANCIAS® 25 no compromiso da Axencia Galega da Industria Forestal no emprego e posta en valor das madeiras galegas na artesanía e na construción de instrumentos musicais.
18h15 MOSTRA MUSICAL ··· Pablo Hernández Mejías
O catro portorriqueño de Ricardo Ramos construído con madeira de castiñeiro
Resonancias®25 chega ao seu fin coa música do catro, un diálogo transatlántico entre os ritmos populares portorriqueños co son da madeira galega. Con este novo instrumento de Ricardo Ramos, construído con castiñeiro, o catrista Pablo Hernández Mejías interpreta mazurcas e aguinaldos, danzas tradicionais da illa boricua, e creacións musicais contemporáneas marcadas pola influencia do jazz.
Pablo Hernández Mejías foi o primeiro catrista graduado no departamento de Jazz e Música Caribeña do Conservatorio de Música de Porto Rico. Posteriormente, continuou a súa formación no Conservatori del Liceu en Barcelona. No ano 2018 publicou o seu primeiro disco de composicións orixinais "Danzas imaginarias" e na actualidade reside en A Coruña.
18h30 PECHE E DESPEDIDA DE RESONANCIAS 25 ···