Amosando publicacións coa etiqueta Concertos 2021. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concertos 2021. Amosar todas as publicacións

DOMINGO 1.AGO.21 ::: Carta branca á oboísta IRIA FOLGADO




Domingo, 1 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)


CARTA BRANCA Á OBOÍSTA IRIA FOLGADO
Obras de Mozart, Britten e Buide del Real

Abrimos a 15ª edición de Música no claustro cunha carta branca á oboísta galega Iria Folgado Dopico, quen respondeu coa ilusión de tocar no claustro gótico da Catedral de Tui o Cuarteto en Fa Maior K.370 de Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791). Unha obra para óboe, violín, viola e violoncello que o compositor austríaco escribira aos 25 anos, a mesma idade que ten agora Iria. Este concerto é o peche dunha residencia artística no festival ao carón da violinista tudense Sara Areal, xunto coa violista Cristina Cordero e a violoncellista Montserrat Egea, intérpretes vencelladas á Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid.

Historicamente o óboe formaba parte da orquestra da Catedral de Tui, tal e como podemos descubrir nos instrumentos conservados no museo do templo ou na iconografía do retablo barroco da Expectación. Nestas resonancias, Iria Folgado desexou pór en diálogo a partitura de Mozart con outra peza mestra do repertorio para o seu instrumento, a Fantasía Op.2 de Benjamin Britten (1913-1976). Unha obra de xuventude que achegou ao compositor británico ao recoñecemento internacional e na que o óboe ten novamente un papel solista. Iria Folgado naceu no concello de San Sadurniño (A Coruña) e os comezos da súa formación musical sitúanse no Conservatorio de Ferrol, na Escola de Altos Estudos Musicais e na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Na actualidade reside na Alemaña, onde é solista en corno inglés na Konzerthaus Orchester Berlin.

Neste regreso profesional a Galicia, Iria Folgado incluíu a creación contemporánea de Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980). Un arranxo para óboe e trío de cordas, realizado polo propio compositor para esta residencia artística, do Adagio para cuarteto de cordas que escribira en 2004. Unha obra que mostra a linguaxe de Buide del Real previa ao seu doutoramento de composición na Yale University, nos Estados Unidos.



SARA AREAL
Violín
Sara Areal (Tui, 1996) é alumna do mestrado en violín da Musik and Kunst Privatuniversität der Stadt Wien de Viena co profesor Pavel Vernikov. Os inicios da súa formación musical sitúanse no Conservatorio Profesional de Tui e na Escola Profissional Artística do Vale do Ave - Artave. Colabora con diferentes orquestras e ten actuado como concertino coa Orquestra Sinfónica de Artave, a Orquestra Sinfónica Aproarte e a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.

CRISTINA CORDERO
Viola
Cristina Cordero (Madrid, 1998) é alumna da cátedra de viola Fundación BBVA da Escuela Superior de Música Reina Sofía coa profesora Nobuko Imai. En 2020 obtivo o seu título de viola coas máximas calificacións na Hochschule für Musik und Theater de Múnich co profesor Hariolf Schlichtig. Cristina Cordero vén de recibir o Premio “El Primer Palau” tras o seu debut como solista no Palau de la Música Catalana.


MONTSERRAT EGEA
Violoncello
Montserrat Egea (Toledo, 1997) acaba de recibir o diploma á alumna máis sobresaínte da cátedra de violoncello Aline Foriel-Destezet da Escuela Superior de Música Reina Sofía. Toca un violoncello Virgilio Capellini cedido pola Fundación Málaga e o Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid. Forma parte do Cuarteto Óscar Esplá de Asisa xunto da violinista tudense Raquel Areal, co que obtiveron o Premio EMCY no Concurso Permanente Juventudes Musicales de España na modalidade de música de cámara en 2019.





Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Luns 2.AGO.21 ::: ÁNGELES TOLEDANO, cantaora flamenca




Luns, 2 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)

ÁNGELES TOLEDANO
Flamenco

O claustro gótico da Catedral de Tui abre as súas portas a Ángeles Toledano, cantaora estudosa das fontes primarias do flamenco e cunha grande inquedanza polos palos, estilos e letras que caíron en desuso co obxectivo de recuperalas dende unha visión fresca e contemporánea. As alegrías de Pastora Pavón, os tientos da Perla de Cádiz, as bulerías de Antonio el Chaqueta, os cantes por tarantas de Juan Coronel, ou unha nana flamenca de Bernardo el de los lobitos, dialogan neste concerto coa paixón pola poesía de Ángeles Toledano, con letras propias que falan de vivencias e aspectos cotiáns e de actualidade.

Ángeles Toledano naceu en 1995 en Villanueva de la Reina, un pobo da provincia de Jaén na ribeira do Guadalquivir. Viaxa dende Andalucía a Tui acompañada do guitarrista Benito Bernal e dos irmáns Fernando e Álvaro Gamero, quenes coas súas palmas aportan o seu gran de area para facer música flamenca de liña clásica con honestidade e dende o corazón.

O concerto de Ángeles Toledano chega a Música no claustro grazas á Sociedad de Artistas AIE, que renova por cuarta edición consecutiva o seu apoio ao festival. Unha oportunidade para desfrutar por primeira vez en Música no claustro da música flamenca, declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.






Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Martes 3.AGO.21 ::: FERNANDO BELTRÁN e SAÚL PUGA, poesía e contrabaixo


 


Martes, 3 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o luns 2 de agosto, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso)
** Quedan 25 localidades libres, de reserva previa. De forma excepcional, abrimos a taquilla telefónica 644 035 055 o luns 2 de agosto, de 16h a 19h.
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)


FERNANDO BELTRÁN e SAÚL PUGA
La curación del mundo

A palabra persegue a Fernando: en plena movida madrileña o poeta Dámaso Alonso, de forma case improvisada, presentouse como padriño na súa voda con Elena.

Beltrán persegue á palabra: hoxe, nomes da nosa vida cotiá como Amena, OpenCor ou La Casa Encendida, teñen a súa orixe na mente creativa deste nomeador e poeta asturiano.

«Poesía habitada, poesía de la conciencia vigilante…» di a crítica sobre Fernando Beltrán (Oviedo, 1956), Premio Asturias de las Letras e Premio Foro Europeo. Voz de referencia da súa xeración, Beltrán alcanza as súas inflexións máis singulares na expresión das conmocións cívicas, das relacións persoais ou da meditación existencial. Poesía en carne viva fondamente humana e emocional, traducida a máis de vinte idiomas, que dá forma a este recital no que tamén están presentes os poemas do seu último libro La curación del mundo, fermosa e apaixonada procura da luz tras a súa experiencia como doente grave da COVID.

Palabras e meditacións poéticas que espertan as resonancias máis profundas dos instrumentos musicais. Un encontro único e provocado co músico galego Saúl Puga (Vigo, 1982). O son telúrico do seu contrabaixo é o resultado dun vasto dominio técnico adquirido no Conservatorio Superior de Música de Vigo en suma á escoita atenta e activa do seu arredor. Músico improvisador libre, inquedo pola ruptura do establecido, Saúl Puga crea as Sesións H.A.L.O. nas que presenta a súa linguaxe ecléctica máis aberta.










Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Mércores 4.AGO.21 ::: Carta branca a BEGOÑA RIOBÓ e ANXO PINTOS




Mércores, 4 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)


BEGOÑA RIOBÓ e ANXO PINTOS
Pärbo: Méunimo

En anteriores concertos de Música no claustro era habitual atopar entre o público a Begoña Riobó e a Anxo Pintos. Dous nomes capitais da música galega que mostran un aprecio especial ao festival e a quenes ofrecemos a segunda carta branca de creación desta edición. Un convite ao que responderon co concepto de «músicas seminúas de trazabilidade próxima para unha experiencia receptora de corpo aberto á distancia mínima posible» baixo o título de MÉUNIMO.

En paralelo a súa actividade pedagóxica na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD, dende o ano 2019 Begoña Riobó e Anxo Pintos canalizan, en boa medida, a súa actividade escénica e musical no dúo PÄRBO. Un ensemble exiguo, para músicas contempo-devanceiras, que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia. Según Riobó e Pintos, esa pescuda do repertorio tradicional «non nos impide buscar tratamentos e facer procuras osmóticas noutras leiras estéticas para asinarmos acabados sonoros de dixestión contemporánea».

Este concerto enmárcase no Foro profesional de Instrumentos musicais #Resonancias apoiado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. Un encontro de artesáns e artistas que ten por obxectivo tratar aos instrumentos musicais e aos oficios como elementos de identidade cultural e oportunidade de mercado. Nesta relación simbiótica, entre intérpretes e instrumentos, descubrimos no claustro gótico da Catedral de Tui o son dos violíns de José Catoira ou o novo punteiro grave de gaita desenvolto por Xosé Manuel Gil e Antón Corral.





















Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Xoves 5.AGO.21 ::: Residencia artística de DAVIDE BUCCI, órgano




Xoves, 5 de agosto (21.30 h)
Órgano da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)



DAVIDE BUCCI
Órgano

O órgano da Catedral de Tui é un instrumento de grande recoñecemento por intérpretes internacionais. O novo instrumento, construído por Gerhard Grenzing, foi instalado en 1995 dentro do monumental moble histórico do século XVIII. Despois de 25 anos nos que se realizaron puntuais tarefas de mantemento e afinacións, o Cabido da S.I. Catedral de Tui acaba de acometer unha limpeza profunda do órgano. Este proceso, realizado polo propio obradoiro de Grenzing, favorece a conservación preventiva dun dos principais instrumentos do patrimonio cultural galego.

Para celebralo, Música no claustro convida ao músico italiano Davide Bucci a unha residencia artística de nove días na Catedral de Tui que finaliza con este concerto. Organista polo Pontificio Istituto di Musica Sacra do Vaticano, a formación de Davide Bucci (Tarento, 1992) está vencellada ao mestre Federico del Sordo, así como as súas especializacións en música romántica con Roberto Marini e en improvisación organística con Theo Flury. Actualmente, Davide Bucci é organista substituto na Basilica di Santa Maria Maggiore de Roma.

Davide Bucci chega a Tui con partituras de Antonio de Cabezón (1510-1566), Domenico Zipoli (1688-1726) ou Johann Sebastian Bach (1685-1750) na súa equipaxe, xunto á Sonata núm.3 para órgano de Felix Mendelssohn (1809-1847). O repertorio final do recital é o resultado do seu encontro co órgano durante esta residencia artística, nunha exploración de rexistros e sonoridades. En paralelo, Davide Bucci indaga no legado musical e documental da Catedral. Partituras históricas sobre as que crea unha improvisación ex professo coa que remata a exploración das resonancias pétreas do templo.


Repertorio do concerto seleccionado durante a residencia artística

Domenico Zipoli
(1686-1727)
Sonate d’intavolatura per Organo e Cimbalo, Op. 1
Quattro versetti in re minor
Al Post Comunio

Johann Sebastian Bach
(1685-1750)
Vater unser im Himmelreich
BWV 636

Der Tag, der ist so freudenreich
BWV 605

Präludium und Fuge h-moll
BWV 544

Jakob Ludwig Felix Mendelssohn-Bartholdy
(1809-1847)
Orgel-Sonate op. 65/3
Con moto e maestoso
Fuga
Andante tranquillo

Davide Bucci
(1992)
Improvisación en “Stylus phantasticus”

Suite Gregoriana sobre os temas da Missa IX (Cum Jubilo)

Improvisación sobre temas gregorianos extraídos do San Telmo proprium missae
(Cantoral núm. 6 do Arquivo catedralicio)

Improvisación sobre temas gregorianos extraídos do proprium missae do Apóstol Santiago
(Cantoral núm. 6 do Arquivo catedralicio)




Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Venres 6.AGO.21 ::: SERENDIPIA ENSEMBLE, música antiga


Venres, 6 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)

SERENDIPIA ENSEMBLE
Pequeña tempestad


Serendipia Ensemble é un grupo dedicado á interpretación historicamente informada de músicas do Barroco, do Renacemento e da Idade Media que ten as frautas de bico como instrumentos protagonistas. Fundado por RITA RODRÍGUEZ e MOISÉS MAROTO, o grupo complétase coas percusións históricas de PABLO CANTALAPIEDRA. A formación acádemica de Rita, Moisés e Pablo está vencellada ao mestrado en interpretación de música antiga da Escola Superior de Música de Catalunya – ESMUC. 

O seu programa “Pequeña tempestad” busca a miniaturización da creación do universo a partires da obra de teatro “The Tempest” de William Shakespeare. Unha tormenta nun vaso de auga e un barco nunha botella de vidro. Do kahos da orixe á diáspora dos elementos que se unen en harmonía e conseguen festexar o principio do mundo, no que as frautas de bico actúan coma un Deus creador, mediante batallas, danzas, sonatas a dúo, istampittas ou recercatas. Un concerto que Serendipia Ensemble convida a sentir coma se decubrísemos as resonancias do mundo ao través dunha fechadura.

Serendipia Ensemble chega a Música no claustro grazas á Sociedad de Artistas AIE, que renova por cuarta edición consecutiva o seu apoio ao festival. Unha oportunidade de desfrutar da nova xeración da música antiga española no claustro gótico da Catedral de Tui.






Vídeo e fotografías © Gus Abreu

Sábado 7.AGO.21 ::: CHLOÉ BIRD




Sábado, 7 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui

Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Inscrición previa o sábado 31 de xullo, de 10h a 12h, no teléfono 644 035 055 (90 localidades con prioridade de acceso) LOCALIDADES CON RESERVA PREVIA AGOTADAS
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)
CHLOÉ BIRD
Flores y Escombros

Música no claustro 2021 remata coa estrea en concerto de “Flores y Escombros” de Chloé Bird. É o primeiro directo con banda deste disco que marca un novo rumbo na carreira da artista estremeña. Un son renovado producido polo músico galego PABLO LESUIT.

Despois de realizar estudos musicais, Chloé Bird (Cáceres 1991) licenciouse na especialidade de interpretación na Escuela Superior de Arte Dramático de Extremadura. Compaxina a súa actividade musical, como compositora e cantante, coa escena teatral. No ano 2019 recibiu o premio á mellor banda do Certamen Rock Villa de Madrid e o Premio Sol Música.

A estrea das novas resonancias de Chloé Bird en Música no claustro, grazas á Sociedad de Artistas AIE, súmase a outras propostas que anteriormente elixiron o festival para presentar os seus traballos, como o proxecto A Rosa d'Adina de aCadaCanto ou o disco Trece cancións bonitas de Benxamín Otero e Germán Díaz.














Vídeo e fotografías © Gus Abreu