Luns 2.AGO.21 ::: ÁNGELES TOLEDANO, cantaora flamenca




Luns, 2 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)


ÁNGELES TOLEDANO
Flamenco

O claustro gótico da Catedral de Tui abre as súas portas a Ángeles Toledano, cantaora estudosa das fontes primarias do flamenco e cunha grande inquedanza polos palos, estilos e letras que caíron en desuso co obxectivo de recuperalas dende unha visión fresca e contemporánea. As alegrías de Pastora Pavón, os tientos da Perla de Cádiz, as bulerías de Antonio el Chaqueta, os cantes por tarantas de Juan Coronel, ou unha nana flamenca de Bernardo el de los lobitos, dialogan neste concerto coa paixón pola poesía de Ángeles Toledano, con letras propias que falan de vivencias e aspectos cotiáns e de actualidade.

Ángeles Toledano naceu en 1995 en Villanueva de la Reina, un pobo da provincia de Jaén na ribeira do Guadalquivir. Viaxa dende Andalucía a Tui acompañada do guitarrista Benito Bernal e dos irmáns Fernando e Álvaro Gamero, quenes coas súas palmas aportan o seu gran de area para facer música flamenca de liña clásica con honestidade e dende o corazón.

O concerto de Ángeles Toledano chega a Música no claustro grazas á Sociedad de Artistas AIE, que renova por cuarta edición consecutiva o seu apoio ao festival. Unha oportunidade para desfrutar por primeira vez en Música no claustro da música flamenca, declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.