RESONANCIAS, podcast de instrumentos musicais




O pódcast Resonancias é unha plataforma de divulgación de diversas experiencias, reflexións e ideas relacionadas coa investigación, a conservación e a construción de instrumentos musicais.

Cincuenta episodios nos que se aborda un tema específico, dende reflexións sobre a construción de instrumentos, os procesos de restauración ou conservación, a fabricación artesanal, o uso de madeiras locais, ata evolución histórica e organolóxica. Temas moi diversos que se intercalan con entrevistas con lutieres, artesás, artesáns, fabricantes, intérpretes musicais, así como profesionais da investigacións, docencia, conservación ou xestión cultural.


                    


Resonancias é un pódcast de coñecemento, dirixido a persoas que teñen un interese real no instrumento musical, non só como obxecto sonoro senón tamén coma artefacto tecnolóxico e cultural. Cóntase tanto con voces técnicas (que constrúen instrumentos, reparan e experimentan) como con persoas creadoras ou intérpretes, achegando unha visión multidisciplinaria. Os contidos deste pódcast forman parte do Foro profesional impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, no festival Música no Claustro, con sede na Catedral de Tui.

NOVOS CAPÍTULOS

A cuarta tempada, publicada en 2025, conta co patrocinio da Axencia Galega da Industria Forestal e a financiación da Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Cultura, no marco das Axudas Públicas para a Promoción do Sector do Videoxogo, do Pódcast e outras formas de Creación Dixital.


52.- Museu de la música de Barcelona
Os museos de música son espazos onde o patrimonio material dialoga co son, coa memoria e coa práctica viva. Neste episodio achegámonos ao Museu de la Música de Barcelona para coñecer como se constrúe, se conserva e se activa unha colección de instrumentos musicais nun museo especializado, en paralelo á preservación de acervos persoais de nomes propios da música catalá. Conversamos con Marisa Ruiz Magaldi, xefa de coleccións e documentación desde 2015, sobre a historia e a estrutura da institución, os criterios de adquisición e exposición, o papel das reservas e os retos da conservación preventiva. Falamos tamén dos protocolos que determinan cando un instrumento pode soar e cando debe permanecer en silencio, así como das vías de acceso á investigación do acervo do museo.



51.- Women in lutherie. Unha comunidade para as mulleres na lutería
A lutería é un oficio no que a presenza das mulleres segue a ser minoritaria, pero nos últimos anos estase a producir un cambio progresivo e significativo. Neste episodio de Resonancias falamos de xénero, memoria e futuro a través de Women in Lutherie, unha comunidade internacional que traballa para visibilizar o papel das mulleres na construción, investigación e conservación de instrumentos musicais. Conversamos con Ruth Obermayer, lutier alemá afincada en Granada e Community Facilitator desta comunidade, sobre a orixe do proxecto, os desafíos actuais do sector, a relación coas novas xeracións e a necesidade de crear espazos seguros e redes de apoio. Un episodio para entender un movemento silencioso que está a resignificar o oficio desde dentro e a construír un horizonte máis xusto, diverso e compartido para as mulleres na lutería.



50.- Música e son na experiencia dos viaxeiros británicos en Galicia: Eva Moreda
A musicóloga galega Eva Moreda, especialista na historia musical da España contemporánea, toma o artigo “Music in Spanish Galicia” (1924), do británico John Brande Trend, como detonante para abrir unha nova liña de investigación dedicada á música e ao son na experiencia dos viaxeiros británicos en Galicia. A súa participación conta co apoio do Glasgow Knowledge Exchange Fund da Universidade de Glasgow, institución da que é catedrática de musicoloxía. Moreda explora como, antes de Trend, diversos viaxeiros británicos visitaron Galicia a comezos do século XX e deixaron nas súas guías e memorias nu-merosas referencias á música e aos sons que escoitaron: gaitas, pandeiretas, procesións, música relixiosa ou cancións populares. A través destas testemuñas —de Annette Meakin, Walter Wood, Catherine Hartley ou Aubrey Bell— reconstrúe a paisaxe sonora histórica desa época e analiza como contribuíron a crear un imaxinario británico sobre Galicia, ás veces idealizado, pero sempre revelador.



49.- O entusiasmo na lutería: Ana Fariña, Guillermo Dacal e Patricia Cela
Neste episodio escoitamos as voces de Ana Fariña, Guillermo Dacal e Patricia Cela, tres persoas que deciden apostar polo oficio da construción de instrumentos musicais desde lugares e momentos vitais moi distintos, equilibrando vocación, realidade e entusiasmo. A través das súas experiencias persoais coñecemos mudanzas internacionais, retornos a Galicia, aprendizaxes intensas e paróns necesarios. Fálannos das dificultades reais do oficio, dos retos económicos e emocionais, dos teitos de cristal e tamén da importancia de atopar espazos de calma onde crear, reparar e recuperar sentido. As súas traxectorias, honestas e cheas de humanidade, lembran que detrás de cada instrumento feito a man hai unha vida en cambio continuo. E que compartir estes procesos, falar deles e poñelos en común, fortalece o sector e dálle valor á artesanía contemporánea.



48.- Prevención de riscos laborais nos obradoiros de instrumentos musicais: Elena llanes e Sergio Meyer Escoboza
Neste episodio exploramos un tema esencial, aínda que pouco tratado nos obradoiros de instrumentos musicais: a prevención de riscos laborais. Falamos do impacto que teñen materiais, procesos, espazos de traballo e hábitos profesionais na saúde das persoas que constrúen, manteñen e reparan instrumentos musicais. Para iso contamos con dúas voces complementarias. A lutier cántabra Elena Llanes, que en 2012 realizou o seu traballo de fin de máster de riscos laborais sobre o obradoiro de construción de gaitas de Patricia Cela, xa que logo, reflicte os riscos reais, como o po de madeira, os fungos, as vibracións ou o ruído. E, por outra banda, Sergio Meyer Escoboza, docente e técnico de formación e emprego da Escola Albayzín, Centro de Referencia Nacional en Artesanía, que explica como se está a incorporar a prevención de riscos na formación regrada das futuras xeracións de lutieres e profesionais da artesanía.



47.- Intérpretes e lutería: Raquel Areal e María Casado
Neste episodio achegámonos ao diálogo entre construción, interpretación e repertorio a través dunha conversa entre a violinista galega Raquel Areal, integrante da Filharmónica de Berlín, e a xestora cultural e violinista María Casado, coordinadora do programa MUSAE (Música en los Museos Estatales) do Ministerio de Cultura. Xuntas reflexionan sobre o acceso aos instrumentos, a importancia da honestidade na relación coas persoas lutieres, as carencias formativas na lutería dentro dos conservatorios e a necesidade de fortalecer a conexión entre profesionais da interpretación e da construción.



46.- Mapeo de eventos arredor dos instrumentos musicais
Trazamos unha cartografía polos principais eventos que hoxe articulan o ecosistema arredor da construción, investigación e difusión dos instrumentos musicais. Desde o foro Resonancias, onde nace este podcast, ata o recente encontro Zona da zanfona, celebrado en Arzúa, percorremos feiras, encontros profesionais, xornadas científicas e festivais que poñen en diálogo a lutería, a artesanía, a interpretación e a investigación organolóxica. Viaxamos polas Xornadas de Instrumenta, polo Encontro Profesional Galego para a Construción de Instrumentos impulsado por LABRA (Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais), polo Memorial Ricardo Portela, pola Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, polo Encordass Fiddle Fest, na Illa de San Simón, e pola 21ª edición de Zona da Zanfona.



45.- Identidades: arte, artesanía e autoría: Porta da Pía Artesanía, Noroeste Obradoiro e Aitor.
Neste episodio presentamos un debate sobre as fronteiras líquidas entre arte, artesanía e autoría. Conversamos con Susana Cabo Buján propietaria da tenda de artesanía Porta da Pía, José Castro xoieira de Noroeste Obradoiro e Aitor Martínez artesán en madeira, tres voces que representan diferentes xeitos de entender a creación contemporánea. Un diálogo sobre identidades, marcas comerciais e persoais, valores compartidos e soños de futuro para a artesanía galega.



44.- Oficina Española de Patentes e Marcas, unha entidade pública ao servizo da artesanía
A Oficina Española de Patentes e Marcas é unha entidade pública que protexe as patentes e os modelos de utilidade, así como as marcas e os deseños industriais na artesanía. Esta entidade custodia un dos arquivos históricos máis importantes do mundo no relativo ao enxeño e á creatividade humana na súa faceta de propiedade industrial. Pablo López de Unceta e Eduardo Rodríguez Álvarez, guían este percorrido polo pasado, presente e futuro da protección da nosa capacidade de inventar.



43.- Ciencia, tecnoloxía, experimentación e fama dos construtores de instrumentos musicais na historia: Cristina Bordas
A musicóloga Cristina Bordas, referente internacional en organoloxía, condúcenos nun percorrido pola historia das persoas construtoras de instrumentos musicais: artesás, inventoras e enxeñeiras que uniron ciencia, tecnoloxía e arte para facer posible a música. Dende os obradoiros medievais ata as patentes do século XIX, Bordas amosa como a busca da harmonía impulsou avances técnicos e simbólicos, desde o compás e os autómatas ao piano de Cristofori. Un diálogo entre historia, experimentación e creatividade que reivindica o valor das persoas que transformaron o son en patrimonio universal. Cristina Bordas é catedrática emérita da Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Historia e Ciencias da Música coa tese "La producción y el comercio de instrumentos musicales en Madrid, 1770-1870". É autora dos catálogos "Instrumentos musicales en colecciones españolas" (Centro de Documentación de Música y Danza, INAEM/ICCMU, 1999). É membro da Sociedad Española de Musicología, do ICOM-CIMCIM ou do IMS Study Group Musical Iconography. É socia fundadora da Sociedad de la Vihuela, el Laúd y la Guitarra; así como de Instrumenta, asociacións das que foi presidenta en diferentes períodos.



42.- O cuatro, un instrumento portorriqueño, construído con castiñeiro galego. Ricardo Ramos e Pablo Hernández Mejías
Ricardo Ramos naceu en Bayamón, municipio de Porto Rico, illa caribeña cunha identidade musical propia marcada polo son do cuatro: un instrumento de corda pulsada que constrúe actualmente no seu obradoiro situado en Sarria (Lugo). O seu traballo combina o respecto á tradición boricua coas innovacións adquiridas na súa formación en Granada e La Herradura, achegando novas técnicas de construción. Como mostra deste diálogo, Ricardo Ramos presenta un cuatro construído con madeira galega de castiñeiro. Escoitamos a sonoridade deste instrumento grazas ao músico Pablo Hernández Mejías, que interpreta danzas, mazurcas e aguinaldos de Porto Rico en mestura con ecos da música europea, revelando a versatilidade e a forza expresiva deste instrumento da cultura popular portorriqueña.



41.- Un violonchelo con madeiras do rural galego. Adrian M. Pereiro e ensaia.
Adrián M. Pereiro é un lutier galego formado na Escola de Artes e Oficios de Vigo e na Escola Vasca de Luthería de Bilbao (BELE). En 2023 desenvolveu o proxecto “Un chelo, catro historias”: un violonchelo construído con madeiras procedentes das catro provincias galegas. Cada madeira achega unha historia vencellada á cultura, á artesanía ou á recuperación do patrimonio no ámbito rural. Detrás deste proxecto está ensaia., unha comunidade de financiamento colectivo que impulsa a creatividade, a innovación e o talento en Galicia. Cada ano, persoas de todo o mundo colaboran de forma voluntaria e anónima para facer posible a súa bolsa anual, destinada a apoiar traxectorias con impacto positivo no país. Artesanía, deseño, música, xestión cultural ou emprendemento rural son algunhas das disciplinas beneficiadas por este modelo.



40.- Pablo Carpintero e Rosa Sánchez: as gaitas de fol na provincia de Pontevedra
O contido deste PODCAST ten a súa orixe na conferencia realizada por Pablo Carpintero e Rosa Sánchez sobre as súas investigacións das gaitas de fol na provincia de Pontevedra, no marco Foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS convocado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia e o festival Música no Claustro o 6 de agosto de 2024, na Catedral de Tui. Trátase dunha aproximación aos diferentes tipos de gaitas de fol documentados na provincia de Pontevedra. Un patrimonio musical que non só sorprende pola súa diversidade, senón tamén pola súa antigüidade. Ao longo deste episodio, o músico, artesán e investigador Pablo Carpintero, acompañado na interpretación musical por Rosa Sánchez, amósanos a sonoridade destes instrumentos seculares e compartirán unha hipótese arredor da propia invención da gaita de fol.



39.- Madou Kouyaté e Fodé Lassana Diabaté: a construción do ngoni e o balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot
O contido deste PODCAST ten a súa orixe na conversa cos músicos malienses Madou Kouyaté e Lassana Diabaté no Foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS convocado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia e o festival Música no Claustro o 6 de agosto de 2024, na Catedral de Tui. Con Madou Kouyaté e Lassana Diabaté, integrantes do Trio da Kali, xunto ao manager Saúl Presa, achegámonos ao valor social e ás características de construción do balafón e do ngoni, dous instrumentos tradicionais de culturas minoritarias. Madou Kouyaté e Lassana Diabaté proveñen de célebres familias griots e creceron na profunda tradición cultural que se remonta á era precolonial do gran imperio de Mali. Con esta bagaxe natural, o Trio da Kali busca o equilibrio entre a antiga tradición, que é transmitida de forma oral de xeración a xeración dende os séculos XII e XIII, coa introdución de novos elementos e cancións no seu repertorio e estilo.