O festival Música no Claustro impulsa a recuperación sonora da Misa medieval de San Telmo. Un proxecto de salvagarda e divulgación dos vestixios musicais e relixiosos da Catedral de Tui.
No arquivo da Catedral de Tui consérvase o Pasionario Tudense, un códice do século XIII que contén o oficio solemne de Pedro González. Este manuscrito, partitura en notación aquitana sobre liña vermella, ofrece a testemuña de maior significancia sobre a praxis relixiosa e cultural desenvolta ao redor da festividade de San Telmo na sede tudense durante a Idade Media. En paralelo ao seu valor musical e cultural, esta partitura de canto gregoriano contén a primeira referencia documental do beato dominico como patrón dos navegantes. Despois de permanecer durante séculos en silencio, o grupo Seconda Pratica protagoniza a recuperación sonora deste vestixio musical no mesmo lugar para o que foi creado.
Esta gravación audiovisual foi financiada cos fondos Next Generation da Unión Europea a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e o mecenado de Javier Vales, do concerto celebrado na Catedral de Tui o 24 de abril de 2022 coa colaboración do Concello de Tui, a través da súa Concellaría de Cultura e Ensino, e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.