Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Acceso libre por orde de chegada. Non hai reserva previa.
Apertura de portas 20:45h
Domingo, 7 de agosto, 21h
Lorca, sinfonía del amor oscuro
Música de vangarda
Voz, percusión, cuarteto de corda e electrónica
DULZARO
Unir a tradición e a vangarda é o obxectivo de Dulzaro, un proxecto musical que habita a figura de Federico García Lorca e o seu imaxinario na mestura da súa poesía con loops e sintetizadores electrónicos. Lorca, sinfonía del amor oscuro convídanos a revisitar a obra do poeta granadino en xustaposición con sons contemporáneos, nos que se senten as influencias do flamenco ou o fado, creando novas experiencias e emocións.
Dulzaro nace na ribeira do Pisuerga, ao seu paso por Valladolid, onde Alberto Domínguez nutre a súa voz co humus do folklore castelá en diálogo coas linguaxes musicais e escénicas actuais. De Valladolid trasladouse a Londres, onde se formou en arte dramático na Mountview Academy of Theatre Arts.
Un espectáculo no que se funde a tebra co trazo da inocencia, a melodía encantada coa canción de tacto popular, onde a poesía e os sons electrónicos atopan a un cuarteto de corda que sostén esta voz pura pero esgazadora, formado por Vania Collazo e Pablo Puga (violíns), Lia Vilas (viola) e Elisa Ingelmo (violonchelo). Unha nova paisaxe sonora que bebe da música cinematográfica e da zarzuela, e que parte do telúrico imaxinario lorquiano proxectado nas percusións do tamén valisoletano Héctor Varela, formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Dulzaro pecha a 16ª edición de Música no Claustro e convídanos unha vez máis a ollar o epistolario lorquiano dende os xardíns da Catedral de Tui coa vista perdida no horizonte, horizonte perfilado polas dúas beiras miñotas. E abrimos as súas páxinas no verán de 1922... "ahora se debe decir: el Guadalquivir o el Miño nacen en Fuente Miña y desembocan en Federico García Lorca, modesto soñador e hijo del agua”.