
A nosa cálida benvida a Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación que se desenvolve na Catedral de Tui dende o ano 2005. Unha iniciativa que naceu da man de Ricardo García Fernández (1929 - 2017) coa vontade de abrir o claustro medieval da sede tudense á sociedade a través da música, cun compromiso absoluto no apoio ao tecido musical local, en especial ás novas xeracións.
Hoxe, Música no Claustro é unha plataforma de investigación, creación, difusión e sensibilización que celebra do 1 ao 7 de agosto o seu 19ª programa de concertos en paralelo a outras accións ao longo do ano. Desta forma, impulsamos o disco Ecos de Breogán (Poliédrica, 2023) liderado pola oboísta Iria Folgado, un proxecto que na actualidade está de xira en diversas comunidades do estado español e que actúa hoxe mesmo en Cádiz. Premio Talento Mozo da Xunta de Galicia, Iria Folgado abrirá en outubro a vindeira tempada de novos intérpretes da Fundación Juan March, Madrid.
Por outra banda, durante a pandemia impulsamos o Plan de Dixitalización e Modernización Música no Claustro 2021-2026 co apoio inicial do INAEM, a través das axudas públicas para a modernización das estruturas da xestión artística no ámbito das artes escénicas e da música. Un plan que consta dun arquivo verde dixital á disposición da comunidade investigadora conformado por máis de 10.000 documentos que narran a historia do festival, a publicación en YouTube dos concertos celebrados no claustro medieval -incluíndo á recuperación patrimonial da Misa medieval de san Telmo-, e a difusión en Spotify e Amazon de RESONANCIAS®, un podcast en galego dedicado aos instrumentos musicais que xa conta con 38 capítulos publicados e que neste ano 2025 vivirá un novo impulso grazas a fondos europeos articulados a través do Ministerio de Cultura nas Axudas para a promoción do sector do videoxogo, do podcast e outras formas de creación dixital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A nosa cálida benvida a Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación que se desenvolve na Catedral de Tui dende o ano 2005. Unha iniciativa que naceu da man de Ricardo García Fernández (1929 - 2017) coa vontade de abrir o claustro medieval da sede tudense á sociedade a través da música, cun compromiso absoluto no apoio ao tecido musical local, en especial ás novas xeracións.
✦ RESONANCIAS®, foro profesional de artesanía e instrumentos musicais
O podcats RESONANCIAS® ten a súa orixe no foro profesional de artesanía e instrumentos musicais que convocamos en 2021 por vez primeira, por iniciativa da Fundación Pública Artesanía de Galicia e á que posteriormente se sumou a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia.
RESONANCIAS® ten por misión ser un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán na construción de instrumentos musicais en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, a xestión cultural, o deseño ou profesións técnicas vencelladas ao sector, nun compromiso marcado na posta en valor do emprego de madeiras galegas.
A cadea de valor dun instrumento musical e unha ampla sinerxía de profesións a priori dispares: imaxinamos a unha técnica forestal traballando xunto a un enxeñeiro, a unha artesá, a un conservador de museos, a unha directora de contas ou a un músico? Pois ese é o obxectivo de RESONANCIAS®, reunir a unha comunidade tan dispersa coma necesaria no noso fin: a artesanía.
A quinta edición deste foro -6 de agosto- ábrese cunha conferencia maxistral de Cristina Bordas, referente nos estudos de instrumentos musicais cunha longa traxectoria profesional na que poderiamos destacar a realización da catalogación dos instrumentos musicais conservados nos museos de titularidade do Ministerio de Cultura ou a fundación da asociación INSTRUMENTA, colectivo que traballa na salvagarda deste rico patrimonio cultural.
Como en cada edición, coñecemos de primeira man o traballo de tres obradoiros de instrumentos musicais do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia -Ana Fariña, de corda frotada; Guillermo Dacal, de vento madeira e metal; e Ricardo Ramos, quen presenta xunto ao músico Pablo Hernández Mejías un catro portorriqueño construído con castiñeiro galego. Un instrumento de madeiras galegas, ao igual que o violoncello de Adrián M. Pereiro impulsado por ensaia., comunidade para a financiación e o desenvolvemento de proxectos sociais coa xuventude e o talento local.
Unha xornada profesional na que a principal novidade é a participación da Oficina Española de Patentes e Marcas O.A. (OEPM), unha entidade pública ao servizo da artesanía fundamental no desenvolvemento comercial de calquera proxecto empresarial ou creación. Coñecer os aspectos básicos de funcionamento e protección das marcas e patentes, e a apertura dun inmerso arquivo histórico inédito con valiosa información sobre a artesanía e os instrumentos musicais dende o século XIX, serán os principais obxectivos da presenza da Oficina Española de Patentes y Marcas O.A. (OEPM) no foro profesional RESONANCIAS®.
E como a creación e promoción dunha marca responde a un exercicio activo de reflexión sobre as identidades na arte, artesanía e autoría, convocamos unha mesa redonda con Susana Cabo Buján, propietaria da tenda Porta da Pía Artesanía; á artesá de xoiaría José Castro (Noroeste Obradoiro), e ao artesán en madeira Aitor. Unha mesa redonda moderada por Beatriz Fontán, xestora cultural e creadora de nomes para marcas comerciais en serapornombres.com.
Por último, a xestora cultural María Casado, coordinadora do programa MUSAE de concertos nos museos do Ministerio de Cultura, conversa coa violinista tudense Raquel Areal, integrante da Filharmónica de Berlín, sobre as inquedanzas sonoras e as oportunidades de mercado na elección dun violín, na simbiose entre construción, interpretación e repertorio.
✦ IDENTIDADES
O claustro medieval é a sede de Música no Claustro dende 2005. Dúas décadas nas que percorremos este fermoso espazo de día e de noite, co sol acariciando os arcos góticos ou coa lúa presente no ceo infinito sobre o ciprés central. Un cuadrilátero pétreo que parece inmóbil ao paso do tempo. Pero non é exactamente así. Nesta edición do festival, o primeiro que se atopa o público é o xardín interno levantado, en pleno proceso de transformación. Unha transformación que nos lembra a contribución do bispo Juan Fernández de Soutomaior no ano 1408 para evitar a ruína desta dependencia catedralicia. En 1923, o bispo Manuel Lago González -do que este ano se conmemora o centenario do seu falecemento- impulsaría unha nova rehabilitación despois de que fose deteriorado "pola ignoracia duns homes e o desgaste do tempo". Por último, nas décadas de 1960' e 1970' realizaríanse as restauracións que dan o resultado actual do claustro.
Os espazos transforman a súa identidade en paralelo ao sentimento de pertenza do imaxinario colectivo. Identidades de espazos... identidades culturais... identidades persoais...
✦ CONCERTOS
Esta infinita verba abraza a 19ª edición de Música no Claustro, unha edición que comeza o venres, 1 de agosto, co concerto do caboverdiano Mário Lúcio, músico e compositor de gran recoñecemento na lusofonía e autor dunha extensa discografía, así como libros de poesía, narrativa e obras teatrais. Foi Ministro de Cultura de Cabo Verde dende 2011 a 2016 e entre os seus libros destaca o seu ensaio Manifesto a Crioulización no que defende o "xurdimento incesante de novas identidades". Este libro será o tema central da conversa que o xornalista tudense José Font manterá con Mário Lúcio ao día seguinte, o sábado, 2 de agosto, ás 12h30.
O sábado, 2 de agosto, ás 21h, achegámonos ao canon da música clásica europea cos cuartetos de corda de Mozart e Schumann na interpretación do Jouska String Quartet. Unha formación de música de cámara con sede en Suíza e premiada co Café Bauhaus Award en 2024. Un concerto no marco do acordo estatal coa Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes (AIE), que renovamos por oitava edición consecutiva, co que o domingo, 3 de agosto, descubrimos unha das voces máis novas da escena do flamenco: a cantaora Gabriela Giménez, acompañada do guitarrista Antón Giménez.
O luns, 4 de agosto, Música no Claustro acolle a presentación en Galicia do novo disco da frautista e compositora galega María Toro no que o jazz dialoga co flamenco, coa música popular brasileira ou co folclore galego. Unha travesía que comeza na súa Galicia natal e percorre identidades e vivencias persoais en Madrid, Suíza, Nova York ou Rio de Janeiro. Unha encrucillada de culturas na que conta coa participación de Toño Miguel ao contrabaixo, David Sancho ao piano e teclados, e Andrés Litwin á batería.
O martes, 5 de agosto, ás 21h, chega un dos momentos máis emotivos da historia do festival: celebrar a recente praza da violinista tudense Raquel Areal na Filharmónica de Berlín. Un concerto despois de varios días de ensaio no claustro medieval, en residencia artística ao carón da pianista cubana Karla Martínez Rabanal. Un concerto cunha escolma de pezas que nos achegan ao París da primeiras décadas do século XX con obras de Lili Boulanger, Claude Debussy ou Maurice Ravel, e una visión das identidades transatlánticas con Astor Piazzolla, Amy Beach ou a cubana Gisela Hernández, unha das compositoras que formou parte do Lyceum Club de La Habana, institución clave no desenvolvemento de dereitos e oportunidades para as mulleres en Cuba na que tamén destacou a galega María Muñoz de Quevedo.
O mércores, 6 de agosto, despois do intenso programa do foro RESONANCIAS, recibimos á pianista e compositora catalá Clara Peya, unha das artistas máis persoais da escena contemporánea e que presenta o seu novo álbum "Solilòquia", un traballo íntimo no que explora o encontro con ela mesma, a música coma terapia de saúde mental. Quizáis para o público galego o primeiro achegamento á súa música foi a través das súas colaboracións con Guadi Galego?
E rematamos o xoves, 7 de agosto, co violoncellista Mon-Puo, un músico de orixe familiar taiwanesa e cunha formación académica exquisita. Un concerto no que explora a intimidade das Suites para violoncello de Bach ou a Sonata de Kodály, obras canónicas do instrumento en paralelo a improvisacións e melodías que convidan a reflexionar de forma conxunta sobre o valor e a riqueza das identidades e a súa diversidade, nun mundo global que grita a dor das guerras, as inxustizas do racismo ou os odios e fobias ao diferente, ao singular, singularidades coas que construímos o colectivo do que somos parte.
Se nos preguntásemos... "que somos?" as respostas poderían ser infinitas, pero seguro que ante todo seriamos persoas. E entre todas esas persoas quero mencionar, moi conscientemente e con absoluta gratitude ao corazón humano das empresas proveedoras e ao equipo do festival. Un equipo heteroxéneo, interxeracional, cheo de paixón e compromiso. Grazas a Mario, Sara, Mar, David, Isaac, Gus, Jonhi, Uxía (de baixa) e Beatriz, xefa de máquinas nesta embarcación que teño a sorte de pilotar con San Telmo no mascarón de proa.
Tamén o agradecemento ao Cabido por continuar abrindo as portas da Catedral ao festival e a colaboración das empresas privadas Cabreiroá, Gadis e AIE, así coma ao mecenado de Javier Vales, xunto ás institucións públicas que con vontade política fan posible Música no Claustro edición a edición.
Moitas grazas á Xunta de Galicia polo seu apoio a través da Dirección Xeral de Cultura, da Fundación Pública Artesanía de Galicia e da Axencia Galega da Industria Forestal; á Deputación de Pontevedra por apoiar por segunda vez o festival e ao ao Concello de Tui, institución cun firme tesón, esforzo e compromiso na salvagarda do festival.
Sete días de festival, sete concertos, unha conversa e unha nova edición do foro RESONANCIAS®. Música clásica, contemporánea, jazz ou flamenco que chegan a Tui dende A Coruña, Madrid, Barcelona, Suíza, La Habana ou Taiwán, que comezamos o venres coas músicas caboverdianas de Mário Lúcio. Catro continentes que enchen de emocións e identidades as catro galerías do claustro medieval da Catedral de Tui.
SAMUEL DIZ
Director artístico
28 de xullo de 2025
Director artístico
28 de xullo de 2025
