XIII EDICIÓN DE MÚSICA NO CLAUSTRO 2018 #REENCONTROS // DIRECCIÓN ARTÍSTICA DE SAMUEL DIZ

© Gore Vázquez

A Catedral de Tui convídanos á edición de maior envergadura e internacionalidade do festival Música no claustro. Sete días de #reencontros coa música, co patrimonio e coa creación, aos que se suma o concerto de presentación no Museo Nacional de Escultura.

Unha dobre sede co nome propio de #DiegodeAvellaneda. O legado dos seus escasos dez anos de bispado na Catedral de Tui aínda é notorio ao igual que no Museo Nacional de Escultura, entidade que conserva o seu valioso sepulcro renacentista desde 1933.

O bispo #DiegodeAvellaneda e o seu sepulcro articulan un programa narrativo de catro concertos de primeiro nivel con músicas renacentistas, barrocas, contemporáneas e jazz; un taller e unha conferencia de imaxinería castelá; sete percorridos arquitectónicos nocturnos e a conversa inaugural na Catedral de Tui con María Bolaños Atienza, directora do Museo Nacional de Escultura.

A ilusión e enerxía das novas xeracións continúa presente noutros catro concertos de música de cámara, jazz, blues e soul, coa presentación do novo disco de Eva Fernández, co debut en Galicia da cantante africana Tina Masawi ou co novo formato do tradicional ciclo de novos intérpretes.

Yolanda Castaño dálle vida á verba poética galega contemporánea xunto á presentación dun libro que nos mostra a primeira viaxe de estudos a Galicia do músico, con alma de poeta, Federico García Lorca.

O compromiso social de Música no claustro traballa por continuar ofrecendo a entrada libre a todos os concertos do programa. Nesta XIII edición afrontamos o novo reto de avanzar na adaptación do acceso ao espazo e actividades a persoas con discapacidade visual canda á ONCE.

O meu agradecemento persoal e colectivo a todas as institucións, empresas e persoas que fan posible esta agardada edición de Música no claustro, un festival entre o “doméstico” e o “monumental” nun dos espazos máxicos do patrimonio e da paisaxe galega: a Catedral de Tui.