A recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo: os vestixios musicais da Catedral de Tui





Música no Claustro 2022, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui, impulsa a recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo. Un innovador proxecto de salvagarda e divulgación que recupera e pon en valor os vestixios musicais e relixiosos da Catedral de Tui.


O sábado 23 e o domingo 24 de abril, durante a festas patronais de San Telmo e como preámbulo á 16ª edición do festival, celébrase unha xornada de estudo multidisciplinar que reúne ás principais eminencias da materia e un concerto extraordinario a cargo de Seconda Pratica, un ensemble de música antiga que chega dende os Países Baixos.


No Arquivo Catedralicio consérvase Pasionario Tudense, un códice datado no século XIII que contén o oficio de Pedro González, ao que agora denominamos Misa medieval de San Telmo. Este manuscrito, partitura en notación aquitana sobre liña vermella, ofrece a testemuña de maior significancia sobre a praxis relixiosa e cultural desenvolta ao redor da festividade do Corpo Santo na Catedral tudense durante a Idade Media. En paralelo ao valor musical e cultural desta partitura inédita de canto gregoriano, a Misa medieval de San Telmo contén a primeira referencia documental de Pedro González Telmo como patrón dos navegantes.


Esta xornada de estudo e concerto conta co apoio e compromiso do Cabido Catedralicio, do Concello de Tui e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, sendo a primeira liña de actuación do Plan Director Música no Claustro 2022-2027 nos horizontes da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui, o Plan Catedrais Xacobeo 2027 e a participación de Música no Claustro no deseño da xornada inaugural da candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura.