Eva Moreda
Música e son en Galicia na experiencia dos viaxeiros británicos
Universidade de Glasgow
MUSICÓLOGA EN RESIDENCIA
Eva Moreda é catedrática de Musicoloxía na Universidade de Glasgow. Galega de nacemento e británica de adopción, unha das súas inquedanzas é a ponte entre estas terras atlánticas.
Neste intercambio académico, Eva Moreda dá en Tui os primeiros pasos dunha investigación dedicada á paisaxe sonora histórica (historial soundscape). O seu obxecto de estudo céntrase na música e son en Galicia dos viaxeiros británicos, dende os perfís turísticos sen ningún afán musicolóxico ata a testemuña do hispanista J.B. Trend, quen reflexou no seu artigo The music in Spanish Galicia (Music & Letters, 1924) a súa experiencia na viaxe por terras galegas en 1922. E esta estancia de investigación retroaliméntase na convivencia de Eva Moreda durante o festival con artistas, públicos e outras persoas que chegan a Tui neste intre, ano 2024.
Eva Moreda compaxina os seus traballos musicolóxicos con creacións literarias en lingua galega. Mentres que no ámbito académico as súas publicacións céntranse na música española durante o Franquismo e no exilio, así como na historia temperá das tecnoloxías de gravación, no campo novelístico recomendamos as súas últimas novelas Para toda a vida (Aira, 2020) e Rapazas de Polar (Morgante, 2021).