Xoves 4.AGO.22. NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ, LUIS CORRAL e PATRICIA RODRÍGUEZ RIVERO. A musette no século XVIII ■▪︎

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Acceso libre por orde de chegada. Non hai reserva previa.
Apertura de portas 20:45h


Xoves, 4 de agosto, 21h
A musette no século XVIII
Música barroca
Musette, violín e viola da gamba
* Conmemoración dos 300 anos do Retablo da Expectación da Catedral de Tui

         EN RESIDENCIA ARTÍSTICA   

A musette é un instrumento de vento que presenta certas similitudes coa gaita. O seu repertorio está vencellado á música na corte francesa durante os reinados de Luis XVI “O Rei Sol” e de Luis XV “O Benamado”, entre o que destaca a obra de Joseph Bodin de Bois Mortier (1689-1755), o compositor máis prolífico do século XVIII francés, e a do compositor, comerciante, musettista, oboísta e construtor de instrumentos Espirt Philippe Chédeville (1696-1762).

Na actualidade é un instrumento pouco habitual é son contadas as persoas que se dedican profesionalmente á súa interpretación, entre as que se atopa a gaiteira galega Nadia Vázquez Martínez, quen entrou en contacto coa musette na Universidade LUCA Escola de Artes do Campus Lemmens en Bélxica da man do Dr. Jean-Pierre Van Hees, un dos maiores especialistas do mundo.

Este concerto é o resultado dunha residencia artística impulsada por Música no Claustro e á que Nadia Vázquez Martínez convidou ao violinista Luis Corral e á gambista Patricia Rodríguez Rivero. Un concerto que nos transporta ao imaxinario barroco na conmemoración dos 300 anos do retablo da Expectación da Catedral de Tui, encargado polo Cabido en 1722 a Antonio del Villar, escultor de Redondela. As súas considerables dimensións e a súa coidada factura iconografía convérteno nunha das principais obras monumentais da sede tudense. Nel destaca a representación da Virxe encinta e un medallón central coa escena do Nacemento no que un músico pastor toca a gaita.


         PROGRAMA   

BOISMORTIER J. B. DE (1689-1755)
Concerto pour Zampogna de Six sonates en trio suivies de concertos, op. 28
I.- Allegro II.- Largo III.- Allegro

SPOURNI W. J. (1700?-1754?)
Sonata Nr. 1. en C Mayor de Six trio sonatas, op. 6
I.- Allegro II.- Andante III.- Minuetto 1 IV.- Minuetto 2 V.- Allegro

DUGUÉ A. J. (1714-1780)
Premiére Sonate de Sonates en trio pour les musettes, vièles et basse-continue, op. 4
I.- Moderement II.- Gracieusement III.- Legerement

CHÉDEVILLE E. P. (1696-1762)
Sonatille Troisième en Do menor
I.- Tendrement II.- Rondeau

MARAIS M. (1656-1728)
Suite en Sol menor de Piéces en Trio
I.- Prélude II.- Sarabande III.- Rondeau IV.- Gavotte V.- Menuet II

BOISMORTIER J.B. DE (1689-1755)
Deuxième ballet de 4 Ballets de Village en Trio, op. 52
I.- Gaiment II.- Pesament III.- Vite IV.- Lentement V.- Gaiment


         NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ   

A gaiteira e musettista Nadia Vázquez Martínez (A Guarda 1996) afondou no estudo da música barroca e a técnica da musette na LUCA Escola de Artes do Campus Lemmens en Bélxica, da man do Dr. Jean-Pierre Van Hess, un dos maiores especialistas do mundo. Alí chegou grazas a unha beca Erasmus, perfeccionando a súa técnica cun mestrado que ven de finalizar no ano 2021. Previamente, a súa formación estivera ligada ao Conservatorio Elemental de Música da Guarda, ao Profesional de Tui e ao Superior de Vigo, onde estudou con Rebeca Carrera. Como gaiteira ten recibido premios no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, no Concurso de Gaita e Tamboril de Tui e no Concurso de Cornamusa Solista de Le Son Continu en Francia. Como musettista ten participado con La Chapelle Harmonique na gravación da ópera Les Paladins de Jean-Philippe Rameau.


         LUIS CORRAL   

O violinista Luis Corral (Lisboa 1994) tivo o seu primeiro contacto co violín co seu avó, José Luis Corral. Despois de finalizar os seus estudos na Academia Nacional Superior de Orquestra da Metropolitana de Lisboa, realizou un mestrado en violín e posgrao en música de cámara no Real Conservatorio de Bruselas. A súa inquedanza pola música antiga levouno a estudar violín barroco durante a súa estancia en Bélxica, institución dunha ampla tradición na interpretación de instrumentos históricos pola influencia da familia Kuijken, onde finalizou en 2022 un novo mestrado con Ryo Terakado e Joanna Huszcza. Colabora con diferentes ensembles de música antiga e orquestras barrocas de Bélxica, os Países Baixos e Portugal. Ademáis, é membro de Vestigio Quartet, un cuarteto especializado na interpretación do repertorio romántico con instrumentos de época.


         PATRICIA RODRÍGUEZ RIVERO   

A gambista Patricia Rodríguez Rivero (Madrid 1990) é licenciada en Historia e Ciencias da Música, estudos que realizou mentres descubría e interpretaba repertorio antigo coa súa primeira viola da gamba cos mestres Leonardo Luckert e Alfredo Barrales. Realizou estudos superiores no Conservatorio Superior de Vigo con Sara Ruiz, o que lle deu a oportunidade de formar parte do proxecto Violanet nos encontros nos Conservatorios de Salzburgo, A Haia e Lión; e na Universidade Mozarteum de Salzburgo, onde recibiu aulas de Vittorio Ghielmi e onde afondou no estudo da música de J. B. Forqueray. Ten tocado en diferentes agrupacións e consorts de música antiga, obras teatrais e é fundadora dos ensembles Utricularia e Ceci n’est pas Baroque.