Na Bienal Ibérica AR&PA de Patrimonio Cultural


Regresamos da Bienal AR&PA en Valladolid, onde presentamos a profesionais da xestión do patrimonio cultural de diferentes puntos do planeta o festival Música no Claustro e o foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. 

Desta forma achegamos o festival a un público profesional do ámbito da xestión e crítica musical dende a perspectiva do patrimonio cultural, e difundimos as propostas musicais galegas impulsadas. Ao mesmo tempo foi unha oportunidade para coñecer novas propostas de xestión pública e empresarial de proxectos de patrimonio cultural e musical, e para afondar no coñecemento de recursos e ferramentas na xestión dixital do patrimonio cultural no marco do Plan de modernización e dixitalización Música no Claustro 2021- 2025, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea, a través do INAEM, no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui.


Esta acción de promoción contou co apoio da Xunta de Galicia.