DOMINGO 1.AGO.21 ::: Carta branca á oboísta IRIA FOLGADO




Domingo, 1 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)


CARTA BRANCA Á OBOÍSTA IRIA FOLGADO
Obras de Mozart, Britten e Buide del Real

Abrimos a 15ª edición de Música no claustro cunha carta branca á oboísta galega Iria Folgado Dopico, quen respondeu coa ilusión de tocar no claustro gótico da Catedral de Tui o Cuarteto en Fa Maior K.370 de Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791). Unha obra para óboe, violín, viola e violoncello que o compositor austríaco escribira aos 25 anos, a mesma idade que ten agora Iria. Este concerto é o peche dunha residencia artística no festival ao carón da violinista tudense Sara Areal, xunto coa violista Cristina Cordero e a violoncellista Montserrat Egea, intérpretes vencelladas á Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid.

Historicamente o óboe formaba parte da orquestra da Catedral de Tui, tal e como podemos descubrir nos instrumentos conservados no museo do templo ou na iconografía do retablo barroco da Expectación. Nestas resonancias, Iria Folgado desexou pór en diálogo a partitura de Mozart con outra peza mestra do repertorio para o seu instrumento, a Fantasía Op.2 de Benjamin Britten (1913-1976). Unha obra de xuventude que achegou ao compositor británico ao recoñecemento internacional e na que o óboe ten novamente un papel solista. Iria Folgado naceu no concello de San Sadurniño (A Coruña) e os comezos da súa formación musical sitúanse no Conservatorio de Ferrol, na Escola de Altos Estudos Musicais e na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Na actualidade reside na Alemaña, onde é solista en corno inglés na Konzerthaus Orchester Berlin.

Neste regreso profesional a Galicia, Iria Folgado incluíu a creación contemporánea de Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980). Un arranxo para óboe e trío de cordas, realizado polo propio compositor para esta residencia artística, do Adagio para cuarteto de cordas que escribira en 2004. Unha obra que mostra a linguaxe de Buide del Real previa ao seu doutoramento de composición na Yale University, nos Estados Unidos.







SARA AREAL
Violín
Sara Areal (Tui, 1996) é alumna do mestrado en violín da Musik and Kunst Privatuniversität der Stadt Wien de Viena co profesor Pavel Vernikov. Os inicios da súa formación musical sitúanse no Conservatorio Profesional de Tui e na Escola Profissional Artística do Vale do Ave - Artave. Colabora con diferentes orquestras e ten actuado como concertino coa Orquestra Sinfónica de Artave, a Orquestra Sinfónica Aproarte e a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.


CRISTINA CORDERO
Viola
Cristina Cordero (Madrid, 1998) é alumna da cátedra de viola Fundación BBVA da Escuela Superior de Música Reina Sofía coa profesora Nobuko Imai. En 2020 obtivo o seu título de viola coas máximas calificacións na Hochschule für Musik und Theater de Múnich co profesor Hariolf Schlichtig. Cristina Cordero vén de recibir o Premio “El Primer Palau” tras o seu debut como solista no Palau de la Música Catalana.


MONTSERRAT EGEA
Violoncello
Montserrat Egea (Toledo, 1997) acaba de recibir o diploma á alumna máis sobresaínte da cátedra de violoncello Aline Foriel-Destezet da Escuela Superior de Música Reina Sofía. Toca un violoncello Virgilio Capellini cedido pola Fundación Málaga e o Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid. Forma parte do Cuarteto Óscar Esplá de Asisa xunto da violinista tudense Raquel Areal, co que obtiveron o Premio EMCY no Concurso Permanente Juventudes Musicales de España na modalidade de música de cámara en 2019.

© José Luis García